Opinión

Vulnerabilidade e modestia

Das poucas cousas boas que trouxo a pandemia, unha delas é o exercicio da paciencia, esa facultade humana que nos permite afrontar as contrariedades con calma. Así, estes días que me movín bastantes veces pola estrada de Ourense a Pontevedra, exerciteina con ese “túnel da Cañiza móbil” que son os transportes diurnos -non sei por que non os fan entre as tres e cinco da mañá- das partes dos aeroxeneradores que se fan no Carballiño e que se desprazan en inmensos transportes por estrada. Tan grandes que, cando xiran, ocupan terceiros carrís e parte do contrario, polo que van precedidos por un coche que vai avisando e acenándolle para que paren nas beiras un momentiño os que veñen de fronte; son case imposibles de adiantar. Así, o outro día, non pasei de 26 quilómetros por hora entre Brués e A Ermida cando o amable condutor puido apartarse un momento para que se desfixese a fileira que traía detrás. E non é a primeira vez. Noutra circunstancia, seguro que me incomodaría máis, pero agora sabémonos que hai moitas cousas que non podemos controlar: a nosa resignación está máis adestrada. Como se dicía antes: “Deus nos libre do que poidamos aguantar”

E si, este bienio 20-21 estamos recuperando consciencia da nosa vulnerabilidade, o que tampouco é mala cousa. Todo é moi ensarillado e calquera alteración da cotidianeidade, pode desarticular todo. Non se trata xa de andarse botando as culpas uns a outros, de nada serve, senón que ás veces hai forzas da natureza que nos lembran que, aínda que case o creamos polos nosos ousadísimos e sorprendentes avances tecnolóxicos, non somos deuses. Si. O bicho que anda entre nós, por exemplo, meteunos nas casas para intentar fuxir do seu veleno. Os médicos sábeno ben, pois estudan unha materia de epidemioloxía, pois en calquera momento podía vir; e prever o imprevisible está fóra da nosa capacidade; e por iso en todos os países pasan cousas parecidas, e mellor saímos dela, os que temos sanidades exemplares. Logo veu a inmensa nevada e frío que, fóra Galicia, meteu España no conxelador. Dúas forzas da natureza viva e desatada. Non todo o natural é positivo. Non, as agresións que nos fai a natureza, como o tsunami de hai anos no Índico, como os tremores de terra, os volcáns en erupción, as treboadas e ciclóns, as xeadas que estragan as colleitas, son parte da súa esencia, e non unha resposta á nosa soberbia. Esa vinculación unívoca que algúns tratan de establecer entre o comportamento dos seres humanos coa natureza e as cíclicas catástrofes naturais son, evidentemente, falsas, como ben nos ensina a historia, desde a desaparición dos dinosaurios. E ninguén deduza das miñas palabras que non hai que mimar a nosa relación co mundo natural. 

E o problema do túnel da Cañiza e o do barco atrancado na Canal de Suez, dúas calamidades de distinto nivel, teñen idéntica orixe nunha combinación de factores humanos e naturais: sobre construcións humanas, o vento no caso da Canal de Suez e o lume no caso do túnel.

En fin, que si, que somos vulnerables. Que somos humanos. Que debemos actuar con máis modestia como especie e como individuos. Ou sexa, etimoloxicamente, debemos adecuarnos máis á medida, ao modo, á capacidade. A medida do que somos, seres humanos, animais sociais, bípedes de andar lento, intelixentes, diversos, que tardarmos moito en valernos por nós mesmos, con capacidade de empatía, que vivimos, máis ou menos, o triplo dun cabalo, moi vulnerables fisicamente e, si, a única especie que desde que ten uso de razón sabe que é mortal, e que un día desaparece e só quedará na Terra a súa semente e a lembranza fugaz do que seu paso por ela. 

Te puede interesar