Opinión

Os viros, hipótese toponímica

Saben vostedes que sobre os nomes dos sitios, hai unha longa tradición de lendas. Por poñer un par de exemplos, no Val de Verín hai dous lugares, máis ou menos próximos, “Vences” e “Nocedo”, e como explicación popular relatábase unha lenda na que dous xigantes pelexaban e un púxolle o pé no pescozo a outro e cando se lle pediu que se rendise, seica dixo o vencido desde o chan: “Tu vences, pero yo nocedo”. Outra de Castro Caldelas fala tamén dun conde que tiña unhas fillas e ante non sei que requirimento sobre unha, preguntou ao seu interlocutor  “Cal delas?”. E está claro que Nocedo ten que ver con noces -sería ou “nogueiral”, de existir a palabra- e Caldelas, é un diminutivo de Caldas. Así pois, a etimoloxía popular son só explicacións máxicas, aínda que hai topónimos transparentes. Se eu digo “Carballeira”, “Ceboliño”, “Polvorín” ou “Valdorregueiro”, pois non fai falta que lles explique a que están asociados. Outros precisan un pouco máis de estudo. Se digo “Cachamuíña” pódolles explicar que en orixe era “Casa dos muiños” ou que “Rairo” seica vén dun “ranario” por lugar onde había moitas ras.  Por ese atractivo de adiviñar o que significan os nomes, hai moita xente que “arrisca” moito. Cando algúns vinculan o nome de Ourense cun xermánico “Worm See” -seica augas quentes-, estaban deixando o fácil -que viñese de auriense, polo ouro- polo complicado, e xa saben que como na navalla de Ockham, a explicación máis sinxela acostuma ser a máis probable.

Pois eu, arriscándome no pasatempo etimolóxico, creo que hai un topónimo que dá nome a un lugar case integrado na cidade, que ten pouco máis de cen anos, nunca o vin en documentación vella. Refírome a “Os Viros”, que como saben é un pequenísimo núcleo, a seguir á Rabaza, subindo pola Av. de Buenos Aires. Sería un topónimo exótico, vinculado a algo chamativo e recente. Vostedes saben do Paseo do Colesterol. E quen lle puxo ese nome que figura incluso nas placas? Pois “o pobo”, e, por certo, nada orixinais os ourensáns, pois Rutas ou Paseos do colesterol hainos por toda España: Oviedo, Avilés, Castellón, Granada... Cousa de consellos médicos.

Ben, pois o outro día lendo o excelente blog “Diario dun médico de guardia” co que o doutor David Simón-Lorda nos ilustra sobre todo o que ten que ver coa historia da medicina, médicos e sanidade en Ourense, falaba dun “Hospitalillo da Rabaza” aberto en 1909 para atender aos enfermos de varíola e que así estiven arredados e non colapsasen o antigo hospital das Mercedes. E cóntanos con profusión de documentación, que o tal hospitalillo estaba situado a un quilómetro e pico das Mercedes nesa dirección, nun lugar indeterminado, e que foi atendido polas Servas de María.  O hospitaliño funcionaría intermitentemente; en 1914 protestaban os veciños pola súa ubicación,  dirixidos polo farmacéutico da Av. de Buenos Aires, Juan Vidal,  e acabou pechando; en parte, se cadra, porque as obras do Hospital das Lagoas -da Loña, daquelas- estaban en marcha.

E aí vai a hipótese. É posible que o nome de “Os Viros” -de virus a viros hai pouca distancia- teña que ver co temores das xente á presenza dese centro de atención de enfermos, e sexa un nome popular semellante ao do Paseo do Colesterol? Non é imposible. Teñamos en conta, ademais, que o substantivo “viro/s” está presente na fala desde antes da popularización do termo moderno, virus,  como sinónimo de “miasmas”, “pezoña”, “veleno”. Tal se dicía en latín e tal recollen os dicionarios portugueses. Pode ser. Ou non, claro.

Te puede interesar