Opinión

Viva a Xeración S.O.S

Opinión

Viva a Xeración S.O.S

Corría o ano 1988 e escapei unha fin de semana longa de Santiago de Chile sobre todo por cruzar a cordilleira en bus polos caracoles da ruta 60 -búsquenos en Google e alucinan- e visitar Mendoza, a capital do viño da Arxentina. De todas as cousas que lembro, a que máis presente teño sempre, á parte das viñas e da xeoloxía, claro, é a actuación dun grupiño de música lixeira local no Parque General San Martin. Cantaba unha mociña cun vestido indio e un acento precioso e dicía algo de “sentados vós y yo a la orilla del bar”... E tiven que escoitar varias veces para ver que efectivamente era “bar” e non “mar”. E si, no conxunto da canción facía un canto ao espazo de sociabilidade que se produce ao redor do “bar” entendido no seu sentido máis plural. E si, efectivamente para a nosa cultura, o bar é o punto de encontro no que se vive o mundo e se soña con recrealo. Se a ágora era o centro para os gregos, se o patio da mezquita é o punto de encontro para os musulmáns, no noso mundo, o herdeiro do foro romano e das tertulias das termas son os cafés e os bares. 

E fan ben os da hostelería ourensá evocar á vella xeración intelectual de Nós, co seu reclamo publicitario evocador en tipos de letra, en nome e nos tres piares nos que se sostivo a revista, grazas á súa publicidade: hostelaría, comercios e autónomos. Nada máis certo e real. O bautismo da revista prodúcese nunha xuntanza en xuño de 1920 no Café Méndez Núñez de Pontevedra. En setembro dese ano, veñen a Ourense Losada Diéguez, Castelao e Valentín Paz Andrade, e dinos este en 1970: “A redacción da revista non tiña local autónomo. Funcionaba ou despacho particular do director (Vicente Risco) ou nunha banda, máis ou menos recollida, do Bar Roma. Neste escenario foron aquelas xuntanzas inesquencentes”. O Roma, o Méndez Núñez... Tamén o Hotel España de Santiago, onde se xuntaron a comer despois dunha conferencia Castelao, Risco e outros en marzo de 1920 e empezaron a falar. 

Hai un libro alucinado e alucinante, titulado “Anecdotario de la Falange de Orense” no que Fernando Melero fai unha persoal e simpática descrición das tertulias que se organizaban no Hotel Roma, en 1934, e aí aparecen. En fin, tamén o café Royalti xoga un papel n’O Porco de Pé de Risco. E as tertulias da postguerra, nas que naceu Posío artes y letras beberon café do Hotel Miño, do Hotel Parque, do Cortijo... Nesta última, aínda coincidín eu algún día con Otero Pedrayo á saída da misa das nove no Santo Cristo. E os encontros, laicos, con viños e pinchos, dos as artistas con Risco e Otero ao calor do Tucho no Volter.

Non se pode entender a cultura, a música, a literatura, a pintura, sen a restauración, sen o café, sen o bar. Son o punto de encontro neutral e libre. Sen a rixidez dunha sociedade de socios, sen a hexemonía inercial do que convida na súa casa, cunha axilidade mental estimulada polo café ou a locuacidade goliardesca e creativa do viño ou da copa. Lembro, xa o teño lembrado, pero volvo, a don Eduardo Blanco Amor “rifándome” porque a súa sorpresa ao volver da Arxentina a Ourense en 1965 era que as tertulias pasaran de moda fronte ao costume novo de “ir de viños”. Para el, defensor das tertulias nas que o escoitasen, o de tomar un viño de pé falaba de urxencias nada positivas. Eu dicíalle que non, que había tempo para todo, que mellor ir a tres ou catro sitios, ver xente, charlas máis difusas, máis libres, menos organizadas, sen tanto ánimo de trascendencia, e botar unhas risas, in itínere. En fin, tanto ten. Sexan os locais que están no ceo -como o Roma ou o Alaska (pésame á familia do Antonio, por certo)-, sexan os que resisten, son peza clave no noso mundo de relacións. Merecen todo o noso apoio. Polo que son, e pola vida que vivimos e viviremos neles.