Opinión

Ben-Cho-Shey, ironías do destino

Ando a ler, millor dito, xa case que o lin enteiro, o libro de Paco López-Barxas editado pola Deputación de Ourense e máis Auga Editora. O seu título é "Ben-Cho-Shey inédito"· Nuns días presentarémolo no Liceo por iso non sei se adiantar moito a cerca del e máis do autor porque, se non, a ver que digo chegado o día; máis tendo en conta que, tanto un coma outro, son de nación ourensán e xente coñecida e respectada nos ambientes culturais.

A figura de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, de Ben-Cho-Shey, dende que participou na guerra de Marrocos e asinou as súas crónicas con tal seudónimo, pon en evidencia algo que sempre me sorprendeu: o feito da non sei se deliberada ignorancia na que permaneceron ós que viviron nese exilio, interior e encabronado, residindo fóra de Galicia, pero en España; fose ese exilio en Madrid ou fose en Barcelona, ou onde queira que a vida os levara. Foi un exilio cabrón. Mentres os exiliados fóra de España gozaron eiquí, entre as elites intelectuais, dun prestixio literario e político polares ós que padeceron os máis dos que se eiquí se quedaron -os grandes estaban fóra, os que estaban eiquí xeraban desconfianza- os que viviron fóra de Galicia non é que fosen desprezados, pero si que o que non foron foi debidamente valorados. É o caso de Ben-Cho-Shey. Ó final resultou que os escritores exiliados, agás concisos nomes, o de Blanco Amor por exemplo, non eran tan bos e que os "do interior" si que o eran e, en moitos casos, moito millores. Ironías do destino.

O caso é que Ben-Cho-Shey é un deses clarísimos representantes, senón o maior deles, dos que axudaron a manter viva a chama do galeguismo dende un anonimato que no seu caso é significadamente inmerecido, amén de inxusto. Cada vez que ven a conto o seu nome, venme á cabeza a figura do meu pai, carné numero 617 do Partido Galeguista, asinado por Alexandre Bóveda o 1 de nadal do 1932, e a ledicia coa que Carlos Casares apareceu na miña casa traéndome un libro no que, perdido nunha liña das súas páxinas, aparecía o nome do meu pai vencellado co Allariz e co galeguismo no que non deixou de militar ata o xusto día do seu pasamento, facendo profesión del e permanecendo á marxe da actividade intelectual ou literaria, pois non era tal o seu oficio, pero axudando dende o anonimato ó sostén dunha convicción que manteu sempre viva. É o caso de Ben-Cho-Shey, só que o biografado por López-Barxa si mantivo unha constante actividade cultural e literaria que o fixeron merecedor de homenaxes tales coma o que este volume significa. Non sei que pensaría deste libro o autor do coñecido epitafio que finaliza cunha nota na que advirte que "quedan suprimidos tódolos homenaxes post-mortem, porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan", pero gústame pensar que sorriría agradecido, collería ó Paco de ganchete e iríanse os dous dar un paseo por Argüelles adiante falando de Galicia.

Te puede interesar