Opinión

Aplaudidores de santos pequeniños

Contan, pero non me fagan moito caso porque o que abondan son as malas linguas (ou si porque o mundo tenlle cousas ben máis raras e tragamos con elas coma se nada), contan que na antiga Unión Soviética sempre había unanimidade nas grandes decisións que se tomaban no Soviet Supremo cada vez que este se reunía. E que sempre a unanimidade era manifestada co cerrado aplauso de toda a concorrencia. 

O que contan, aínda hoxe, as malas linguas (ou as boas, vai ti sabelo) é que os que estaban de acordo aplaudían batendo as concas das mans mesmo diante do seu ombreiro esquerdo e a altura del, mentres que os que estaban en desacordo facíano baténdoas a altura do dereito e co mesmo e impasible, e frío e hierático ricto propio do caso dos que sí estaban de acordo.

Non teño noticia, a min non ma deron nunca e eu endexamais estiven alí; cando menos mentres houbo que traspasar o telón de aceiro. Abondo tiven eu en me atrever co impúdicamente chamado telón de grelos, así que non teño noticia ningunha do que farían os abstencionistas soviéticos, si é que algún había e ousaba manifestalo. Pero sospeito que daquela non existiran os que agora tan despectivamente son alcumados de equidistantes. Os que foron por ciencias entenderán ó que digo se recordan a definición de lugar xeométrico e ós que o fixeron por letras pódelles valer coa definición de lugar común; non tanto, pero pode valerlles.

Agora regreso de Barcelona e cóntanme que, por fin, Carballo Calero vai ser debida e tardiamente homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas. Escribo que debida e tardiamente porque debida sí que o é, a homenaxe; pero dubido que por tardía teña o carácter de serodia: réstallo a condición de oportuna, pois chega nun momento no que se me antolla como necesaria a reflexión non de nos reintegrar no portugués porque, á fin e á postre, hoxe é un idioma distinto do noso, mesmo como lle sucede coa variante brasileira, pero si é o indicado pra ir vendo de coin-

cidir nalgúns puntos das normativas ortográficas, a fin de facer máis doada a comunicación entre as dúas realidades sociolóxicas que nos expresamos en galego e en portugués. Levariamos moito adiantado se industriais e comerciantes, docentes e discentes, académicos e científicos, dunha e doutra banda do Miño, e con eles moitos outros membros do espectro social tiveramos unha comunicación máis fluída. Dito isto regresemos á actualidade. 

Cóntanme, e non precisamente as malas linguas, así que voulles facer moito caso, que a elección de Carballo Calero como figura a celebrar, foi ou vai ser por unanimidade. Leveime un alegrón. Eu son dos que leva anos reclamando a celebración da súa obra e a recordación da súa figura. O alegrón foi dobre cando souben que era por unanimidade dos membros da Real Academia Galega. Pero pouco dura a alegría na casa do probe. Faltou tempo pra que fose advertido de que non fora unha proposta unánime, que a que foi unánime foi ou vai ser a elección porque haber houbera dúas propostas, a saber: unha chamada maioritaria, a segunda, e outra denominada minoritaria que loxicamente foi a primeira. Ou sexa, que uns aplaudiron a elección poñendo as mans a altura do seu ombreiro esquerdo mentres o resto o fixo aplaudíndoa poñéndoas a altura do dereito. Será a RAG o noso Soviet Supremo?

É triste que a nosa institución máis secular e solemne, máis de referencia da nosa cerna de galegos e visto o visto, tamén máis inútil ó tempo que tan necesaria (non se alporice o persoal, pásalle o mesmo á RAE) ande tamén dividida en parroquias que anuncien a súa existencia a forza de aturuxar mentres van de romaría en romaría. 

Que sucede? Que é a figura de Carballo a que, unha vez máis, causa división, ou que a causa desa división é a consecuencia dun tribalismo que a Igrexa non so non erradicou, senón que mesmo o potenciou, ó cristianizar os vellos territorios tribais castrexos, de xeito que se manteu vivo ata que, hai trinta ou corenta anos, as aldeas empezaron a desaparecer e as parroquias a se pechar porque que a xente se trasladaba a vivir ás cidades, ou ó pé mesmo das estradas, tal e como hoxe se distribúe xa a nosa poboación mentres a elite intelectual, esa nova clerecía, se mantén tal cal como se o progreso non fora con ela cando menos no parroquianismo rampante co que tanto se luce..

Ouh, esta nosa paisaxe intelectual composta de aplaudidores de santos pequeniños, que se entreteñen en refregas pequeniñas mentres as grandes as manteñen a distancia non vaia ser o caso que unha enchente de auga fresca os leve por diante! Poñerémonos todos dunha bendita ver de acordo en algo que nos dea a forza que nos restan eses aplausos sectarios, de capela ou freguesía? Carballo Calero, coa súa grandeza e cos seus erros, coa súa oportunidade e mesmo tamén coa súa inoportunidade, cunha inmensa pero non grande obra literaria tal e coma é a súa, pero sen dúbida que coa súa coherencia e honestidade, coa honradez do seu espírito, ben merecía o aplauso unánime desas a penas dúas ducias de académicos que manifestasen o seu acordo batendo, dunha bendita e puñeteira vez, as palmas das súas mans diante do seu peito ben fose sentíndoos uns no seus bofes e outros no seus propios e ó parecer doídos corazóns.

Te puede interesar