Opinión

Amantes, esposas e amantes

Dicía Schnitzler, a propósito de non sei quen, que só era un gran amante cando non estaba namorado. Debe ser certo, a paixón sempre implica unha dependencia que inhibe, que cega; un afán de agradar ó outro, ou á outra, pero tamén ós outros, cando esa paixón non se trata tan só da que un pode sentir por outra persoa sexa do sexo oposto ou mesmo do propio. A paixón política, o apaixonamento político pra dicilo pola breve, tamén cega e tamén inhibe de xeito que, un político apaixonado, á final ofrece sempre peores resultados que outro que manteña a cabeza fría.

O mesmo sucede cos seareiros, cos seguidores deste político ou desta e aqueloutra ideoloxía que, unha vez que se apaixonan perden vista e perspectiva e axudan a que o campo de xogo se reduza de xeito case que sempre alarmante, por moito que esa alarma non se perciba nunca ata cando xa é demasiado tarde.

Contempla un o derroteiro que segue a política actual e é moi de temer que o apaixonamento estea a invadir a conciencia colectiva de modo que resultemos, todos e cada un de nós, moi peores amantes das nosas respectivas causas do que nun principio nos gustaría e pretendiamos. 

Schnitzler, outra vez Schnitzler, non tiña nada claro que resulta máis estúpido: se converter a túa amante na túa esposa, ou converter a túa esposa na túa amante. Antóllase evidente que a Herr Arhur Schnitzler o que lle molestaba era a dependencia. Pra el, tanto o millor esposo como o millor amante, funcionan debidamente cando a paixón non os cega. 

Cando vemos na televisión esas alborotadas masas seguidoras de Trump algúns non podemos dubidar do apaixonadas que son, o namoradas que están do seu líder máximo, do seu comandante en xefe, e do pouco favor que lle fan ó corpo colectivo, á cidadanía que eles denominan patria, á sociedade que están poñendo ós pes das súas devocións e non ó revés: rendendo a súa devoción en aras do ben común.

A pregunta é a de se non nos estará a nós pasando o mesmo. Folleo e dalgunha maneira leo cinco xornais diarios, ás veces seis. Quero dicir que comparo portadas e titulares, leo os artigos de fondo e os editoriais, e non podo, nin quero, ocultar a miña convicción de que, nos máis dos casos, o resultado que se deduce é o dun namoramento pernicioso na maioría das oportunidades. A realidade non é que non poda, é que non debe ser nunca tan polar, tan diametralmente oposta como se nos está ofrecendo.

Onde pode conducir este estado de cousas, tanto nos EEUU como por pura mimese á nosa propia sociedade, empeza a ser algo que se nos ofrece inquietante. Millor desapaixonémonos canto antes. Será o que sairemos gañando e converterémonos en bos amantes das nosas causas.

Te puede interesar