Opinión

Amar e ser xustos

Nunha carta, datada o 19 do mes de santos do 1766 e dirixida ós condes de Argental, escribe Voltaire o que segue e que, aqueles dos meus lectores máis cautos, saberán desculpar que agora me atreva eu a transcribirllo: "Preguntáronlle a un mariscal de Estrées, de obra de noventa e sete anos, casado cunha irmá de Manicamp que estaba preñada: "Quen lle fixo ese neno á señora mariscala". "Fun eu, mecagho en D...!" respondeu este.

Cando un escribe cartas ten que estar moi atento ás persoas ás que llas dirixe e ser consciente do que o destinatario pode facer con elas. Mesmo os que damos en andar a fisgar nelas estamos expostos a todo tipo de falcatruadas e de fraudes. Sei eu dunha parella sudamericana, el un coñecido escritor do que non ven a conto dar o nome -ó fin e ó cabo a min, eles, nunha me escribiron carta ningunha- que, a petición dunha universidade norteamericana, puxéronse a escribir a toda presa as cartas de amor cruzados entre ambos supúñase que unhas cantas décadas antes. Que sería da acesa paixón dos anos iniciais, qué do arroubo das noites que desexaron ou que certamente viviron envolvidos nela? Estará esa correspondencia, así e a esas alturas elaborada, chea da melancolía coa que, neste tipo de asuntos, a vida adoita envolvernos a todos a partir de certa idade ou reflectirá non sei se a afouteza ou a frustración, se o orgullo ou a vaidade, do vello mariscal? Ouh, a condición humana!

Ler este tipo de comentarios, refírome ó que Voltaire lle confiou ós condes de Argental, require un ánimo morno e cordial do que non todos dispomos. En Melangés escribeu François-Marie Arouet que "a tolerancia é tan necesaria en política como en relixión; tan só o orgullo é intolerante. É o orgullo o que rebela ós espíritos, queréndoos forzar a pensar coma nós, e é el a orixe secreta de tódalas divisións". 

Non pensen, aqueles dos meus lectores máis prudentes, máis comedidos e cautos nestas cuestións da linguaxe, que lles estou a chamar orgullosos; nin moito menos. Sucede que todo isto véuseme á cabeza escoitando a lección de tolerancia e prudencia impartida, hai hoxe dez días, pola vicepresidente en funcións do goberno de España, Carme Calvo. Sucedeu a instancias das preguntas desa especie de pardao, inquieto e rebuldeiro, que responde a García-Ferreras e do que calquera diría que se pase todo o tempo que permanece diante da cámara da televisión contraendo as nádegas, alternativamente e con secuencias arrítmicas, de xeito  que o seu corpo adquire un balanceo que non será o do "Galatea" pero que recordar o recorda (ó Galatea éralles aquel veleiro de "tu eres el barco mejor, tu te meneas desde babor a estriboooor"...) o que non lle impide ser un extraordinario entrevistador como tal día volveu quedar en evidencia.

Veume todo iso á cabeza, xa ven en que trangalladas se me ocupa, grazas á lección de tolerancia e serenidade que imparteu a señora vicepresidenta en funcións. Confeso que me deixou equilibrado. Mantiña dela unha opinión consecuencia de aquel "Pixit e dixit" cuxa emisión me pillou fóra e no que, ó meu regreso, non reflexionei moito; ou sexa, que a relacionei en exceso con aqueloutra ministra de cultura que lera á Sara Mago, co noso conselleiro de cultura que se manifestou fan incondicional da extraordinaria cantante Carmiña Burana e mesmo con algún que outro/outra imprudente máis; ou sexa con xente, sexa home ou muller, que ostente a condición de carecer da necesaria prudencia e contención que certos cargos impoñen; ou debería dicir imprudento e imprudenta? En resume, lerias.

Escoitando a Carmen Calvo esoutro día non puiden menos que remitirme a eses políticos que, dende unha banda ou dende outra do espectro partidario que nos invade, recorren con excesiva frecuencia ó orgullo, sexa este patrio o de partido, e proclaman o seu por estar servindo a España (ou a Galicia, Cataluña ou Euskadi) como si os demais non pretendesen o mesmo. Hainos a esquerda e a dereita, que lle imos facer.

Escribeu tamén Voltaire, esta vez en "Le Sottisier" , que "se os sacerdotes de tódalas las relixións se tivesen contentado con dicir ‘adorade a un Deus e sede xustos’ nunca tería habido incrédulos e guerras de relixión". A min gústame moito ler e reler ó vello e impío Voltaire por este tipo de comentarios que a veces veñen como anel ó dedo; a veces non, tamén é certo.

Se os que fan da condición de españois -ou de galegos, ou de cataláns ou de vascos- unha bandeira de combate se limitaran a amar cada unha das realidades que lles fan sentir tan orgullos, contentándose con intentar ser xustos, non poucos dos problemas que a cidadanía española temos plantexados e necesitados de resolución estarían resoltos ou en vías de editalo.

A entrevista da señora vicepresidenta en funcións, coa que eu estaba tan equivocado verbo da súa valía en condicións, debera ser de audición obrigatoria nos nosos centros de ensino público o mesmo que outro tipo de textos o son nos centros privados de non poucas institucións docentes. Tratase dunha fermosa lección de política democrática, de constitucionalismo, de tolerancia e de afán de harmonización das distintas e lexítimas tendencias que cada un de nós poida profesar. 

Te puede interesar