Opinión

Algo vainos mal en Madrid

Ealá se nos vai outro ano; deixémolo ir que non foi alá moi glorioso e si cheo de desfeitas coma hai anos nunca sospeitabamos cas veriamos. Ano de desfeitas este que se vai. Si, de desfeitas, de esperanzas estragadas, de cousas feitas que se viñeron embaixo e atinxían ás cousas que suman sentimentos e razóns construídas que foron a forza de casar estas con aqueles. Por iso, malia que algún motivo lles asista, que a ninguén se lle ocorra traducir “desfeitas” ó chamado idioma cervantino. Unha desfeita e algo máis ca unha cousa “deshecha”. 

Un “deshecho” ven sendo un desperdicio, algo que sobra. O ano vivido non é como pra afirmar del que nos sobrase, pero tamén que non foi moi aproveitable; se acaso, foi “un deshecho de virtudes” que ven sendo o que se afirma dun defunto e vale tanto prá ironía como pró empalagoso e servil. Así que entendamos desfeita como nós adoitamos entendela e deixémonos de lerias.

Sempre paga a pena ter vivido e, a maiores, unha “deshecha” non ven sendo unha desfeita. Que vai selo. Unha desfeita é ver virse embaixo a construción dun mundo habitable, contemplar o deterioro do que tantos anos levou edificar; por exemplo, a convivencia en harmonía. Dise así porque neste ano vimos como a convivencia se nos deterioraba e regresabamos á tempos que criamos superados. E non o estaban, se o estivesen aínda estariamos respectando a quen non pense coma nós pensamos. Máis aínda: Alá ven corenta anos de democracia e aínda son respectables non todos os mortos, senón tan só unha parte deles. Estamos volvendo a sacar o peor de nós, aqueles males que nos legou a historia e inxenuamente os demos por superados.

Desculpen que estea escribindo así. Fago no día no que se fan corenta anos da constitución do Parlamento de Galicia e algúns máis dende que nos outorgamos unha Constitución á que é de temer que lle acabe sucedendo ó mesmo que lles sucedeu ás que a precederon: que fracasaron por non converter ó Senado nunha cámara de representación territorial que equilibre dunha bendita vez a inestabilidade á que a realidade nos empuxa dende hai séculos. Foi esta unha premonición que o terceiro presidente de Galicia fixo máis en máis dunha ocasión.

Fraga veu de Madrid a Galicia e non sospeitamos que acabariamos pensando que, instalado nun pensamento político extremado, como foi aquel do que viña precedido, acabariamos por valorar positivamente o seu compromiso con Galicia e máis coa democracia nunha medida tal que só se comeza a entender na resposta a unha pregunta que circula ultimamente nos ambientes políticos e culturais: “Que lexislaturas prefires as de Fraga ou as de Feixoo? 

Fraga veu de Madrid a se comprometer con Galicia e coa democracia. Agora Feijoo vai pra Madrid levado en aras, case se diría que en volandas, do seu comportamento calmo e reflexivo, da súa actitude dialogante e liberal, do seu talante aberto e conciliador, sereno, non agresivo, e xa vemos o que está pasando. Está empezando a facer bo a Casado… que xa é facer. Así, crispación política vai in crescendo. Realmente algo ten Madrid que non nos vai ben ós galegos.

Te puede interesar