Opinión

Algo facemos mal... todos

Hoxe gorentaríame moito falar desa parella a modo de reencarnación do matrimonio Ceaucescu (don Nicolai e señora) pero, como as mareas devalaron no noso país e eles eiquí non pintan nada, millor non digo nada. Resulta ademais que quen se atusa a perrera a cada pouco, comproba unha e outra vez se o botón da súa chaqueta permanece debidamente abrochado ou se refrega o nariz de seguido, ese, eiquí tampouco non pinta moito, non me vai quedar máis remedio que falar dese mozo de ollada pétrea e dono dun dentífrico sorriso que acabará por resultar unha impostura.

Martes pasado, o dos dentes fregados e o sorriso que derivará por xa veremos ónde, retornou ás xa andadas; ou sexa, agradecéndolles a Feijoo e máis a Rajoy o favor que lle prestaron afirmando que non fora o PP o que se centrara senón o electorado o que se movera. A lección é como pra se fiar del. Ó parecer non se equivoca nunca; polo tanto, pode retomar impunemente a foto de Colón, o pacto andalusí e quen veña detrás que arree. O modo de actuar deste líder carismático é o propio do que en castelán se define como absoluto desparpajo.

E nós caladiños e submisos. Que mal será o que nos afecta ós galegos que tanto nos tolle e prexudica? Será o da obsecuencia? Xa saben que obsecuencia é a actitude de quen, mentres está sendo sodomizado, se revira cortesmente e se disculpa: Perdoe que, en situación tan íntima, permaneza dándolle as costas.

Está visto e máis que comprobado que a Madrid non hai que irlle nin con agasallos, nin sequera cunhas necoriñas ou cun par de litros de licor café, unha ducia de amendoados de Allariz, ou un par de botellas de ribeiro ou de godello; a Madrid hai que irlle con problemas, reclamacións e (é moi de temer) que mesmo con ameazas. Recordo agora cando Abilio Bernaldo de Quirós, daquela director xeral da CRTVG, afirmou no Parlamento que, dado que tiña unha amiga que escachaba a rir cando escoitaba dicir "Sue Ellen ti es un pendón", estaba visto que o noso idioma non respondía en tódolos rexistros e, en virtude delo e dalí en diante, a TVG e maila RG emitirían o 50% da súa programación en castelán. O grupo socialista mostrouse de acordo e á maña seguinte eu chamei a Madrid pra despedirme. DEixaballe libre o meu escano. A resposta do case máis alto dirixente do PSOE foi: "E pra que queredes unha TVG en castelán? Pra iso xa temos a TVE". Funesta teima esta nosa de resolverlle a Madrid problemas que Madrid non tiña plantexados e funesta esta de irlle resolver os problemas cuxa resolución vai agradecer do xeito que acaba de ilustrar o señor Casado mentres, o señor Maroto, xustificaba na tele os pactos andaluces facendo uso de sofismas e ignorando, coido que deliberadamente, as consecuencias que tal pacto supoñeu pró seu partido; tantas e tales que Feijoo e Rajoy, Rajoy e Feijoo, tiveron que acodir axiña co balón de oxíxeno centrista pra que o PP recuperara o airoso espazo que perdera e ó que, agora, parece ser que eles non regresaron nunca: foi o electorado ó que regresou ó PP de sempre; traducción: ó de Aznar e Casado, nunca ó que centrou Fraga, nunca ó que Rajoy continuou manténdoo centrado e moito menos ó que, a presenza de Feijoo ó seu carón, axudou a sacar da lameira na que se enlamara. Se me deixan un excurso meseteño, Deus que bos vasalos se houber un bo señor! E que os resultados do PP en Madrid, eles sós, sirvan pra avalar e soster este tipo de condutas!

Visto o visto que pasa co futuro político do noso país? O BNG vaise recuperando pero non elevando o seu teito. E non o elevará mentres non adapte o seu discurso á realidade. Non se pode falar hoxe idéntica linguaxe á de hai corenta anos. A sociedade mudou sen que o fixeran eles. CxG resultou tombado por uns poucos centos de votos. As Mareas fixeron boa a liña equinoccial de sicixias e devalaron coa forte baixamar que as sorprendeu sen se poñer sequera o bañador. Teimará Feijoo na súa actitude obsecuente con Casado ou será Baltar a única esperanza que a dereita lle poderá ofrecer a este país necesitado de andar erguido dunha bendita vez?

Quédanos o PSdeG/PSOE. Será quen Gonzalo Caballero de artellar a necesaria, a imprescindible ligazón coa realidade socio-cultural deste país? Unha realidade á que, non sei se el persoalmente, pero si colectivamente entendida, o seu partido leva anos permanecendo alleo. Non se debe deixar de ter en conta que o indubidable éxito electoral do PSdeG non debe ser atribuído, en practicamente ningún caso, ás virtudes propias senón ó tirón que o compromiso que Pedro Sánchez leva anos mantendo con esa mesma realidade socio-cultural na súa expresión española. Unha expresión á que, o seu partido en Galicia permanece, senón alleo si chupando roda; iso por un lado e, por outro, ó que o éxito acadado polo seu tío, polo tío de Gonzalo Caballero, Don Abel, supón de garantía e de esperanza, ero sin pasarse no espazo que se indica.

Galicia está urxida de líderes galegos. É duro aceptar que ata Cantabria os teña de xeito que conte con voz propia no Congreso dos Deputados. Non é que non nos alegre tal feito. É que nos entristece o de que nos non a teñamos. Estamos facendo algo mal colectivamente. Todos. Non nos da chegado a hora de que sexamos todos os que empuxemos ós nosos políticos a ter ese compromiso coa cidadanía. Os líderes son aqueles que se poñen á cabeza dela e a conducen polo millor camiño. O Estatuto e maila Autonomía non valen pra nada, son papel mollado, se non serven pra que todos teñamos un millor vivir e a conciencia clara da nosa cidadanía e do noso espazo no mundo. Convén telo moi en conta.

Te puede interesar