Opinión

El Caso e aquelas entrevistas de entón

Son un vello, así que non lles debera importar, nin pouco nin moito, que escriba como o que son. Malia que diga que calquera tempo pasado foi millor, que non o digo, o único que me atrevo a afirmar é que tras tempos, tempos veñen e que tal día fará un ano. Diso si que non lles hai dúbida ningunha.

O que si é certo é que hai medidas que funcionan ben nun sitio e que, aplicadas ó mesmo tempo, non funcionan ben noutro. O mérito consistirá, se algún cabe atribuírlle, non sei se en aceptalo ou si en saber intuír o resultado antes de aplicar, de implementar pois así se di agora) ou non tales medidas. Se a maiores de velo, se sabe explicalo, pois filloas con mel... que é o xeito de dicir “miel sobre hojuelas”, como diría un castelán vello.

Por poñer un exemplo que veña a conto, servidor estalles convencido de que a arte de entrevistar á xente estase vindo abaixo nos pasados tempos... ou tal a min se me antolla. Como cheguei a esta conclusión que algúns cualificarán de peregrina e outros de absolutamente innecesaria? Voullo contar. 

Sendo neno lía este xornal aberto a dobre páxina, facíao sobre o mesmo piso de madeira que noutras ocasións me servía pra facer carreiras de chapas, e o primeiro que buscaba nel eran as páxinas de sucesos. Facíao sen saber que os tempos éranlles así e sen ter nin a máis mínima idea do que era (ou é) o pensamento cuántico. O espírito da colmea. Sen sabelo, ó facelo así, asimilábame ó conxunto dunha sociedade que determinaba que o xornal máis lido na España de entón fose o que se chamaba El Caso. Todo el falaba de crimes e doutros sucesos delictuosos. Facíao cunha veracidade que a cidadanía moito valoraba; pasados uns anos, non poucos, uns vinte e algo polo menos, veu a democracia e nos xornais xa se podía ler de todo, e deixou de lerse El Caso 

Nese momento auroral da democracia a xente tiña moito que dicir, eu xa non me despatarraba no chan pra me debruzar sobre as dobres páxinas de ningún xornal, tampouco deste, e o que eu lía eran as entrevistas. Foron tempos cheos de epifanías que íamos asimilando de pouco en pouco indo da man de grandes entrevistadores. A xente tiña moito que dicir e decíao. Foron os tempos de Balbín e de Feliciano Fidalgo, de Soler Serrano e Lola Díaz, de Rosa Montero e de Soledad Gallego, de Juan Iborra e de tantos outros que coller collen eiquí, pero que imos dar por citados e seguir, a ver se chegamos onde eu pretendía antes de me deixar levar polas digresións ás que estou tan afeito como desexaría que o estivesen vostedes pra non ter que se aburrir comigo.

A xente tiña cousas que dicir e iso estimulaba ós entrevistadores de xeito que preguntaban con tino, tamén con siso, e as entrevistas eran non só unha fonte de información senón mesmo tamén de formación. Onde iran aqueles días! Que terá sido deles? Pois non llo sei, pero voume atrever a constatar que levo xa demasiado tempo que, seguindo a miña curiosidade polo que opina a xente, sigo a ler entrevistas con verdadeira afouteza, pero con mínimos resultados. Por unha parte, os propios xornais, reduciron a súa cota delas (por algo será); por outra ou a xente non ten moito que dicir ou ós os entrevistadores non saben que preguntar dada a pouca información que, os máis deles, teñen do seu entrevistado. O caso é que, por fas ou por nefas, chegados estes días nos que xa son un vello sigo lendo ou querendo ler entrevistas e contadas son as ocasións nas que o consigo.

Fíxense como serán que case que cheguei a perder o hábito de lelas completas. O outro día dinme conta de que, sen a penas ser feito dun xeito consciente, antes de nada e aproveitando que veñen en negriñas, ocúpome de ler as preguntas antes de atacarlle ás respostas dadas a cada unha delas. O resultado é que en demasiadas oportunidades as preguntas son tan, tan banais, que deixo de me interesar polas respostas decepcionado diante da contemplación do escaso campo de respostas que o entrevistador pon ó acado do seu entrevistado.

Confeso, xa o deixei asomar no comezo, que esta miña pode consistir nunha teima de vello pouco avida a razón algunha. Oxalá fose así, pero madia leva se non o é; a outra cara desta realidade élles algo triste e mesmo diría que algo desquiciada. Refírome ó resultado obtido por eses entrevistadores brillantes empeñados de tal xeito en confirmar a súa agudeza intelectual ou doutrinaria que non entrevistan en absoluto senón que interrogan porfiando por obter a resposta que pretenden e non a que o entrevistado, que tamén ten os seus dereitos, se empeña en darlle. 

É así como boto moi en falla aquelas entrevistas publicadas en Cambio16 por Lola Díaz, por exemplo, solo preguntas e respostas alleas de valoracións persoais de ningún tipo pero tan ben levadas, tan ben elaboradas que con ese único acadaban a proporcionarnos ós seus lectores un retrato cabal dos seus entrevistados. Cito a Lola Díaz porque moito admirei á súa mestría. Claro que esa admiración aínda é extensible a outros profesionais daqueles tempos sen moitos parangóns posibles con estes nosos. Busquen os lectores, fágano en YouTube, as entrevistas de Soler Serrano; por exemplo a que lle fixo a Álvaro Cunqueiro e saberán a que cousas me refiro e porque se botan en falla entrevistadores actuais daquela mesma talla.

Outra cousa é a determinación das causas reais que constitúen a enxoita paisaxe actual ou as que se derivan das consideracións que quedan eiquí expresadas: cousas de vello ou propias dunha sociedade desilusionada, abundantemente desinformada e confundida, tanto, tanto, tanto que a arte de preguntar estalle a pasar o que a arte de facer as camas que, según Cunqueiro, se perdeu sempre nos tempos de guerra e de miseria.

Te puede interesar