Opinión

Así se o contrario

Nunca aceptei moi ben iso de atuar á xente. Agora tampouco. Desconfío moito dende que, estudando no colexio menor de Ourense, nos indicaban que deberíamos atuar ó gobernador civil... pois eramos camaradas. Logo, cando con gran susto da miña familia materna pasei a militar na oposición e escoitaballes eu ós do Partido Comunista aquelas admonicións que se iniciaban, tamén, cun caamaaarada, entón, pasábame o mesmo que me habería suceder, máis tarde, cando me relacionei cos do Partido Socialista e vía como cando alguén se dirixía a un correlixionario cun cooompañeeeiro non presaxiaba nada bo e servía cando non de aviso, de advertencia inmediata. Comprenderán que, cos vimbios cos que foi tecido o espírito que me habita, eu saíra un algo galopín e desconfiado. Sucedía así e sucedía ó contrario. Quero dicir que mentres que comezaba a desconfiar do tuteo non aceptaba moi ben que moitos dos meus compañeiros tratasen de vostede ós seus pais e ós seus avós porque eu sempre atuei ós meus e non estaba afeito a esas reverencias; pra min o respecto estaba feito con outros requilorios, distintos comportamentos e diferentes mostras de afecto. 

Son estes tipos de aprendizaxes os que nos acostuman e conforman duns xeitos e non doutros. Por iso eu son pura contradición, confésoo, pero entendan que a estas alturas xa estea abondo afeito a selo como pra que me importen un pito tantas cousas como son xa as que un pito me importan. Ou que haxa outras ás que non me dou afeito. Por exemplo a que chegues a unha cafetería cuns amigos e se achegue onda nós unha esvelta e risoña camareira, ou un musculado en encamisetado rapaz, lucindo bíceps, mentres sosteñen unha bandexa en vilo, e nos din: "A ver, chicos, que queredes?!!" Ese chicos non llo agradezo nada. De tal pasta aínda estamos algúns feitos.

Ser un rosmón non sei se é un privilexio ou unha consecuencia da avanzada, da provecta idade na que un se vai adestrando pouco a pouco, diríase que dun modo a penas perceptible, ou que mesmo é condición do animal así educado. Tampouco non sei cál será o meu caso. Nin me importa moito. Rosmo. Rosmo e xa está. Pásoo ben rosmando. E confórmome pensando ou querendo crer que os vellos somos rosmóns por natureza e continúo afacéndome a selo. 

Faimo pensar así e lévame a cismar tanto en asunto tan baladí coma o que queda exposto ó coñecer unha noticia, que non é nada tranquilizadora, lida que foi na prensa de hai xa uns cantos días. Nela comunicábasenos ós lectores que a saúde mental é causa de máis de sesenta mil discapacidades en Galicia. A Feafes Galicia que é tanto como dicir a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, sinala que as causas desas discapacidades son os trastornos afectivos, seguidos dos da conduta e cognitivos que resulta que se dan cunha maior incidencia nas mulleres e nas persoas de idades avanzadas; é dicir, se me consenten os meus escasos, e amables, e mesmo ocasionais lectores que regrese ó ton anterior, que ten algo de rexoubeo, recoñézoo, non só hai que rosmar senón que tamén non hai que se tomar demasiado en serio algunhas realidades; por hixiene mental, claro. Ademais os galegos non seremos colectivamente paranoicos, pero algo de pensamento proxectivo si que o temos. Poñámonos un exempliño e, de nos dar tempo, mesmo poderemos chegar a poñer dous. 

A nosa é unha mentalidade escindida: falamos en galego entre nós e en castelán coa xente que non é da nosa maior proximidade; uns afirman que vivimos en Galicia e outros que o facemos en Galiza, co cal non sabemos nunca se vivimos un sitio ou se o facemos noutro. A nosa bandeira son dúas, a saber: unha a da franxa azul sobre fondo branco e outra a branca coa custodia e as sete cruces que a orlan. Sucédenos o mesmo co himno, uns cantan o interminable poema de Pondal e outros emociónanse coa Marcha Real do Antigo Reino de Galicia. Sigamos. Lemos entrevistas nos xornais e nas máis, ou en non poucas delas, cando se lle fan as preguntas as personalidades ou as xentes do país, reprodúcense as respostas en galego pero o resto está redactado en castelán. Así non hai quen se entenda e logo pasa o que pasa. 

Os máis de nós chegamos a un mundo no que campesiños e homes de mar eran os máis e dominaban a súa cultura, fose a agraria ou a mariñeira, ó tempo que facían predominar unha secular tradición oral que colaborou decisivamente a que eiquí xurdiran os mellores narradores peninsulares (disimúlenme esta ración de chovinismo) procedemos de aí e viñemos dar a esta Galicia/Galiza urbanizada, invadida de pantallas de teléfonos móbiles que coutaron a comunicación oral entre nós, facéndonos agachar a cabeza pra, no millor dos casos, falar con alguén que asoma a súa e inexpresiva nesa pequena e hinóptica pantalla que nos aparva e tolle. Falamos con imaxes e alá se nós foi a pique o imaxinario colectivo. E en chegando a vellos, rosmamos ou non aceptamos o tuteo de bo grao.

Así non é de estrañar que durante anos só fósemos superados polos suecos no número de suicidios anuais e que nos manteñamos nunha cifra anual duns trescentos. Prós escasos tres millóns de galegos que somos chégalle ben e habería que lle prestar atención á realidade que se esconde nese dato. Está moi ben que os telexornais abran dando conta da crimes de xénero habidos en toda España: un medio cento anual en toda ela. Non digo que haxa que potenciar o efecto chamada dando conta dos suicidios habidos entre nós, pero si que sería indicado que se lle fora prestando máis atención ás causas que os provocan. Cando se fala da España vaciada, nunca sae este noso país baleirado incluso de si mesmo e, por elo, causa de tantas desercións. Desertamos de nós mesmos. Só nos que queda rosmar. Pero comezamos a aceptar que non se nos escoite nin teña en conta.

Te puede interesar