Opinión

Vinte e cinco, cincuenta, cen anos

Cando alguén che di que es moi novo, malo. O que che está dicindo en realidade é outra cousa, tipo “déixate estar”. 
E un empeza a ser maior, digan o que digan, cando lembra cousas feitas de certo interese ou cando menos actividade pública de hai máis dun cuarto de século. E sen ir máis alá, teño arestora unha lembranza clara de algo no que participei hai 25 anos, o que quere dicir, claro, que aínda que un pense outra cousa, moi novo xa non son.
Vou ao tema e déixome de reviravoltas. Cando se celebrou -pouco- o 75 aniversario da revista Nós, ou sexa, en 1995, desde o Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, proxecto no que andaba metido daquela, e desde a Fundación Otero Pedrayo, na que tamén andaba metido, decidimos publicar unha cinta casete cun discurso; algo posible grazas a que fomos capaces de tecer vontades e facer confluír colaboracións e xenerosidades. 

O caso é que o doutor Carlos Guitián, ese grande galeguista de Ourense, dos de antes, como o seus máis de noventa anos permiten asegurar, tiña unha conferencia gravada do día 12 de novembro de 1970, no local que a Agrupación Cultural Auriense ocupaba na rúa Curros Enriquez, antes de que, baixo a presidencia de meu pai, se trasladase ao local que hoxe señorea o bar homónimo na praza do Correxedor. Naquela altura, a revista cumpría 50 anos, e realizáronse varias actividades públicas. Se cadra a máis duradeira foi a publicación dunha homenaxe da Real Academia Galega baixo o nome de “Nós, número 145”, que reuniu cando saiu, en 1972, artigos dos protagonistas aínda vivos e un extraordinario conxunto de índices feitos polo ourensán Xosé Ramón Fernández-Oxea, mestre e colaborador de Nós e cuxa colección completa da revista se garda na Biblioteca da Deputación. O caso é que na conferencia da Agrupación Cultural Auriense, presentado, por certo, por Eduardo Blanco Amor, aínda que moi amigos non eran, falou Otero Pedrayo sobre a historia da Revista Nós, con ton lírico, evocando as persoas e as circunstancias que formaron parte daquel movemento cultural. É don Carlos Guitián deunos permiso e montamos unha cinta casete -non había CDs accesibles naquela altura-. O estudo de montaxe, como era habitual, era o da COPE Ourense, e Alfonso Cid puxo a voz da introdución. Despois de elaboramos o master, mandamos facer as copias a Barcelona, como era habitual. O Correo Galego participou distribuíndo 5.000 copias co xornal o día 17 de decembro dese 1995, data na que se cumprían 100 anos do nacemento de Anxel Casal, o que fora o director da editorial Nós e impresor de A Nosa Terra e da revista homenaxeada, entre outras cousas transcendentes, como ser alcalde de Santiago ou ter sido asasinado nos inicios da guerra. 

No número do 17 de decembro de 1995 dese xornal está publicada unha transcrición feita para o Arquivo Sonoro de Galicia por Xabier Canosa e Miruca Pardo Valiña. 

Agora anda polas redes aquela transcrición e aquela gravación. Si. Hai vinte e cinco anos. Se cadra era bo recuperar o texto e poder reler aquela palabra emocionada de Otero, dita en Ourense, hai xa cincuenta anos. Os tempos, non por ruíns, andan menos acelerados.

Te puede interesar