Opinión

Vivan os traballadores

Non crean que se achega o primeiro de maio. Nin que me deu por afiliarme ao Partido Trabalhista do Brasil. Só me move unha pequena reflexión de agradecemento fronte á, chamémoslle, “situación actual”. 

Hai pouco lin un libro de Manuel Chaves Nogales, extraordinario e libérrimo como todos os deste home, morto en 1944 no exilio londinense, da Guerra Civil española, da II República, de Franco, fuxido dos nazis, e do sursumcorda, no que analizaba con acedume e realismo a caída tranquila de Francia fronte ás tropas e ideas de Hitler. E entre outras interesantísimas reflexións estaba a da valoración dos traballadores públicos como eixo central do mantemento da vida cidadá nos momentos de máximo esfarelamento do sistema político. Puña el de exemplo, creo lembrar, que estaban os nazis entrando en París por un lado, e os varrendeiros recollendo o lixo por outro, e os funcionarios de augas facendo que estas saísen polas billas das casas dos cidadáns, e todo, máis ou menos, cunha ficción de normalidade. E coa pandemia actual, xa vimos como durante o confinamento os traballadores -entre os que conto, evidentemente aos empresarios, pois nin coñezo empresarios nugallaus, nin que traballen pouco- mantiveron o tipo, e abasteceron os supermercados, e fixeron funcionar os hospitais, e o servizo de recollida do lixo, e o alumeado público, as empresas básicas, etc. 

Xa poden os políticos tolear, xa poden arregañar os dentes uns cos outros e lanzarse trabadelas, xa pode pasar calquera cousa, que os traballadores públicos e non públicos saben que deben asistir aos seus postos de traballo e continuar a gañar o pan co seu servizo á colectividade. Estou seguro que se unha condutora de autobús está enferma e non pode ir traballar, queda na casa sumamente desacougada por como organizarán o servizo na súa liña os compañeiros. Estou convencido, sei, que os profesores se matan por ir a clases en calquera circunstancia. Sei que todo o mundo que traballa sabe que forma parte, que ten a sorte de formar parte, dunha engranaxe social e económica que, perfectible coma todo, é a que fai que o mundo se manteña e xire sen saír do seu eixo. Poden cambiar milleiros de cousas, pero a consideración íntima de que o esforzo persoal e colectivo é a base do funcionamento permanente e do benestar colectivo, non. Hai un orgullo transversal do traballo que é boa cousa.

Así pois, neste momento de tribulacións de todo tipo, déixenme agradecer a todos os traballadores o seu esforzo diario, sexan albaneis, agricultores, camareiros, farmacéuticas, profesores, asistentas, cerralleiros, taxistas, dependentes, autónomos, comerciantes, comerciais, obreiros da construción, do metal, das enerxías, da saúde, varrendeiros, funcionarios e xestores, directivos e peóns de todas as empresas e institucións públicas e privadas deste planeta e doutros que poidan existir.

Por iso son só unha molestias para os cidadáns os disparates políticos, pero non son nada transcendentes. As nosas vidas continúan con bastante normalidade, porque existen os traballadores, que, por activa ou pasiva, á postre, somos a inmensa maioría da poboación. Si. Non hai outra. Máxima consideración ao mundo do traballo. Vivan os traballadores. 

Te puede interesar