Opinión

A Xeración Nós, parte de nós

As frases anfibolóxicas son aquelas que poden significar dúas cousas distintas. Como a que dá título a este artigo. Ese segundo “nós”, pode ser entendido como o pronome persoal de primeira persoa plural, ou sexa vostede, querido lector, e eu; mentres que a “xeración” sería parte da nosa bagaxe cultural. Pero tamén pode ser entendido o segundo como algo máis, como o período histórico en que desenvolven actividade principal, entre 1916 e 1936.

Explícome. Ás veces ás cousas pequenas poñémoslle moitas lupas para facer como se fosen máis grandes. Así, por exemplo, nos vellos manuais escolares de literatura galega, de inicios dos oitenta, incluíanse nomes de autores a esgalla para “encher” e que parecese que tiñamos unha literatura enorme. E si. Temos unha literatura magnífica para o que somos, unha comunidade de 2,7 millóns de habitantes. Podemos presumir das cantigas medievais, de historia do XIX ao redor de Rosalía e Curros, do XX ao redor dos clásicos de Nós, e de Blanco Amor, Cunqueiro, de Casares, de Ferrín, Manolo Rivas e Alfredo Conde, por exemplo. Temos unha vidiña cultural proporcionada, avolta, cos seu cumes e os seus pozos, coas súas marabillas e miserias, coas súas pexas e vitorias, sen necesidade de forzar hipertrofias. 

E dentro destas achegas de lupa, temos a cuestión das categorizacións. Ou sexa, que etapas, períodos, xeracións, movementos, etc. recoñecemos. De mirarmos moito polo miúdo, cada autor ten as súas características e personalidade, e, déixenme dicilo, a súa propia “weltanschauung”, que, como nos lembra o dicionario, é a súa cosmovisión. 

Pois ben, eu creo que fóra dos ambientes de especialistas, non deben proliferar denominacións para grupos que van moi seguidos e relacionados. Imos ver. Faláballes de “Nós” ou do “tempo de Nós”, e iso é un período que vén despois do Rexurdimento do XIX no que, globalmente, se volve a reimpulsar a identidade propia de Galicia baixo uns parámetros máis modernizadores. E poño destas datas porque en 1916 Castelao empeza a debuxar o Álbum Nós e en 1936 desaparece a Editorial Nós que publicaba naquela altura a case totalidade do que se escribía en galego. Así pois, habería un tempo de Nós, vinte aniños, no que teriamos un Álbum con ese nome; as Irmandades, desde 1916 -diversas, diverxentes e cambiantes, só en Ourense, en poucos anos, usáronse as denominacións Irmandade Rexionalista de Ourense, Mocedá Galeguista, Irmande Nacionalista Galega e Irmandade Galeguista-; unha revista nuclear que sae en 1920; un polo de investigación que é o Seminario de Estudos Galegos, 1923, e a editorial e Imprenta Nós, desde 1927 a 1936. E como temos, Álbum, revista, editorial e imprenta, co nome de Nós, creo que esta é a denominación adecuada para acoller a todo ese tempo. Pois Nós serían todos os que estiveron relacionados con esas iniciativas culturais. E aí integrariamos a Castelao e ós outros fundadores da revista -xeración Nós- pero tamén ás xentes que traballaron na montaxe das Irmandades –xeración das irmandades- xentes algo máis novas, do Seminario de Estudos Galegos -xeración do Seminario-, ou as deseñadores das capas da imprenta -xeración dos trinta-, etc. Así, se digo Risco, Otero, Carballo Calero, Villar Ponte, Cuevillas, Xoaquín Lorenzo, Filgueira, Fraguas, Casal, Seoane, falo de xente que participou en varias cousas. Dalgún xeito todas as xentes activas na cultura galega deses vinte anos, son xentes Nós, aínda que non pertenzan, estritamente, á xeración que ergue a revista.

Te puede interesar