Opinión

A tertulia de Babel

Teño un amigo que sabe latín. Falo en serio. Non é que as saiba todas, que as sabe. É que sabe falar en latín. Advírtolles que non é cura. Está casado e mesmo cunha señora ben agradable. Tanto sabe e coñece a outros que saben tanto coma el que, de cando en vez, xúntanse en Padrón e pasan a tarde falando latín entre eles. Cando o souben marabilleime. Non sabía que houbese xente así, tan amante do seu. E conste que teño outro que me dixeron que lles fala en grego ós seus fillos; quere dicir ou ben que os profesores de grego o mesmo non saben o grego actual que o que non sabe grego clásico ven sendo o meu amigo.

Na tertulia que temos os venres uns cantos escritores e xente así, quero dicir, do libro, hai quen sabe latín, quen grego, un que fala castelán con acento mexicano, pois mexicano é, da Baixa California; outro que fai o mesmo pero en uruguaio, pois de Montevideo veu, e logo quedamos tres, a saber: un vello fidalgo, un libreiro mozo e un escritor senil que o facemos en galego, por máis que tamén saibamos castelán. Pero como non nos fai falta (os outros enténdennos) entendémonos moi ben entre todos nós. Nos veraos somos máis, pero agora, metidos xa case que no inverno falta algunha xente.

Pasámolo ben os venres no "Petiscos" que é o bar que nos acolle. Dispón dun sofá, dun par de butacas e de cadeiras normais dende as que, mentres falamos, podemos outear a través da ampla cristaleira o ondulante paso das mozas e, nos veraos, ós nenos subíndose á base do cruceiro que temos diante. Bertamirans é o único concello galego que ten saldo humán vexetativo cun saldo positivo, ou sexa: que está cheo de nenos. Escoitalos reconforta.

Non sei se lle pasará o mesmo ós que falan en latín. O mesmo se agachan pra non chamar a atención como se fosen conspiradores. En tempos, cando o ínclito Solís Ruiz, proclamou dende a súa alta maxistratura (política) que "máis deporte e menos latín" o mesmo pasarían por conspiradores. Hoxe xa non, cando menos hoxe xa non tanto, anque un pouquiño si. Tampouco non sei cantos son e onde se reúnen. A min moito me gustaría que o fixesen nun hotel que hai cerquiña de Padrón é que lle chaman o Scala. Efectivamente o é. Na ampla explanada que ten arredor del sempre hai aparcados cando menos unha ducia de camións que a fan alí, a escala, e, de vez en cando, ducias de automóbiles con laciños brancos que nos indican que os que viñeron neles están alí de voda e que nela algunha que outra escalada pode habela. Gustaríame que os latinistas fosen lucir alí os seus saberes. Nalgunha voda o mesmo botaban man dun deles pra que bendicise a unión, confundindo cun cura, agora que os curas xa non saben latín. Tamén que un camioneiro os confundise ben cun cura do Palmar ben cun partidario de Ceaucescu expatriado. A vida non sempre é divertida.

Te puede interesar