Opinión

O retorno dos emigrantes

Coa crise económica do petróleo nos anos 70 produciuse un primeiro retorno masivo cara a Galicia, retorno que coincidiu coa morte de Franco e o proceso de transición o
que fixo dil un fenómeno silandeiro dende o punto de vista sociopolítico. Este silencio abrangueu tamén ó retorno máis próximo das décadas dos 90 e desta primeira década do século XXI. Unha das razóns para este valeiro é que moitos dos retornados están en idade próxima á xubilación ou xubilados o que os fai “invisibles” en certo sentido para as axencias estatais. Outra razón é que os fillos nacidos fóra son en ocasións considerados inmigrantes e non retornados. A este feitos hai que engadir o drama da inmigración africana que enche a cotío ás pantallas de tv e os xornais ocupando a prioridade dos estudos e das políticas relacionadas coa emigración.

A emigración supón un choque cultural evidente. O emigrante galego proviña dun cabo do mundo atrasado e ancorado nun mundo premoderno e rural, tendo que adaptarse a sociedades máis desenvolvidas, e linguística ou culturalmente diferentes. Isto provocaba un proceso de dó polo que deixan tras de si, ademais dun custoso proceso de adaptación á nova cultura.
Cando voltan, o choque é inverso, sendo necesario sacrificar aspectos moi queridos da súa personalidade e dos seus hábitos para adaptarse de novo ó país (é chamativa a velocidade con que os nenos perden o acento mexicano ou venezolano na escola mentres que os nenos criados no país vasco manteñen o acento ate a vida adulta, o que nos informa de que estatus se confiren e lles confiren ós nenos a cada identidade). Este fenómeno do choque cultural inverso explica moitos dos sentimentos de idealización do país adoptivo e de desleigamento con respecto ó país de orixe que presentan moitos os nosos retornados.
Un motivo de frustración ten que ver coa situación de tempo cativo, que vive o emigrante durante o tempo que pasa fora. Encadeado entre as lembranzas do pasado e as lembranzas do futuro imaxinado. O retorno final implica actualizar ese futuro imaxinado e comparar eses recordos imaxinados co futuro real. A identificación é imposible e en moitos casos daí xurde a decepción e a sensación de falla de sentido.

Conclusións
Para concluír temos que sinalar que, como é lóxico, o máis importante para mellora-las condicións de vida dos nosos retornados son as medidas que operan no real, sobre as condicións laborais e sobre as prestacións sociais que perciben. Sen embargo comezámo-lo texto sinalando que o retorno era un fenómeno silandeiro.

Non debe se-lo, o debate sobre a emigración e o retorno debe saír das cociñas e das consultas, as historias de vida deben pasar a estar presentes nas escolas, nas asociacións, nos concellos...
...Temos que escoitar atentamente, porque a carón de nós, hai xente que fala con acento de Berna ou de Bos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país e que merecen que o aproveitemos.

Te puede interesar