Opinión

O ben común que non foi o noso ben

Antonte falouse eiquí do ben común e da súa busca a través dos tempos, suxerindo a conveniencia de substituír a súa persecución pola da bondade, moito menos enganosa. Houbo opinións pra tódolos gustos; como debe ser. O comentado sobre a Inquisición non lles gustou a uns cantos, que lle imos facer. Así que imos teimar un pouco nelo, feito sexa en honor daqueles ós que si coincidiron co expresado. E que foi o expresado? O expresado foi que non debemos desculpar os "excesos inquisitoriais" co argumento de que así eran aqueles tempos, e, en función deles haberá que xulgala, poisque así e consecuencia deles era a xente que os habitou porque, neses mesmos tempos. viviu tamén outra xente que non os aprobou nunca. E que os padeceu contra a súa vontade,

Estes días andamos coa reedición de "Xa vai o Griffon no vento", en realidade quen anda coa reedición desa novela é a editora alaricana (os de Allariz sómoslle así) titulada Aira das Letras, Breogán a bendiga nas condicións debidas. Cóntase nela a peripecia vital dun inquisidor galego, Martin Abalo, que milita na Orde de Nosa Señora da Branca Espada, composta por inquisidores que loitaban contra os métodos inquisitoriais dende dentro dela. Contra o que algúns pensaron -que era unha invención miña- esa Orde existiu realmente e actuou como se indica na novela. Os "métodos" da Inquisición non deben ser desculpados en razón dos tempos nos que se produciron. Naqueles mesmos días houbo xente que pretendeu, loitou e morreu por atallar ese concepto do "ben común" así executado e así entendido. É de supor, volvendo ó de antonte, que fronte á busca do "ben común" houbo a persecución da bondade como norma de aplicación entre as relacións humanas.

Tan é así como se conta que a igrexa galega de entón rexeitaba tanto os procedementos inquisitoriais e o facía en medida tan extrema que o baleiro social ó que sometía ós inquisidores fixo que o que máis aguantou o tipo eiquí fixoo durante dous anos pero pra acabar tolo de todo. Item máis, os verdugos nunca foron galegos; sempre tiñan que ser importados de fóra. Eiquí ninguén se prestaba a exercer de tal. Poderemos diferenciar entón os que buscaban o ben común dos que andaban na procura da bondade, fuxindo da aplicación da maldade e corpo e no espírito duns semellantes?

Cando defendemos procedementos como os sinalados, argüíndo que así eran aqueles tempos, estamos a condenar á xente bondadosa e altruísta que habitou neles e defendendo á que, amparándose na busca do ben común, implantou un réxime de terror e medo no que tiveron que vivir xeneracións enteiras.

Pero non é só cuestión relixiosa, é cuestión humana. Non nos enganemos. Buscaba o ben común, buscaba o ben o conde-duque de Olivares cando decretou un imposto de catro reais por cada oliveira existente en Galicia? Tal medida conduciu a que se arrincasen centos e centos delas, coas consecuencias derivadas de tal feito, mentres que tan benéfica medida o que produciu foi a revalorización das oliveiras andaluces, entre eles, os que eran propiedade do conde-duque, precisamente de Olivares, e a práctica desaparición das galegas e con elas do aceite tan necesario na nosa alimentación.

Cando os aranceis ó liño galego, no século antepasado a este polo que tan coronaviricamente transitamos, a industria téxtil galega desapareceu favorecendo da industria téxtil algodonera catalá. No que consistiu daquela o ben común? A quen lle veu ben o ben común? A pregunta, entón, é a de si terían sido posibles outras medidas menos maléficas e si máis cheas de bondade que non colaborasen, na medida na que o fixeron, ó empobrecemento do pais galego; un empobrecemento iniciado a partires de que os galegos defendésemos á raíña Xoana enfronte de Isabel de Castela, chamada a Católica, na guerra civil mantida entre ambas, unha guerra que perdeu aquela de modo que esta desmochou torres da homenaxe, asolou castelos e impuxo unha administración foránea que ocupou o país de xeito que arramplou coa que fora lingua de cultura peninsular.

Hai xente que non se explica o éxito do panceltismo galaico, sen se decatar que o que se busca é o regreso ó esplendor dun tempo, o regreso á bondade dun vivir que decaeu coa nosa aportación colectiva ó ben común. En Galicia hai máis da metade de tódolos castros que existen no resto da Europa, o noso megalítico é propio e diferenciado, abondoso e extremadamente rico. Por iso atraen tanto eses tempos pasados e gloriosos. A visión dunha Galicia idílica permanece a través dos séculos e resulta lóxico ampararse nela pois os sentimentos son os que son e o ben, ben entendido, comeza sempre por un mesmo.

Agora son moitos os que consideran un ben común o mantemento da Constitución tal e como o está. Éo? a Constitución é un ben en si mesma, eu prefíroa ó "Fuero de los Españoles" ou ós "Principios Fundamentales del Movimiento" (que tamén trouxeron benestar material prós españois, non o neguemos) pero ese ben, hoxe, corenta anos despois da súa promulgación, atinxe máis que á maioría dos españois a unha minoría e, e paso, a esa a modo de industria nacional na que se converteu a vida política propia dunha partitocracia. Convén comezar a busca da bondade, espallada de xeito que todos poidan disfrutala. Chámase democracia plena.

Te puede interesar