Opinión

A xudía Raquel e a virxe da Burga

Hai un libro precioso, accesible na rede, titulado “Contos, leendas e tradiciós”, impreso en Ourense, en 1891, no obradoiro de El Eco de Ourense, e da autoría de Heraclio Pérez Placer, un dos creadores da prosa galega contemporánea. 

Nel recóllense, como di o título, unha serie de contos e lendas da cidade; algúns chegaron a nós. Como o do can minguante de san Roque feito Xan da Coba para Cudeiro, que non era milagre senón que o fixera, polas présas, nun nabo, verdade que descubriu o bispo. Tamén hai unha declaración inicial, de hiperbólica paixón por Ourense, co título de “Ourensiño, meu Ourense” de simpática lectura. 

Ben, aí aparece unha lenda sobre os xudeus de Ourense que debeu de oír na súa nenez o autor. Titúlase no libro “A virxe do Carme da Burga” e explica a orixe última da pequena capeliña incrustada no muro das Xosefinas e que tanta devoción tivo outrora entre as traballadoras da vida da rúa do Vilar e anexos. Cóntolla.

Resulta que Raquel, unha xudía fermosa -descrita cunha sensualidade sorprendente para o inicio da prosa culta de tema urbano en galego- está na soidade do seu cuarto rezando a unha imaxe da Virxe do Carme. O pai, malvado, descúbrea e bótaa da casa por cristiá. Sentou ela logo no medio da noite de xeada, en camisón, no descampado que había na Burga chorando e véndose morrer de frío. De súpeto, baixa Ismael pola “costa do Concello” -a que sobe á Alameda-. E velaí vén o mozo cantado, é o seu adorado Ismael, un mozo tamén xudeu. Ela cóntalle que o seu pai a botou da casa por cristiá... E el dálle a razón ao pai, e apártaa de si. Ela cóntalle como chegou a iso. Resulta que sabedora de que Ismael estaba gravemente enfermo, cada día a peor, e ela desesperada, recorreu a rezarlle ao Santo Cristo prometéndolle volverse cristiá se sandaba o rapaz. O Ismael recuperou a saúde e o contacto con Raquel que exerceu de cristiá na intimidade. Non ía á Igrexa por medo que a visen pero fíxose cunha imaxe da Virxe do Carme e a ela lle rezaba na soidade do seu cuarto. O Ismael está a piques de amolecer, pero ela ensinoulle a imaxe que gardaba oculta, e de novo se anoxou con ela, dicíndolle: “Pois se tanto a queres, cásate con ela”. 

E marchou de alí, e ela morreu soa e de frío. Á maña seguinte, os cortadores do matadoiro municipal que alí había -e cuxo escudo se conserva no Museo Municipal, por certo- viron a nena morta sostendo entre as súas mans a imaxe da Virxe, toda rodeada dun limbo que coroaba a imaxe de “célicos resplandores”. Todo o pobo achegouse a ver a xudía morta e a imaxe milagreira. De súpeto fixo a noite en pleno día e “rachas de luz cegaron os ollos dos espectadores”, e cando volveron ver, só estaba a imaxe no chan, mentres os anxos levaban en andas a pobre Raquel cara ao ceo. 

E remata o conto: “Os cortadores fixé-ronll’un nicho pr’a milagorsa imaxen, y-alí por moitos anos estivo hasta que sin saber como, desapareceu e foi reemprazada pol-o modesto retablo qu’hoxe ten. Todo desapareceu: o barreo d’a xudería xa non existe, pero os cortadores inda conservan as tradiciós dos seus abós , pois inda todol-os anos lle fan a festa á Virxen do Carmen da Burga. 1889”. 

O matadeiro desapareceu desa ubicación en 1927, e con el a lenda. Cóntanos Ben Cho Shey, que un raio partiu a imaxe e que puxeron no lugar, en 1926, unha de pedra policromada da fachada da capela do Posío, derrubada nos anos 20 do XIX, e que se conservaba daquela na Trindade. Detrás de cada lenda, hai unha historia. Sempre.

Te puede interesar