Opinión

A vea artística

Hai moitos anos, xa moitos, que un poeta algo noctivago e un chisco cabareteiro, non é que me reprochara nada pero o feito foi que me dixo que, sendo el de obra de dez anos máis ca min, como era posible eu tivera catro libros editados mentres ca il tiña tan só un. Respondinlle preguntándolle cántos levaba el escritos. Díxome, un! Entón repliqueille que eu levaba escritos catros.

Á vea artística sucédelle que é coma a fe: un don que Deus, os xenes ou a nai natureza, conceden a certas almas de xeito non tanto gratuíto como fortuíto. O da poesía non en graza que quixera terme dado o ceo, mentres que a el sí llo deu; e que lle dure. Pero a min váleme o recordo para está páxina de hoxe que xa veremos ónde me leva.

O don, imos chamarlle así, recíbese pero hai que mantelo, hai que alimentalo. Uns son atletas prodixiosos, outros son científicos eminentes, poetas excelsos, actores sublimes, pintores prodixiosos, músicos que nos din máis cousas sen dicir nin pío, tan só coa súa música, ou coa interpretación da doutros; algúns son médicos, militares, enxeñeiros, mestres da cociña ou mesmo pallasos. Pero todos, absolutamente todos eles, tiveron que alimentar o seu don, tiveron que traballalo perfeccionándoo ata acadar metas que ningúns outros acadaran antes ou son quen de acadar nos seus tempos.

Cando alguén dos anteriores acada a gloria, a súa xente séntese orgullosa, espertáselle o orgullo patrio, sábense parte dun todo enaltecido e con máis e maior confianza no futuro. Os políticos, os máis deles e actuais, sábeno ben e acoden a toda pesa a se facer a foto acaroados á gloria que así e tan doadamente esperan compartir; mentres tanto, os concidadáns ven incrementada a agradable sensación de vivir, levántalle estatuas, fanlle monumentos, lóannos e senten millorada a esperanza. Pero os máis duns e doutros ignoran ou esquecen todo o esforzo, todo o traballo, toda a entrega desa xente que dedicou a súa vida ó servizo do seu don e no beneficio, así entendido como se dixo hai unhas liñas, da súa comunidade.

Hai dons que son propios da precocidade, a música ou a poesía; hainos de madurez, a cirurxía e nalgúns casos o deporte, e mesmo os hai de senectude, a literatura, a pintura, a investigación

Hai moitos anos tamén, pero menos que no caso anterior, daquela aínda non andaba eu no machito, o ministro de cultura que foi Javier Solana adoitaba preguntarnos a Carlos Casares e a min que escritores, galegos ou non, considerabamos que estaban pasando apuros. Sabiamos dalgún caso, investigabamos outros, comunicabámosllos  a el e o ministerio, con absoluta discreción, enviáballes axudas económicas, províaos de traballo ou mesmo de vivendas nos casos necesarios e elocuentes. Era xusto que todos aqueles que fixeran que a súa sociedade se sentise orgullosa de selo, visen recompensado o seu esforzo, a súa dedicación e entrega.

Cando me vin no machito, un coñecido orador fúnebre, nun xantar multitudinario púxome de volta e media reclamando este tipo de compromiso  aplicado a un extraordinario poeta galego. Aguantei a enxurrada coma puiden, calei, agradecinlle as súas palabras pero mal sabía o orador de exequias que o poeta estaba sendo atendido non só pola consellería de cultura senón polo mesmo ministerio. 

En tempos, non sei agora, a consellería,  tiña establecidas estes tipos de axuda promediando, a fin de ser o menos inxustos posibles as ordes ministeriais ó respecto que estaban en vigor en Madrid, en Lisboa, tamén en París e por suposto que en Barcelona e Vitoria-Gasteiz. Pero a axuda ó noso poeta estivo á marxe delas.

Cando se publicou a orde en Galicia, concorreron destacados persoeiros nosos, xentes que entregaran o seu don ó servizo da súa comunidade. E a tres deles foronlles concedidas as que eu entendo como unha mínimas axudas que mitigaran as súas precarias situacións. A sorpresa xurdeu cando, no Parlamento, se me solicitou información a cerca dos nomes dos beneficiarios. Sentín vergonza allea.Pero non tiña máis remedio que dala. Era a lei. Esixino o regulamento da Cámara.

Preparei catorce sobres, un por cada membro da comisión de cultura, lacreinos, e marchei con eles ó Parlamento advertindo que, en comisión aberta e cos xornalistas diante, negábame a dar a información que se me requiría facendo públicas as necesidades ou as miserias de ninguén e que, dado que a comisión xa dispuña dos nomes así postos no seu coñecemento, a ignominia e o oprobio non serían meus se saían á luz. Saíron ó día seguinte. E viñeronseme embaixo algunhas cousas.

Agora leo que José María García, “El Butanito” da prensa deportiva española de hai uns anos, un profesional enteiro e cabal no seu traballo pensa denunciar a quen lle negou a Blanca Fernández Ochoa, a única medallista olímpica de inverno española, a axuda, o traballo, que acudiu a pedirlle á Federación Española en vista da súa extrema necesidade económica. Non foi pedir esmola, foi pedir traballo.Entregara a súa vida ó deporte e ás glorias internacionais que todo país sempre necesita e os políticos aproveitan. Non lla deron. Despachárona a caixas destempladas e ós poucos días apareceu o seu cadáver en non sei que fermosas paraxes da serra madrileña.

Non sei se José María García, terá feito o prometido cando estas liñas se publiquen. Sei que moito me gustaría que o fixera. Este país ben se merece ter, entre a clase política, os nomes que se equiparen cos dos xa citados e  os de miles e miles de traballadores anónimos que poñen os seus dons particulares, na medida na que lles foron concedidos, ó servizo da súa sociedade. Digoo porque, de momento, non os estamos tendo. E de paso, algunha prensa, poderá recuperar un pouco de tanta ética derramada.

Te puede interesar