Opinión

O cambiante concepto do ben

Ah, Flaubert, Flaubert! O do corazón ameno, quen de entender as vicisitudes dunha vella e máis dun loro pra nos explicar non poucas das que ateigan as nosas almas, eses hálitos inaprensibles. Algo sabía da vida este migrañento autor, máis ca migrañento, migrañoso, aqueixado de perennes dores de cabeza e penso as veces que dono tamén dun corazón algo alborotado.

Non sei se o reverendo Reboiras Torrado, rector que foi da pontevedresa basílica de Santa María, lería a monsieur Gustave Flaubert porque, máis dunha vez, lle escoitei advertir ós seus fregreses: "Deus, Deus, hermanos, no os es tan tonto como parece...". Tamén lle escoitei dicir que: "Como decía Jesucristo y en parte tenía razón...", así que non o creo, non creo que lese a Flaubert, aínda que quen o sabe? O que si sei é que o corazón de Don Peregrino, que así se chamaba o dómine, era un corazón sinxelo, sinxelo e bo. O de Flaubert tan só debeu ser ameno. Non é pouco.
Ameno e o abondo alborotado, o corazón de Flaubert, como pra afirmar que "os lectores non son tan tontos como parecen. Só son tontos, en materia de Arte: 1º o Goberno, 2º os directores de teatro, 3º os editores, 4º os redactores xefes dos periódicos e 5º os críticos autorizados; en resume, todos os que ostentan algunha forma de Poder, porque o Poder é esencialmente estúpido. Dende que o mundo é mundo, o Ben e maila Beleza sempre teñen vivido no seu exterior".

A conto de que traio eu hoxe estas cousas a esta páxina? Non o sei ben. Logo de ter lido o que os habituais aínda non puideron ler, quedeime con algo así coma cun proído na pel da alma; un proído raro e manifestado dun xeito que me fixo persistir na súa lectura, na lectura dos textos e da correspondencia de Flaubert. E un algo de "medo", non moito, pero si algo, si que me entrou.
Sempre profesei unha nunca negada admiración pola obra de Flaubert. Non por toda, porque entre "Madame Bobary" e "Un corazón sinxelo" collen moitas outras que non as din rillado; as "Tentacións de San Antón" por poñer un caso. Pero, se un só verso, non xa un só poema, un só verso excepcional e único, luminoso, fai un poeta; abonda cun libro pra facer un escritor admirable, cal é o caso. Sigo admirando á Bovary, e sigo admirando a "historia dunha moza vella e dun loro"; ó loro Lulú e, por suposto, a criada Felicité. Pero un autor sempre está por enriba ou por embaixo da súa propia obra.

Como debermos xulgar hoxe a Flaubert, a parte de como o gran escritor que foi, é unha pregunta que non me atrevo a contestar de boas a primeiras. Quevedo foi un gran escritor, sen dúbida, pero expresado en linguaxe actual foi, en gran medida, un reaccionario, un supremacista, agora que de novo ven sendo tan utilizado o término. Poderemos seguir dando por válida tal expresión e como ben acaida a tal cualificación. Quevedo foi un gran escritor, si; pero dito en linguaxe actual un magnífico, un grandioso carca.

Dise así porque, hoxe, neste noso país, todo se reduce a esquerdas e dereitas, esquecéndonos, non sei se deliberadamente, de que dende que o mundo é mundo sempre houbo altruístas e egoístas; sempre houbo reaccionarios e amigos de progreso; sempre humanistas e humanitarios, fronte a inhumanos miserables e canallas, cando non a asasinos; dito sexa así, directamente.
Por iso se non vale afirmar que hai que desculpar a Calvino en razón dos tempos nos que viviu porque naqueles mesmos tempos Castellio tamén habitou o mundo, e neles viviu Servet e neles viviu tantoutra xente que o desautorizou non só coa súa actitude, senón tamén cos seus escritos ou coas súas investigacións. Os tempos de Calvino tamén foron tempos deles.

conde_09

Esa e non outra é a vella e recorrente teima de desculpar os métodos da Inquisición en virtude dos tempos nos que se produciu, como se neles non tivesen existido outros seres que repudiasen os seus procedementos, os seus autos de fe, as súas torturas. Se nos esquecemos desas xentes é como se nos esquecemos dos fornos crematorios do nazismo, dos gulags comunistas e de toda canta miseria recorre os tempos dende o comezo do mundo e desculpásemos á Gestapo ou a existencia dos sotos da Lubianka.

Podemos, xa que logo, sentir admiración pola obra dun escritor, dun poeta, dun músico ou dun pintor, claro que si, porque dende que o mundo é mundo, "o Ben e maila Beleza sempre teñen vivido no seu exterior" mentres que a baixeza moral, o desprezo polos semellantes, a amargura e seis ou sete cousas máis de semellante índole viven no interior o só excepcionalmente aboian na tona da conciencia; unhas veces nun epistolario; na adhesión a uns postulados, noutras; tamén en concretas militancias e actitudes persoais.

Quizás todo proveña desa continuada, persistente busca do ben común dado que "o ben" é un concepto cambiante. Os nazis buscábano a través das cámaras de gas, os romanos sacrificando cristiáns nos circos, os comunistas conxelando os disidentes na Siberia ou roxos e azuis claudiando adversarios nas gabias das estradas ou nos sotos das checas. O ben é un concepto tan elástico que, a forza de estiralo, da uns trallazos que fan historia.
Quizais por iso haxa que se contentar e concentrar, máis que na persecución do ben, na busca e no exercicio da bondade. Tal busca pareceralles a algúns máis propia dun cristianismo de catacumbas que dos tempos actuais, pero así é. Certo que esa busca implica que a Beleza e mailo Ben (eu prefiro a Bondade, disimúlenmo) habiten tamén no noso interior pero, a consecución desa habitabilidade, é a que dignifica a condición humana. Ou non? Flaubert foi un gran escritor, sen dúbida, pero debeulles ser xentiña moi complicada. Nin sequera en materia de Arte toda a xente que il afirma parva o é. Aínda que algún zascandil que outro si que o hai na grea citada.

Te puede interesar