Opinión

A vella ferida supura

Xa hai días que o dixo, pero a súa afirmación sigue vixente. Houbo un tempo no que moitos inxenuos pensamos que xa non sería posible poder afirmar cousa tal como a que dixo Amenábar, Alexandre Amenábar o director de cine; pero, tal e como o diría un parente meu, é evidente, de toda evidencia, que "a Transición pechou en falso a ditadura". Dito doutro xeito e tal e como o deixou escrito o ditador: quedou todo atado e ben atado.

O conflito bélico que fixo posible unha ditadura de case que corenta anos de vixencia na que, nos seus primeiros e triunfais, se firmaron cento noventa e dúas mil sentenzas de morte, poñendo en evidencia que unha cousa é saber gañar unha guerra e outra é saber conquistar a paz fai que, calquera persoa de ben, se estremeza se sabe que esa cifra foi facilitada por Lord Hugh Thomas, o historiador británico, que ten de proximidade coa esquerda o ca min coa práctica do kate-surf. 

Non o creemos. Pensamos que a Transición deixara a cousa no seu sitio, no seu lugar descanso, e que o menos que podiamos dicir da ferida causada pola guerra era que estaba suturada; equivocámonos, pode que quedara suturada, pero mal, porque agora supura. Os vellos pantasmas do debuxo de Goya -no que se ve a dous homes feitos enterrados nun lameiro ata os xeonllos, mentres se zoscan caxatazos a destra e a sinistra- volven materializarse de novo, volven andar ceibos e presentes. Oxalá que a recente experiencia vivida, esa mesma que nos trouxo á repetición das eleccións lexislativas, amoleza dunha vez a tensión creada e ó parecer irredutible dos dous bloques político-ideolóxicos (máis desto que daquelo) empeñados en non se entender, nin sequera con eles mesmos, como non fose pró reparto do poder e non das responsabilidades que o exercicio político demanda pra coa cidadanía que lles puxo nas mans a dura e comprometedora tarefa da gobernabilidade: de dar pé a ela e de exercela malia a dificultades que sen dúbida algunha e tantas veces encerra. Non é coa exacerbación sentimental coa que se constrúen condicións de vida saudables, nin coa negación de que os contrarios poidan ter razón nalgúns dos seus prantexamentos, senón dispondo o animo á serena escoita e á reflexión constante dos argumentos que, uns e outros, dende a esquerda e dende a dereita, non sexan presentados, cando non ofrecidos.

Cando o noso ánimo colectivo semellou estar pechado, aínda que fose en falso, dialogamos, entendémonos e o país avanzou de xeito que, os máis vellos da tribo, podemos confirmar que o fixo. Non momento no que a ferida se reabre e comeza a supurar, o deber de todos é colaborar na súa sutura firme e duradeira, senón definitiva si doutros corenta aniños que nos devolvan o orgullo cidadán de ter unha patria común e xusta.

Te puede interesar