Xi Jinping, Otero Pedrayo e o Museo

Xi Jinping, Otero Pedrayo e o Museo

Hai un par de días, ou tres ou catro ou cinco, que vén sendo o mesmo, inaugurou o presidente Xi Jinping, na China, a ponte máis longa do mundo e que une a ex-portuguesa Macao co ex-inglés Hong-Kong e outra cidade, sempre chinesa, Shenzhen, que seica é o Silicon Valley da terra.

En total a construcionciña mide 55 km sobre o mar, tal que 36 pontes de Rande seguidas. E para permitiren o tráfico marítimo presente e futuro, que ninguén sabe como serán de altos os barcos dentro de 200 anos, a estrada afúndese en dous túneles submarinos durante 6,7 kilómetros. Pero na inaguración houbo sensacións agridoces. Ao lado do éxito da obra de enxeñería máis espectacular do mundo, había unha rictus de pena porque houbera un retraso. Si. Pensaron que acabaría en sete anos e botaron nove. En vez de 2016 remata en 2018. 

Teño a impresión de que en faceren esa obra poderían ter algúns inconvenientes maiores que na reforma do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense que leva 16 anos pechado. Si, tecnicamente debe ser máis fácil reformar un edificio de, digamos, 1.000 metros cadrados que construír 55 kms sobre o mar e túneles por baixo do mar de 6,7 km. Creo. 

Ou sexa que, se cadra, deberiamos convidar a Xi Jinping a vir a nosa querida urbe medieval, termal e fatal e, de paso, preguntarlle como fixo. Se teñen que vir enxeñeiros ou políticos chineses, pensámolo. Se hai que fusilar a alguén -en China son moi dados ao tema- pois entón habería que consideralo con máis calma, pois hoxe, e esperemos que por moitos anos, non é politicamente correcto por estas terras nosas. 

En fin, alá no fondo, a culpa é de non lle faceren caso a Otero Pedrayo.

O día 1 de xaneiro de 1951, nunha carta de saúdo de aninovo que don Ramón lle dirixe ao seu amigo Filgueira Valverde, amósase horrorizado de que o bispo deixe o seu pazo da Praza Maior e marche vivir ao actual Bispado, que fora construído como seminario a finais do XIX e libre naqueles meses porque os estudantes foran para o actual Seminario Maior. Este baile eclesiástico foi a razón última de que Ferro Couselo lle botara o ollo ó vello pazo do bispo para instalar nel, con lóxica, o Museo Arqueolóxico.

Otero oculta na carta o nome do prelado -Francisco Blanco Nájera- e el, que fora o voto galeguista a favor do estado confesional nas cortes constituíntes da II República, amosa na conversa amical unha dureza de xuízo hiperbólica que, abofé, nunca tería feito en público. Di Don Ramón:

O 1950 remataría docemente pra min si non fora por o lago do meu curazón ourensán do cerne do Espolón e da rúa da Paz ferida, como a descendenza da videira chantada por San Martiño por a cismática, escandalosa, irreverente, mol e respeitosa co demo, o mundo e non sei si a carne, inoportuna “fere” blasfematoria, e propincua á herética acordanza do 97 bispo ourensán deixando o pazo dos seus 96 antecesores, o pazo bispal cecais de máis seguida e antiga tradizón galega -pois Ourense non andivo dubidando como Tuy ou Mondoñedo en escoller o cocho da cidade por un arrabaldo que aínda lembramos os vellos soio habitado por xente da tralla-. Estoulle verdadeiramente doorido. Á noite escoito o baixo pranto da Fonte Nova e do antigo adral da Esperanza. 

Curioso chamarlle “arrabaldo” á Alameda; pero si, alí chegaban e saían os coches de cabalos e os arrieiros. Era, nos comezos do XIX, zona marxinal. “Xente da tralla, non hai pior canalla”.