Opinión

A arte da impudicia

Xa lles teño falado que, con independencia da información que ofrece, cánsame moito o continuo acenar do presentador de ARV, ese informativo do mediodía. A súa actitude corporal recórdame moito a de Tony Soprano, o interprete daquela serie de televisión que trunfou hai xa uns cantos anos; a maiores, o modo que ten de dar noticias é semellante ó anuncio dun gol no campo da Romareda ou do Nou Camp: atención, atención sete mortos en Italia...e cousas así. A información é xa outra cousa. A uns pareceralles de marabilla e a outros atragantaráselle nada máis velo abrir a boca ou acenar coas mans coma se espantase moscas. Dito isto entenderán que me pase a outras canles que me digan outras cousas.

Hai uns días vin como transportaban os exipcios os seus enormes monolitos de mil toneladas e, hai menos, como os chineses de hai máis de mil anos construían barcos incribles ou utilizaban a que nos chamamos suspensión Cardán e lla atribuímos a Girolamo Cardano. Esas dúas reportaxes, millor dito, eses dous documentais,  resultáronme bastante máis interesantes que os improperios habidos entre a deputada Álvarez de Toledo e o ministro Iglesias, por poñerlles un exemplo de doada dixestión sen importarme moito que lles guste ou non.

Girolamo Cardano, un cidadán do século XVI, aprendeunos a fórmula de resolución das ecuacións cúbicas e foi o que se coñece coma un verdadeiro home do seu tempo. Reléndoo atopeime co feito de que se auto cualificaba como harpocrático. Confeso que teño as miñas limitacións, non poucas, e que o término me superou, así que resolvín consultar co doutor Google. 

Agora sei que Harpocrates é o deus exipcio Horpajard, ou sexa Horus, o deus do silencio, que os crentes do seu tempo representaban enriba de dous crocodilos ós que lle pisaba as cabezas mentres nunha man sostiña unha cabuxa polos cornos e non sei xa que outro bicho coa outra, mentres se nos amosaba espido,  deixando asomar unha piroliña moi pouco grandiosa pra se tratar dun deus por moi discreto que fose.

Así que un harpocrático é un amante do silencio. Enterase un de cada cousa! Meu pai, que era harpocrático, sempre me aconsellou que a millor palabra é a que está por dicir; tamén que un é dono dos seus silencios, pero non das súas palabras. Como morreu moi cedo non me deu tempo a preguntarlle se lera a Cardano quen dí que é millor calar cen cousas que haxa que dicir, que dicir unha soa que haxa que calar. Meu pai era deses. A min moito me gustaría selo. Pero véxoo difícil, escribindo tanto coma escribo; sabendo como sei que o escritor non é dono nin tan sequera dos seus silencios, sometidos sempre a todo tipo de criterios, como debe ser, naturalmente. Quizás por iso os que escribimos practiquemos, moito máis do que pensamos e mesmo máis do que nos gustaría, a arte da impudicia. A miúdo espímonos máis do que deberiamos. E deixamos que os demais contemple as nosas vergonzas. Disimúlennolo.

Te puede interesar