Opinión

Un anxeliño de case cen anos

Opinión

Un anxeliño de case cen anos

Como xa nos vai chegando de pandemias virulentas, de pandemias políticas e dalgunha ca outra peste máis das non poucas que nos asedian, vanme permitir que siga a falar do gato da miña tía Aurita, do mesmo gato e da mesma tía avoa dos que xa lles falei antonte, todo con tal de evitar facelo da actualidade; por exemplo do libro de José Antonio Zarzalejos, titulado "Un rey en la adversidad" que -a xulgar polo que o autor do libro di na entrevista que lle fixo Virginia Drake- promete unha lectura amena e interesante. O que transcende na entrevista é unha moi intelixente defensa do monarca. Non andamos moi sobrados de intelixencia, pero algo si que o estamos de monarquías cuestionadas a destempo. Falaremos do libro unha vez lido. Antes haberá que ler o de Pilar Eiré encol da raiña emérita. O de emérito é algo que aínda non entendo moi ben. Pódese ser rei por dereito dinástico, por referendo popular, tamén pola graza de deus, pero rei ou raíña por razón de mérito? Millor volvamos ó gato da Titá.

Dicíalles del o pasado mércores que se trata dun animal sedente. Un gato con certa aparencia exipcia, como este do que lles sigo a falar hoxe, non pode pasar por menos que por se amosar así, hierático e algo faraónico, impasible e como pasmado, ó ser consciente de que o tempo non transcorre senón que os que o facemos, os que transcorremos, somos nós sempre dun xeito tan iluso que pretendemos ignoralo; algo que por certo ven sendo moi recomendable. Outro día igual lles direi por que. Hoxe non toca.

As figuras sedentes sempre me interesaron debido a diversas causas; por exemplo, onde estea exposta unha figura sedente do apóstolo Santiago é porque, nesa igrexa, capela ou lugar, repousa unha reliquia do fillo do Trono e curmán do Nazareno; por exemplo, porque "O pensador" de Rodin tamén está sentado ou porque sentado é como máis e millor se está moi comodamente disposto a contemplar a vida con calma e independencia. Sentado, co lombo apoiado no toro dun carballo, é como millor se axexa ese lento, eterno devalar do tempo que, cando nos decatamos, sempre tarde, é moito máis veloz do que supuñamos... agás pró gato da Titá que agora leva nos ollando pra min mentres escribo e nin se inmuta.

A Titá morreu sen cumprir cen anos. Se o recordan do escrito antonte optou por considerar unha obscenidade o feito de cumprilos e teño pra min que se deixou ir, se deixou ir... ata ir dar nos brazos do Deus que amou e no que cría, un Deus benigno e bo pois, se a recordo ben, era máis devota do Cristo resucitado, do Cristo cheo de Luz e misericordia que do Cristo crucificado, excesivamente dramático este como pra ser entendido dende a reflexiva serenidade dende a que ela contemplaba a vida e a das criaturas todas de El Señor.

A Titá era pequena e doce, serena como xa lles dixen; máis que pequena era pequeniña e miúda, esvelta e dona dun camiñar pousado tal e como sempre temese pisar algo. Como viviu sempre en Allariz e todos sabemos que na Ziralla sempre houbo unha xuntanza anual das ánimas en pena que ían (e van) camiño de San Andrés de Teixido a bordo de corpos de lagartos, de cobras e doutros bichiños máis pequenos, deses que sempre podes esmagar pousándolle un pé enriba se non te vas fixando, a Titá, que non tiña un corazón budista senón cristiá, andaba así, lixeira e feble, pero sen chegar a levitar; cousa que moitos supuñan dada a súa bondade e mailo seu sorrir.

Cando a Titá estaba esmorecendo, un curmán da miña nai e máis eu, achegámonos á igrexa de Santiago pra avisar de que ela estaba xa nas últimas de xeito que as badaladas comezaran avisar do tránsito. Non había ninguén na igrexa e sen nos dicir nada, o Juan Luis e máis eu, pegamos a subir ó campanario dispostos a ser nós quen fixera soar os sinos, que así se lles dicía antes ás campás e sineiros ós que as tocaban. Unha vez no campanario, ou il ou eu, non o recordo, e prefiro non recordalo, pegamos a tocar a morto. Pero non sei se foi el ou se fun eu o que non se acordaba do toque de defuntos que, de alí a pouco, sorprendeunos unha voz que chegou a nós subindo dende a Praza de Abaixo:

-E logo que anxeliño está morrendo?

A nosa ignorancia foi moi comentada. Sen embargo non deixou de haber xente que considerou moi apropiado o feito de ter dado as badaladas correspondentes á morte dun neniño que sen dúbida ascendería ó ceo de contado. Sen dúbida que a Titá así o fixo chegado o seu momento. E se non foi así sería porque non hai ceo, pero non porque ela non o merecese.

Coido, millor dito, estou seguro de que concordaría comigo e máis co que se acaba de dicir un sancristán que foi, durante moitos anos, da igrexa de Santiago e amigo xa que non do Nós pontifical e maxestático co que adoito trataba os asuntos parroquiais, si do que en sintaxe se chama (ou se chamaba) unha discordancia deliberada, preguntaba por exemplo e con total solemnidade: "Cando dicimos misa, don Eladio?" ó que o reverendo respondía con certo ton xa que non de solercia si da mesma solemnidade: "Cando vostede estea xa disposto e revestido!". Ese sancristán tería valorado moi positivamente as nada solemnes badaladas coas que se anunciaba a morte dun meniño en troques das graves e serenas propias dunha muller de noventa e nove anos. 

Unha vez que a Titá, indo de camiño á novena da Purísima, topou co tal sancristán e se interesou pola súa saúde, este contestoulle decontado:

-Ai, dona Aurita, estóulle tan maliño que lle teño reuma ata no cano de mexar!

A Titá chegou a casa contando o acontecido, celebrando con risas a resposta de home tan dado a falar en prosa coma un personaxe de Moliere. A Titá éralles así, tocaba o órgano na igrexa e gustaba do rock e da xente nova, era unha muller pequena e doce, como lles dixen, enormemente grande e xenerosa.

Te puede interesar