Opinión

A nova peste

Opinión

A nova peste

Leo e non sei se é certo o que disque está a suceder en Italia. Así e non doutro xeito está a credibilidade que nos ofrecen as noticias e mailos comentarios que chegan a nós polas redes. Pero tamén non poucos dos que se nos ofrecen dende algunhas cadeas de televisión, certas emisoras de radio e, por suposto, tamén as páxinas dalgunha prensa escrita. er era cómodo na ditadura: as crías ou non e xa estaba. Agora hai que pensalo.  O caso é que leo, que vexo ou que escoito neses comentarios que, en Italia, de cara ó comezo do novo curso académico, levan tomadas algunhas medidas que deixo sen reseñar pró parágrafo seguinte non vaia ser que os aturulle  a vostedes se fago este demasiado longo.

Según se indica neles, os italianos xa teñen dispostos dous millóns de novos pupitres escolares; contratados cento corenta e sete mil novos profesores; habilitado espazos nos pavillóns de deportes, nos museos e mesmo tamén nalgúns hoteis e ximnasios, pra converterlos nas aulas ás que han acceder os alumnos unha vez que, de xeito cotiá, se poñan ó seu acado once millóns de máscaras pra sérenlles entregadas, de balde, según vaian accedendo ó centro docente de mañanciña cedo.

conde_004-09-2020

Faime desconfiar non pouco o feito de que sexa certo que teñan apañado con once millóns de novos pupitres individuais; agás no caso de que os vellos todos non o sexan, senón bancos corridos coma os que tiñamos no instituto do Posío, ou de parellas, pois pra min teño -e antóllaseme un tanto exaxerado- que o censo demográfico italiano medrase de tal modo e tan rapidamente naquel amado país; tan rápido como pra que de golpe sexan precisos tantos millóns de prazas escolares...aínda que con isto do confinamento calquera sabe. Acórdense do apagón de Nova York e ó que lle pasou ó seu censo municipal á volta de nove meses. 

O caso é que é así como andamos e non doutro xeito. E por eiquí que tal? Pois por eiquí a peste que nos invade, tal e como unha nova maldición bíblica -sen que nós atinemos nunca a lle botar a culpa ó demo e teimemos en responsabilizar dela sempre a Deus, como se fose noso inimigo- está sacando o peor e o millor de nós mesmos.  Sempre sucede así. 

O final do ano docente anterior fixo aboiar ós bos e os malos profesionais do ensino dun xeito que se diría insán, cando non indecente. Ignoro como serían atendidos daquela os rapaces que non dispuxeron dun ordenador ou que, téndoo, carecesen de wifi nas súas casas. Sábese que non foron poucos os profesores que atallaron as súas responsabilidades limitándose a reproducir os exercicios e as tarefas  que copiaban na Internet de xeito que os seus alumnos máis espabilados -e por extensión o resto- pinchábanas acto seguido pra se tornar en discípulos aplicados e eficaces coma nunca o foran; polo menos no que atinxe á resolución dos problemas e das tarefas que eses non poucos dos seus profesores lles presentaban. Melloras que tamén se reflectiron nas cualificacións finais. Funcionaron as inspeccións docentes nestes casos? Déronselle medios ós inspectores pra poder controlar tales desfeitas? Valorouse o traballo dos que se molestaron en atender as súas obrigacións?

É certo que moitos, moitísimos profesores, pasaron horas e horas diante dos seus ordenadores traballando cos seus alumnos aínda sendo, como o foron tantos deles, conscientes de que, en non poucas oportunidades, continuaban sendo atendidos tan só por media ducia deles. Que vai suceder agora? Que medidas están sendo tomadas? A peste está a sacar o millor, pero tamén o peor de nós. Non só dos profesores, tamén dos alumnos e por suposto das autoridades docentes e das políticas. O noso segue a ser a improvisación e mailo inútil despilfarro.
E que sucede cos centros médicos de atención primaria? Probaron vostedes a chamar por teléfono a moitos deles? Conseguiron ser atendidos? O habitual está sendo que  haxa que se desprazar ata os CAP pra solicitar, unha vez alí e de viva voz, a celebración dunha consulta que ha ser telefónica ou non vai ter lugar. Establecida así a cita  logo só cabe esperar a ser chamados pra que a todo correr se lle diga ós enfermos e se lle diga malamente, o que deben facer pra ver de atallar ou seus males ou doenzas.
Os que eran bos médicos antes da peste e durante ela agora son dobremente bos, como pasa cos docentes; pero os que non o eran, os que eran malos profesionais agora son dobremente malos e, como no caso do alumnado, pagaremos os estragos á volta dun tempo que non se sabe cánto tardará en chegar. Pero sí se sabe que os pagaremos. Como isto vai pra largo, a pregunta é a de como chegará ás universidades esta xeneración de rapaces? Cómo sairán delas os que están hoxe matriculados nos seus últimos cursos?
Se isto está sucedendo nos eidos do ensino e da sanidade, considerados coma os buques insignia da modernidade e da eficacia do noso país, que estará a suceder noutros eidos laborais non tan gloriosos? Non poucas comunidades autónomas acusaron de ineficacia ó goberno central. Sucedeu así na primeira marexada do corona virus que zarandeou á nosa sociedade. Non digo que non tiveran razóns. Entón reclamaron as competencias pra poder seren exercidas debidamente e algunhas delas algunha razón tiñan. Non serei eu quen defenda ó goberno central. Pero son esas mesmas comunidades as que, sentíndose incapaces, reclaman agora a intervención do goberno, a mesma que rexeitaron.
Este noso país élles un país disparatado. Mentres é posible o que queda dito, non se teñen noticias de que nos países da nosa contorna se estean a celebrar manifestacións coma as que tiveron lugar nas pasadas semanas no noso. Nelas se reclamaba o dereito ó ocio, a posibilidade de fumar onde e como lle pete a cada quen, a de tomar o sol nas praias, ír ós touros ou ó fútbol como se nada estivese a pasar e a se divertir nas discotecas, como se non pasase nada. E está pasando. Ninguén se manifesta por cantidade de razóns distintas cando as hai abondo e variadas. País este noso pragado de arroutados incapaces de pensar con sentidiño e xeito.