Opinión

A cultura se medievaliza

Escribíu Chateaubriand que convén ter moi en conta a superioridade que as letras outorgan a un pobo sobre outro, aínda cando esoutro demostrara grandes virtudes guerreiras e recordounos, nese sentido, que as batallas de Leuctra e de Mantinea prácticamente borraron da terra o nome de Esparta mentres que o de Atenas, ocupada que foi polos lacedemonios e arrasada que a deixou Sila, non deixou por elo de manter o seu imperio. Aínda hoxe e dalgún xeito o mantén...ou o veu mantendo, ata que as Humanidades deixaron de ter o seu lugar nos plans de ensino de tantos e tantos países, diríase que de demasiados países.

A historia apréndenos que os imperios militares, os logrados mediante o uso de forzas de invasión, non van moito máis alá dos catorce ou quince anos de ocupación, máis ou menos. Pregúntenllo senón ás ánimas de Napoleón ou Hitler, por poñerlles dous exemplos do que duraron como ocupantes dos gobernos duns países que non eran os seus. Seguro que esta suxestión é discutible. Os exércitos dde Napoleón cando menos foron espallando polo mundo os principios da Ilustración de liberdade, igualdade e fraternidade que aínda hoxe están recentes malia que moitas veces poida parecernos que están chegando ó seu fin e que a Historia empeza xa a ser outra, distinta de como a viñemos entendendo deica os nosos días. Os de Hitler fixérono contrariando eses principios. Uns e outros aínda teñen seguidores. Élles pola condición que adoitan amosar os seres humanos.

Teñen as letras e dispón a cultura do lugar e da consideración da que desfrutaron dende a Ilustración a hoxe? Teño pra min que non e sei que, todo ó longo da Historia, houbo longos períodos nos que a cultura permaneceu agachada en lugares remotos e diríase que inaccesibles. Logo de Grecia, logo de Roma, veu un período negro no que o que entendemos por ela tivo que vivir agachada, oculta nos mosteiros, mentres o resto do mundo seguía o seu camiño. Entre Cervantes e Pérez-Galdos a novelística española foi a que foi ou millor dito non foi a que puido ou debera ter sido; sen embargo o mundo continuou funcionando igual. Igual? Mentres iso sucedía España foi perdendo capacidade e influencia, liderado e presenza no concurso das nacións.

Faime cismar en todo isto a presenza na miña mesa de traballo dun vello número, ou non tan vello pois trátase do 549, datado o sábado 7 de decembro do 2013, do suplemento Culturas do xornal galego que ocupa o cuarto lugar en importancia de tódolos que se editan en España. Foron mans amigas, e queridas, mans amadas, as que mo pousaron onde lles dixen. Aínda non lle preguntei ónde deu con el. A súa portada ven ocupada por trece premios nacionais outorgados nas diversas modalidades de expresión artística a autores de nación e expresión galegas. No interior, na súa terceira páxina, a nómina de premiados ascende a vinte coa inclusión de creadores como José María Merino, por exemplo, que si, ser é de nación coruñesa, pero que ser é de León e todos tan contentos. Algúns dos así premiados xa morreron e aínda os choramos, dende Fernández-Paz, a Xavier R. Docampo ou o recentemente falecido Álvarez Torneiro. 

Dende o 2013 a hoxe os premios nacionales teñen recaído en Galicia cunha frecuencia que calquera diría que non se corresponde alá moito nin cos escasos tres millóns de habitantes que aínda quedamos nela, (nestes mesmos días esa nómina medrou de novo) nin coa escasa atención que as institucións de nós véñenlle prestando á cultura nos pasados anos. Sen embargo, una vez feita esta constatación, non era por aí por onde eu pensaba continuar; por esa que poderemos considerar unha digresión que algúns considerarán forzada cando non o é en absoluto. 

Por onde eu pretendía ir era, e segue sendo, polo camiño que indica que ese número de culturas que citei ven dedicado por completo, na ducia de paxinas que o compoñen, a creadores de cultura, a axentes culturais, sen interferencias ningunhas de xentes do famoseo ou do que hoxe se entende, cando non e tan só por actualidade, si por esgrevios representantes da banalidade máis en boga e máis carente de contidos. O que ven confirmando os meus temores de que, no futuro, a cultura vai ir indo a menos ata se reducir a unha expresión pouco menos ca medievalizante, se me deixan que me explique así, resumindo tanto.

Os galegos quedámonos sen a banca propia que significaban as caixas de aforros que tanto pulo deron á creación cultural e os pequenos bancos case familiares desapareceron na súa totalidade. Mentres iso sucedía, atrás foron quedando os tempos de cando os da miña quinta eramos rapaces e non había un anaco de terra sen cultivar e agora o que a penas se ven son cultivos que non sexan de millo pra forraxe ó mesmo tempo que a pesca de baixura está pouco menos ca desaparecida en combate e exportamos titulados como antes o faciamos con man de obra barata. E que dicir da nosa industria, dende a naval á enerxética? Xa se sabe que este tipo de consideracións non han ser do agrado daqueles amigos do todo vai ben, do todo está moi ben, eiquí non pasa nada e hai que infundir optimismo; pero xa nos vai chegando co que pretenden infundirnos os políticos dun xeito que fai botar en falla a Fraga ou a Laxe, mesmo a Albor, cando este tipo de cuestións se tomaban moito máis en serio do que son tomadas hoxe. Non podemos, ou non debemos dicir coma din outros que ninguén nos rouba, pero si que ese alguén nos ignora e, o que é moito peor aínda, que nós ignorámonos a nós mesmos. Seguimos soñando en que os pobos os fan os poetas pretendendo ignorar que quen os fan son os empresarios e os traballadores, que os pobos se fan a si mesmos sen agardar en que lles veña caer maná ningún do ceo.

Te puede interesar