Opinión

Viño e algo máis

Magnífico. Colleita excelente nas cinco denominacións de orixe de Galicia. No Ribeiro, 11.800 toneladas de uva recollida, o 31,55 % máis có ano pasado. Na Ribeira Sacra, 7.260 toneladas, un 18 por cento máis. En Valdeorras, 6.800 toneladas, un 44,6% máis. En Monterrei, 5.600 toneladas, un 0, 75 por cento máis. Na estraña DO das Rías Baixas, chegan case ás 21.000 toneladas. Será por estes datos, será polas boas perspectivas de calidade, será pola alegría que por si dá o viño, que o que ten que ver con este sector respira optimismo e vitalidade. Si. No mundo do viño as cousas, a ollos dun profano coma min, parece que se están facendo ben. A DO Rías Baixas, por exemplo, xuntou ao redor dun nome común viños que na nosa mocidade competían desde os seus pequenos espazos: viños do Condado, Rosal, Cambados, Ulla... e propiciaron un cambio na estrutura agraria costeira ben visible na extensión desas viñas que arestora ocupan case o dobre das do Ribeiro... E que dicir da mellora dos caldos? Lembran aquel viño atoldado e perralleiro que se servía a cuncas brancas nas rúas de Lepanto e Fornos e que favoreceu indirectamente o espallamento da cervexa? Agora xa non se pide “un branco”, por castes de uva, por DO, e concretamos por adegas. Tamén fomos mellorando os consumidores.

E creo que dos tres fíos trenzados que debería ter a economía de Ourense máis ligada á terra, ou sexa máis alá da industria e servizos -e que serían, un, agricultura do viño; dous, turismo de arte e natureza, e tres, termalismo, turismo de saúde-, o máis dinámico, sen dúbida é o primeiro. E deste dinamismo gozamos todos. Está empezando a haber unha cultura “eno”, como a houbo -ou hai- “hippy” ou “surf”. E esta, máis de “noso”. Desde as Cantigas á Lagarada. Desde Afonso X a Otero Pedrayo. As báquicas feiras do viño espalladas por todos lados, co Vinis Terrae en Ourense. A rota enoturísticas de Monterrei. O Viñobús da Ribeira Sacra. O Tren do Viño das cinco DO galegas. As visitas ás adegas da Rúa, o Festival Son de Vigo, en San Vicente do Mar, a nova Costeira Sonora de Viña Costeira. Viño, música, poesía, paisaxe, amigos, gozar da vida. 

E dentro desta gozar da vida, temos o éxito anovado ano tras ano de Cata a Arte. A sexta edición comezou o xoves pasado, casando viño e poesía. (Eu prefírolles casar, pois a palabra vén de acoller na mesma casa, a maridar, de marido e este duns mas maris latino que significaba simplemente macho.) Pois si, entre o impulso de Juan Casares, activísimo e eficaz presidente da DO Ribeiro, o acollemento agarimoso e ilusionado de Paco González no Marcos Valcárcel, puxémonos ao abeiro do tellado da casa sentimental dos nosos intereses e praceres, os viños Tarabelo e Torque do Castro -excelentes- das adegas Arco da Vella, de Beade. O seu propietario, o colleiteiro Eladio Rodríguez, derrochou medidamente sabedoría vinícola e a emoción dos seus propios versos e foi acompañado polos do poeta e letrista Armando González e os da verinesa Pepa Álvarez. Ademais, complementaren esta actividade coa recolla de doazóns para algunha ONG -o outro día foi Cáritas- é tamén unha boa idea por tece o interese polo viño, pola cultura, pola humanidade. Imos por un bo camiño, que, falando de poesía, ten rima fácil con viño.

Te puede interesar