Opinión

Violencia e desafectos

Miro a tele cada vez menos. Non sei se me estará pasando como a unha vella coñecida da miña avoa que lle comentaba -xa coa cabeciña medio ida ela- que os fillos lle compraran unha ventana pola que se vían cousas raras e incribles, cousas ademais de todo o mundo e de todos os tempos e ela non sabía como podía ser aquelo. A min, a verdade, non me chista moito pero, aínda así, claro, véxoa ás veces. E estes días vin cousas sorprendentes nesta revolución de ricos, máis ou menos insolidarios, con máis ou menos razón -porque esta sempre vai por parroquias- ou sexa que vin algo, pouco, do de Cataluña. E do que vin, o que máis aburrido me parece é o da violencia. E é, miren que cousas, o que menos me preocupa. Pola vulgarización do tema. Porque pelexar coa policía converteuse nun pasatempo de franxas da poboación mozas, burguesas, normalmente fillos de papá “desclasados”, temporalmente ás máis das veces, e que buscan emocións fortes, como o ponting, o parapente ou o paracaidismo. E isto vale para aquí, para Italia, para Francia... para calquera país europeo ou asiático do noso entorno cultural. Vexo estas imaxes e son cuspidas ás de Francia, Italia, Grecia, Hong Kong... Igual que hai Erasmus e andan os mozos europeos dun lado para outro estudando e ligando, pois tamén hai unha difusa internacional europea da bronca “antisistema”. Ese “sistema” que lles deu educación -mal aproveitada polo que se ve- e que lles garante que o “estado” non conteste a tiros: é gratis atacar á policía. E xúntanse hoxe en París e mañá en Milán ou Madrid. Barcelona, nestas cousas, está céntrica e ben comunicada. A nós, na periferia, chégannos só mozos derreados de camiñar e con desexos de paz interior. E que non me preocupe, non quere dicir que non me desacouguen as barbaridades que cometen, os violentos ataques aos funcionarios da orde e os estragos do mobiliario, e que vexa que é preciso acabar con esta manipulación da mocidade. Pero isto non ameaza o sistema democrático máis alá de producir tentacións totalitarias; se cadra aínda sobe Vox en novembro. 

Preocúpanme moito os desafectos. Evidente entre unha boa parte da Cataluña de nación ou de adopción e o resto de España. Deste progresivo distanciamento é exemplo a familia Maragall: hoxe, Ernest, candidato máis votado para alcalde de Barcelona, de ERC. Onte, seu irmán Pascual, alcalde socialista. Antonte, o avó Joam Maragall, poeta da Renaixença. Sería bo lembrar a súa “Oda a Espanya”, escrita pouco despois do desastre de 1898 e que comeza: “Escolta, Espanya,/ la veu d’un fill que et parla en llengua/ no castellana”; ou o seu texto “Viva Espanya” de 1908; ou o seu dito: “Espanyols? I tant! Ho som més que els castellans!”. E neste desafecto actual teñen, sen dúbida, culpa os líderes. E non só os Puigdemont ou Torras de turno, senón tamén os fillos ideolóxicos das rúas que aparecen -ou aparecían- no Monopoly e que van cazar ás fincas de Toledo, e que falan de “España” enchendo a boca como se en vez dunha casa de veciños, fose un couto de caza e eles os gardiáns. E se uns calan ante a bronca dun lado, os outros sorríenlles aos do brazo erguido. 

En fin, cómo recoser o tecido roto dos afectos? De ser posible, cumprirían homes de estado que soubesen que “máis vale mal acordo que bo preito” e que deixasen de baduar uns dos outros e falasen seriamente como arranxar o tema. É complicado, é. 

Te puede interesar