Opinión

Breogán saberá se hai ou non eleccións

O mércores 17 do mes que andamos, a cousa pintaba chunga; así que, con independencia do que pasara dende entón, respondín, con toda canta solemnidade fun quen de dotar á miña voz -que debeu soar algo campanuda de máis, por certo- á pregunta que me fixeron dous amigos, escritor un deles (e bo) libreiro o outro dos que xa non quedan. Cal pregunta? Esta e tan triste: Cres que haberá eleccións?

Respondinlles que estaba convencido de que sí; de que malia que se me antollasen indesexables ía habelas porque os partidos estaban como estaban, é dicir, enquistados en si mesmos coma abscesos perianais no cú do electorado e que o demais importáballes un bledo. Logo vinme pra casa, apaguei o noticieiro da tele, tan axiña como volveron sacar as desastrosas enchentes vividas xa non me acordo en que río navarro e repetiron o frustrantes que volveran ser as negociacións entre os partidos de cara a investidura de quen, un compañeiro meu do bacharelato do que non é difícil adiviñar a quen non vota, chama Perro Sánchez; pero así é como lles está a cousa.

Como poden comprobar os que ata eiquí sigan lendo, son un tipo insensible e algo cínico, porque deseguido boteime a sestiña preceptiva. Fíxeno no sillón de orelleiras no que adoito sentar as miñas nádegas coma se o fixera nun trono, así que imaxínense e boten contas. O caso é que ó espertar, crin ter un chisco máis claras as ideas e, sen pensalo nin máis, nin millor, púxenme a escribir estas liñas, convencido xa de que se me acendera a luz e xa vía as cousas claras.

Advertido por non sei que intuición ou suspicacia, dixenme: "Quieto, Conde, que te precipitas demasiado, reflexiona un pouco máis, non te aceleres". Pero entón o demo interior que todos levamos dentro aconselloume: "Dálle, home, dálle que todo cristo fai o mesmo". E xusto aí, parei por un segundo, este, e concluín: qué carafio, aí vai o que realmente penso:

A verdade é que non creo que haxa eleccións. Por que? Pois porque os deputados, dun e doutro lado, algo han pintar no asunto e, postos a escoller, entre a seguridade e recibir un soldiño xeitoso durante catro anos e a posibilidade de non volver ir nas listas electorais nunha nova cita electoral fará que sintan cóxegas no perineo ó pensar que se poden quedar sen tal aportación e a compañía das vantaxes derivadas.

Formulada tan cínica conclusión, que é o que acabo de facer, sentín remordementos e púxenme a pensar que é o que están a pintar os señores e señoras deputados e deputadas neste guirigai que temos montado. Nada! díxenme. Non pintan nada. quen pintan algo son as cúpulas do seus partidos a quen os electores lles deixamos nas mans a toma das decisións pertinentes pois isto é o que sucede cando se ten unha democracia representativa coma a nosa. E volvín cambiar de opinión, unha vez máis. 

Non te preocupes, Conde, volvín dicirme, quen máis quen menos, leva semanas facendo o mesmo ca ti: unhas veces arre, outras veces xo. Pero vai ou non vai haber eleccións?: pois pode que si, pero pode que non, quen sabe. Así que a estas alturas, once días despois de divagación tanta como a que lles estou a ofrecer a vostedes, Breogán saberá o que está pasando.

O que si se me antolla que, posto que eles non se poñen de acordo, pode ser certa é a necesidade de non delegar nos deputados a elección dun ou doutro candidato á investidura presidencial e que sexa directamente investido aquel que os electores decidan por sufraxio universal, libre, directo e segredo logo dunha primeira e única volta ou dunha segunda e definitiva se así se decide que sexa. Iso implicaría listas abertas, pero evitaría situacións tan de lamentar como a que estamos a atravesar.

É certo que a constitución non di tal cousa, pero non e mentira que a constitución admite emendas. Ou non? No resto das democracias que teñen un rei por xefe do Estado é posible que o rei, a maiores de reinar, teña algún papel algo máis activo do que lle corresponde ó noso, pero tamén esa emenda a podería absorber a Constitución actual. Esa e algunhas máis das que está tan necesitada.

Eiquí chegado, non me queda máis remedio que regresar ó ton inicial do día de hoxe así que vou optar por me facer algún par de preguntas máis. Aí lles quedan. Penso eu realmente que os deputados de Ciudadanos e Podemos se van arriscar a non ir nas listas, mesmo nos mesmos lugares nos que foron nestas pasadas eleccións? Prantéxome tal cuestión porque a min daríame moito llullo e moito me temo que só repetisen nas listas os que tantas semanas levan mareando a perdiz e lle están facendo dar tantas voltas á pouca cabeciña que lles queda. Respondida dalgún xeito esta última cuestión, prantexada queda outra aínda máis dura. Que pasaría cos de Vox? Pois moito é de temer que visto que onde dixeron arre, continuaron dicindo arre, e onde dixeron xo non deixaron de dicilo, o que pasaría habería ser o que xa pasou noutras anteriores e semellantes circunstancias históricas: que a corrente electoral flueu ó seu favor e como diría o finado de Don Manuel Iglesias, pasará o que pasará. Confeso que o que a min non me gustaría nada que pasara, quede claro, pero así foi e así pode volver ser como non nos andemos con coidado, con exquisito e democrático e sereno coidado.

Te puede interesar