Opinión

Armados fronte á realidade que ven

Hai xa días, destes días que transitan diante nosa sen que a penas os percibamos, tan axiña se esvaen, tan fuxidíos resultan, atrevinme a relacionar a Konrad Lorenz cuns experimentos levados a ramo hai xa moitos anos. Non sei si se acordarán algúns dos meus lectores. Consistiron os experimentos en pechar uns cervos e unha ratas nuns recintos nos que todo foi moi ben ata que o incremento da poboación, sumada á imposibilidade de abandonar os seus encerros, todo o benestar e toda a placidez primeira comezaron a ser a penas un recordo. Apareceron as enfermidades, os roubos, os asasinatos... de xeito que cada unha das dúas poboacións acabou por tornar ó equilibrio, volveu sobrevivir grazas á recuperación do número de habitantes preciso pra se poder valer cos recursos dos que os dotaba o seu territorio.

Agora veño de ler un longo artigo que Angel Luis Lara publicou en eldiario.es e sei, grazas a el, da existencia no nordeste da China dunha granxa, a Mundanjiang Mega Farm, que alberga nas súas instalacións nada menos que cen mil vacas; que son das que se nutre de leite e carne unha parte importante dea poboación rusa. Non podo menos que relacionar este dato co dos cervos e os das ratas. A granxa é un manancial de enfermidades.

O artigo de Lara non ten desperdicio e non vou ser eu agora quen intente resumilo. Confórmome con recomendarlles a vostedes a súa lectura. Saberán así que nesa granxa viven pechadas cincuenta veces máis vacas que en calquera outra "urbanización" de gando vacún do mundo. Cen mil vacas son moitas vacas de deus. Tamén saberán se o len que, o numero de animais así confinados en todo o mundo, é tres veces máis grande que o de humanos. Da medo. Lara relaciona a aparición de enfermidades con macroinstalacións coma a que cita no seu artigo, ó par que outras, coa posterior transmisión desas enfermidades ós seres humanos.

Ignoro se no futuro será posible alimentar á especie humana prescindindo destas aglomeracións de vacas e de porcos, cando non de galiñas ou coellos, de visóns ou de ovellas, de robalizas ou salmóns, mesmo de miñocas roxas de California coas que, hai anos, seica se fabricaban unhas ricas hamburguesas de marca moi coñecida. Ignóroo. Pero témome que a gandería industrial, o mesmo que a agricultura intensiva ou as piscifactorías, han ser, cando menos de momento, as máis inmediatas e ineludibles fontes de alimentación masiva da humanidade... ó tempo que os focos de produción de virus que, intentando regular as especies afectadas polo encerro obrigatorio, acaben por afectarnos ós humanos inducíndonos ós modos de vida que nestes días andamos ensaiando.

Como prepararse pra o que se nos pode estar vindo enriba? Se as forzas armadas non son unha ociosidade dos políticos, e non o son, senón unha necesidade inevitable nos distintos conxuntos humanos das que botar man nos casos de extrema necesidade, a investigación científica e a asistencia sanitaria son outras que as sociedades deberán atender no futuro pra se armar de defensas ante os indiscriminados ataques lle esperan ó conxunto de sociedades humanas, isto é, á Humanidade. Os orzamentos públicos han ter que dedicar unha atención innegable a estes dous mundos, teñen que estar armados fronte á realidade que xa está aquí.

A condición humana non cambia, ven sendo a mesma dende o comezo dos tempos. Nela está, sempre latente, a necesidade de se espallar polo mundo ocupando territorios que aumenten os propios e iniciais a fin de satisfacer coa súa anexión as necesidades creadas polo crecemento da poboación. Nos guste ou non esta nosa realidade, consecuencia da nosa propia condición de animais presuntamente racionais, é certa. Así que millor será estarmos preparando xa, antes de esperar a que se preparen outros. Por iso, de momento e mentres isto non cambie, as forzas armadas son precisas e a conveniencia delas haberá que dala por demostrada por moito que non nos gusten as expansións militares. A mesma necesidade abrangue á sanidade e ó ensino, á investigación e á ciencia. Non hai outro remedio.

As consecuencias derivadas do aumento da poboación xeraron unhas necesidades alimentarias que derivaron nesas mega granxas, neses mega cultivos sexan estes de millo, de peixes ou de xatos, que moito é de temer que sexan os responsables de situacións tan de emerxencia como a que estamos padecendo nestes días aciagos. As novas invasións, as novas batallas virán por ese camiño.

Non será unha novidade. Ó longo da historia sempre se produciron pragas e pestes que dezmarón as poboacións cunha virulencia sempre inusitada. A novidade consiste na mundialización delas e na súa letal virulencia. 

Por iso, se necesario é manter uns orzamentos pras forzas sanitarias e científicas, docentes ou militares, racaneándolles poucas partidas neles, que faciliten o mantelas ben pertrechadas e continuada e firmemente dispostas, necesario ha ser tamén, un exército de investigadores ben formados, dotados de laboratorios e fondos pra poderen investigar continuamente os medios de defensa que a sociedade ha reclamar cada certo tempo. As batallas do futuro han chegar, cando menos as máis delas, por ise camiño. É pois necesario que a cultura, entendida sexa esta na súa máis ampla expresión, dende a científica ata a humanística, dispoñan dunha atención preferencial respecto das súas expresións máis lúdicas, as de divertimento masivo que tanto levan ocupado os orzamentos públicos nos pasados anos; é dicir, menos macro concertos no monte do Gozo, por poñer un exemplo simple e ó acado de todos nós, e maior atención á sanidade pública, ó ensino público e ó ineludible exército de investigadores e científicos, porque han ter que nos defender moito no futuro. E hai que empezar a prevelo todo.

Te puede interesar