Opinión

A burro vello non lle cambies o camiño

A min sucédeme coma seica lle sucedía a Schopenhauer a quen lle "gorentaba a vista de calquera animal e lle aledaba o corazón". Digo eu se será por iso polo que permanezo tempo e tempo, coma un parvo, ollando os canais da TV que emiten programas sobre eles. Non tanto os que se empeñan en chamarlle ó león o rei da selva -o león ándalles máis ben polas sabanas- neses documentais nos que o africano deserto do Xerengueti está máis sobado que a imaxe do apóstolo que preside a catedral compostelá. Tanta e tanta aperta, tanto e tanto século recibíndoas, en medida e efusión tales que xa debe estar algo máis que farto delas. Eu estaríao. Máis aínda se é certo que, en tempos, houbo que substituírlle a pedrería toda, as xemas consideradas xoias, farto que estaba o cabido de que llas roubaran coa disculpiña do efusivo e devoto abrazo.

Pero falabamos de animais, do moito que me gusta ver documentais que traten deles e os retraten nos seus hábitos, máis se tratan da fauna europea que é coma se fora toda ela da casa, que o é, naturalmente, tanto que un ata os ve mansiños cando en realidade seguen sendo feras, alimañas e mesmo réptiles, cobras e bichos deses que agora de vello, por fin, moito me impresionan.

A verdade é que prefiro eses documentais -case que sempre dunha gran beleza estética e enormemente pedagóxicos- ós telexornais da tele. Non quero xa dicir ós programas de debate; de debates ou o do que sexan eses así chamados que non sei se son representativos da sociedade na que vivo ou indutivos da que, ó parecer a non poucos, lles gustaría.

A última incorporación a eles é a introdución de dúas expresións que me arrepían tanto ou máis ca da mostra deses réptiles chamados cobras cuspidoras, hábiles no lanzamento do seu veleno contra os ollos de quen se lles poña por diante. Empezou a cousa coa definición do actual goberno como social-comunista e continuou coa correspondente á oposición coma neoliberal-fascista, como se non fose abondo cos de esquerda e extrema esquerda e dereita e extrema dereita, que xa é bastante.

Mal e atravesado camiño o que levamos. E peor aínda pra aqueles que soubemos da ditadura, militamos na clandestinidade e lle vimos as orellas ó lobo en máis ocasións das desexables. Logo delo vimos a democracia coma un agasallo que nos deu a vida. Vímola e sentímola na mesma medida na que agora a vemos debilitada e frouxa, ben que sinto o poder confesalo así.

Ó millor é que é certo que "a burro vello non lle cambies o camiño" e un, entre a idade provecta que xa calza, e maila burremia de amar a liberdade entendida sexa esta con tódalas consecuencias, anda equivocado e se confunde fácilmente. Moito me gustaría que así fose. Poden crermo.

Te puede interesar