Opinión

As igrexas de Palermo

Regreso de Italia. Veño de Palermo, alá embaixo na Sicilia; veño de falar de algo do que non estou moi convencido: de novela negra pois teño pra min que tales e "negras" historias só se diferencian das demais en que teñen mortos e policías, ladróns e detectives privados. Pero novelas son e así hai que tratalas. Hainas boas e hainas malas ou, cando menos, unhas gústanche moito e outras non che gustan nada. As agrupacións taxonómicas están e son moi indicadas nas ciencias pero a literatura é un arte e a crítica ou é literatura ou non é nada; quero dicir que ou é creación ou pouca literatura é; aínda que ben estea que os estudosos dela "taxonomicen" todo canto queiran a fin de sintetizar os seus criterios.

O caso é que nalgún dos artigos da semana pasada perorei algo de máis verbo de Camilleri, o gran escritor palermitano, criticando o feito de que nalgún dos seus personaxes utilizase un recurso tan rudimentario como aqueles os que recorreu Benejam ó facer falar a avoa da Familia Ulises na contraportada do TBO. Pois ben, Camilleri non botou mau nunca de tan simple recurso. Quen o fixo foi o seu tradutor ó castelán. O que faio o subalterno de Camilleri é falar en siciliano. O tradutor non se debeu atrever a facer falalo, eu que sei, en andaluz rural ou en catalán de charnego, acaso en castrapo de por eiquí, e optou por facelo falar coma a avoa Ulises. Mal asunto.

Cóntolle estas cousas pra devolverlle a Camilleri os miligramos da merecida e ben gañada gloria literaria que ten e que o meu comentario puidera terlle restado. Lamento a encolla que poida significar esta corrección na do tradutor que, no meu entender, non andou tan fino como debera unha vez vista e "solucionada" a eiva que a tradución lle presentou. Pero pecados maiores téñense visto e perdoado... se é que de perdón andasen necesitados.

O caso é que veño de Palermo e, unha vez alí moito me acordei do Canabal ou do Cadaval, non podo xa precisar o nome exacto de quen así se pronunciou, que afirmaba que Allariz era o pobo do mundo con máis igrexas por católico cadrado. Coñécese que non andou nunca polo casco histórico palermitano onde hai igrexas a medio cento de metros unhas doutras, ou a cen ou coma moito a douscentos, en cantidades que poden chegar a resultar tóxicas. Pero que fermosa cidade é Palermo grazas tamén ás súas igrexas de formas rotundas, unhas; sinxelas e íntimas, outras; de prodixiosa arquitectura, moitas máis, a súa catedral incluía debido quizás á súa fasquía de nave varada nunha chaira ou acaso nunha area longa coma as dos noso Fisterra. Gustaríame poder volver alá en día de calma e ausencia de turistas chegados a bordo dunha desas grandes catedrais náuticas que son os grandes cruceiros de hoxendía, despexadas as rúas da súa presenza de formigas faladoras en distintas linguas pra compor unha pentecostes que ser era un barullo.

Te puede interesar