Opinión

Antifonte e os falabaratos

Que nun principio foi a palabra é cousa que se adoita dar por sabida. Teño pra min que o é. Que é certo. Que todo comezou con ela. Non antes. A palabra todo o crea. Sen ela non hai dor, nin hai risa, nin pranto. Sen ela nin sequera poderíamos dicir que hai ruído porque este naceu ó par da palabra que o define. O resto era (é) silencio cósmico.

Antifonte viviu convencido de que unha palabra cura e outra mata; mesmo de que a mesma palabra pode curar a uns e matar a outros, producir consolo ou desesperación pois a palabra crea; entendido sexa isto no seu sentido máis literal posible. Se o recordo ben, Antifonte foi un logógrafo que era como se lles chamaba ós que compuñan os discursos cos que se deberían defender os acusados nos xuizos. A forza de practicar o seu oficio, concluíu abrindo un local ó que se accedía logo de pasar por embaixo do rótulo dunha tenda que dicía que o seu propietario "podía consolar ós tristes con discursos axeitados" de xeito que, cando lle chegaba un cliente, o facía falar, e falar, e falar, ata comprender ó tamaño e maila esencia que o aflixían. Aí chegado "borráballa do espírito" tras buscar as palabras consideradas axeitadas a tal fin.

É apaixoante, a min cando menos así mo resulta, pensar no poder da palabra, tanto pra curar como pra perverter, tanto pra seducir como pra enganar. Un discípulo de Freud, chamado Viktor Frankl que padeceu a ira nazi nos campos de Auschwitz e Dachau, desenvolveu un método co que axudar a superar os sufrimentos padecidos neses campos. Así nolo conta Irene Vallejo no seu recente libro, o mesmo do que xa levamos falado eiquí un par de veces... ou tres.

O que me pregunto é se non é iso mesmo o que fan os sacerdotes católicos a través da confesión: crear serenidade onde hai angustia, esperanza onde temor, paz onde todo é confusión. Claro que como tamén hai de todo, confesores haberá, o mesmo que psiquiatras hai, que fagan mal uso do seu saber e confundan ou seduzan con promesas de falsos mundos, espertando falsas esperanzas ou xerando desilusións que só conduzan á que alguén poida resultar distraído; por medo, unhas veces e por desesperación outras. Non se comenta así nin por denigrar, nin por asustar a ninguén, senón porque ese proceder na utilización da palabra non fai máis que confirmar o poder inmenso que esta ten... tal e como se comezou esta leria miña de hoxe que, non poucas veces, adoito facerlles extensa ós meus lectores. Os que me coñecen xa sei que mo desculpan. En función de tal xenerosa actitude, refírome á dos meus lectores máis comprensivos voume permitir recordar que os falabaratos, os sedutores por medio da palabra poden conquerir milagres e captar incautos. Por elo convén estar atentos. O que abundan son os políticos catalogables como falabaratos. Non todos. Pero si moitos e significados mestres no uso das palabras que saben que nos gustan escoitar.

Te puede interesar