Opinión

O abrumador e complexo Fraga

Hai artigos ou comentarios que, se un decide non facelos, ninguén os vai botar en falla; en realidade, iso sucédelle a tódolos artigos e a tódolos comentarios que se lle poidan ocorrer a calquera ser vivo con capacidade e gañas de lle comunicar ós demais aquilo que o seu corpiño lle reclama que comunique. 

Que lle imos facer, Pero élles así.

 De realidade tal infírese doadamente que hai comentarios que, unha vez feitos, van ou poden resultar ser improcedentes, cando non impertinentes e inoportunos. Probablemente este que vostede está comezando a ler sexa un deles. Pero pídemo o corpiño, así que alá imos. Comezaremos, como facemos case sempre, dando unha voltiña. Xa se sabe que este é un país moi curvilíneo.

Tratei moito con Manuel Fraga. Moito. Coñecino a través de Agustín Sixto Seco, o meu vello e recordado amigo, galeguista ó que o exercicio da súa galeguidade custoulle cartos e desgustos. Foi Sixto quen me propuxo que fose cear con Fraga. Daquela xa Camilo Nogueira e Beiras o fixeran, o mesmo que Paco del Riego e outros, así que aceptei. De resultas daquela primeira e longa cea, no pequeno reservado do extinto Restaurante Vilas, comezada as oito do serán e concluída as dúas da mañá, xurdiu a viaxe a Cuba e axudei a ela poñéndoo en contacto á xente do goberno galego coa xente do goberno cubano que máis poderían valer a tales efectos; xente a que eu coñecía logo de ter viaxado a Cuba un par de veces pra facer o libro e a reportaxe de televisión que recollen a longa entrevista mantida por min con Fidel Castro.

A partires de aí malo foi o mes no que Manuel Fraga non me convidaba a cear no Vilas -unha, cando non dúas veces ó mes- sempre os dous man a man agás nalgunha que outra oportunidade na que en vez de cear asistín a almorzos ós que convocaba sempre a xentes do galeguismo próximo a Ramón Piñeiro.

Pasada a primeira lexislatura de Fraga ó fronte do Goberno de Galicia (a min o de Xunta de Galicia segue sen me gustar moito) na que puxo no mapa do mundo ó noso país, chegado Aznar ó Goberno central, Fraga sacou o pe do acelerador que tanto pisara en tempos de Felipe. A desaceleración causada derivou en que eu fose intentando distanciar as citas que, amén das continuas viaxes que tanto fixen naqueles anos, tan complicadas empezaban a resultarme. Confiaralle ó presidente a miña convicción de que, se quería pasar a Historia de Galicia, non abondaba con que obtivera de Aznar unha estradiña aquí, unha autovía alá, senón que precisaba continuar abrindo os camiños que encetara na súa primeira lexislatura. Castelao non inaugurara ningunha estrada e estaba nesa Historia na que a el tanto lle gustaría estar, algo que na súa primeira lexislatura empezara a acadar. Non lle gustou moito o comentario pero aceptouno. Tamén lle dixen que si marchaba sen unha segunda lexislatura o seu traballo sería valorado tanto como deixaría de selo se continuaba, pero morreulle a súa esposa, aquela grande e sabia lectora, e decidiu seguir gobernando. Xa non tiña que ir dar a volta ó mundo con ela según lle prometera.

Manuel Fraga foi dono dunha personalidade abrumadora e complexa. Gran e ameno conversador, culto e cultivado, ocorrente e brillante, mesmo sedutor. Foino con todo aquel cuxa relación lle interesase ó tempo que foi despótico e incluso cruel con todo aquel que amosase o máis nimio aceno de servilismo e sumisión. Ou que non lle interesase. Respectaba a quen se fixese respectar, e desprezaba a todo canto individuo non necesitase ou non lle valese ós seus propósito. Non serei eu quen faga relación dos seus grandes amigos e seguidores e do xeito que tivo de prescindir da maioría deles, cruel e desproporcionada, inxusta, case que en tódolos casos. Tampouco non é necesario que recorde o seu pasado como ministro do xeneral Franco, pero si quen deixe constancia de como, sendo el o presidente de Galicia, era recibido polo mundo adiante cuns honores de xefe de Estado, por xefes de Estado que non todos eran precisamente de dereitas, que deixaban tremendo ás chancelerías españolas. Puxo a Galicia no mapa. Seino porque o acompañei e non poucas desas oportunidades.

Recordo todo isto pra que se vexa que coñecín bastante ben ó personaxe e cónstame dende o seu fervor galeguista, ata a súa lealdade partidista, dende o seu pasado franquista ata o seu compromiso con Galicia, que foi certo e real. Por todo isto non fago máis que preguntarme polo que é máis digno de ser recordado da vida dun ser humano: todo o que foi xunto co que se dixo que foi, ou todo o que fixo e deixou feito? O bo e o malo do que fixo. E logo sopesalo debida e imparcialmente.

Agora un concello galego acaba de retirarlle a Manuel Fraga a concesión dun honor que lle outorgara no seu momento, non sei se correspondente a cando foi ministro do xeneral e intentou abrir España ó mundo, cunha tímida lei de prensa e unhas leis que propiciaron o turismo que había influír decisivamente na configuración sociolóxica de toda España, ou mentres gobernou Galicia. Á vista desa retirada de honores a un defunto debo confesar, porque así mo pide o corpo, que moito, o que se di moito, moito, non me gustan os brindes ó sol. Non me gustan nada. Son como ter fame e tomar bicarbonato.

Te puede interesar