Opinión

Os cataláns sempre van ao seu

Sempre escoitei dicir que un home perfecto, sería un perfecto idiota. Nunca me custou excesivo esforzo aceptalo. Algúns problemiñas si que me causou co fillo do carpinteiro de Nazaret, pero funos superando a conta de considerarme algo arrianista e non pouco priscilianista quen, é dicir Prisciliano, na compaña da monxa galega Exeria, predicaba, alá polo 335 d.C., a presenza das mulleres nas funcións relixiosas e a posibilidade de matrimonio prós cregos que por el optasen. Sempre me tiraron non pouco este tipo de cuestións, acaso debido a que no plan de ensino do 1953, a relixión e dentro dela a teoloxía e maila teodicea ocupaban un lugar importante que xerenciaban os coengos da catedral no instituto do Posío.

Así que un home perfecto sería un perfecto idiota porque esa condición está reservada a Deus que se libera da idiotez por conta da súa omnipotencia, da súa omnisciencia e mesmo da súa propia perfección que llo impide. Pero o caso dos humanos élle outro, meus amiguiños todos. Nos temos a imperfección coma unha táboa á que nos agarrar no caso de naufraxio, cando as cousas nos veñen torcidas. Por iso a maior anormalidade que son quen de imaxinar é a dun mundo perfecto, sen psicópatas nin cretinos. O que non quita que a súa presenza entre nós resulte de moi difícil dixestión en demasiadas ocasións.

O outro día un xornal madrileño, xa saben, deses que se autoproclaman de carácter nacional deixando prós demais a condición de ser "de provincias", hoxe, cando a Internet permite que sexan que estes sexan lidos en todo o universo-mundo, ese xornal, incluía nas súas páxinas unha reportaxe sobre varios ditadores do pasado século XX. Parafraseando o título da triloxía de Arturo Barea, "La forja de un rebelde", titulouna como "La forja de un dictador" extractando non poucos dos comentarios que aparecían nesa reportaxe, asinada por Luis Alemany, do libro de Véronique Chalmet "La infancia de los dictadores". Dende Hitler a Stalin, dende Idi Amin a Franco, dende Pol Pot a Mao ou dende Mussolini a Gadaffi... por non citalos todos eran citados nela. Escuso dicirlles que a reportaxe era, a maiores de interesante, moi ilustrativa.

Hoxe o mundo volve estar ó tanto da presenza de varios líderes de relevancia internacional que fan presaxiar a renovación de tempos e de episodios que inocentemente creemos superados. Non poucos deles presentan síntomas que, nos da reportaxe, se poden cualificar e cualifican como psicóticos. É inherente á condición humana a presenza de psicópatas entre eles. O problema é cando esa presenza se sublima e diviniza. Sucede así dende os emperadores romanos ós faraóns exipcios, divinizados coma deuses, e dalgún xeito algo distinto, pero real e existente, cando chegados nos nosos tempos, esa divinización impuxo que o culto ó líder se convertese nunha fe, nunha a modo de relixión, sostida en sentimentos, contra a que todo uso da razón é inútil. Algo así é o que está a suceder en Cataluña e, por puro acto reflexo, empeza a asomar en non poucas ocasión no resto de España. Nacionalismo españolista incluido. Ou seica non?

O mesmo día que saíu a reportaxe citada, un xornal galego denunciaba a agresión padecida por un bombeiro vigués, en Madrid, logo dunha manifestación á que asistiron profesionais de todas España. Déronlle varias puñadas, rompéronlle as lentes ó tempo de lle berrar "nacionalista" e "largo de Madrid" antes de botar a correr coma ánima que se leva o demo. Por que razón o fixeron? Pois porque levaba unha bandeira galega que seica os nacionalistas españois non consideran tamén española.

Descoñezo como foi a nenez do actual e inxenuamente considerado presidente provisional do Goberno catalán pero ninguén lle ha poder negar a capacidade, real e amplamente demostrada, de ter potenciado un sentimento de catalanidade que se diría case que relixioso, algo coma unha fe que congrega devotos quen de, guiados polo abade de Monserrat, admitir que Elías ascendeu ós ceos nun carro de lume ou que Xonás viviu tres días no bandullo dunha balea e a súa muller aceptouno coma se nada. 

Como comprenderán no me vou meter en cuestións de fe, pero admítanme os lectores que esa convicción así entendida está espertando outras nunca de todo adormecidas. Se o nacionalismo catalanista no é bo o españolista tampouco non é e, o espertar deste, é evidente que nos vai facer a cusca a todos cantos pensamos que un pobo, por caso o noso e galego, ten dereito a conservar os seus costumes, as súas leis consuetudinarias, a súa lingua propia, os seus símbolos e maila súa entidade cultural xunto coa a súa coherencia interna sen por elo atentar en absoluto contra inclusión no contexto español ó tempo que no europeo. Visto o visto, os cataláns sempre van ó seu. Véñeno facendo así dende os decretos de nova planta promulgados por Filipe V entre os anos 1707 e 1716 e cada o vez que o fan, de paso, fannos a pascua ós galegos pra que de contado o centralismo borbónico teime nas súas actitudes centralistas e continúe tamén facéndonos a cusca. Xa nos vai chegando.

Teremos que acabar profesando unha actitude case que relixiosa e irracional respecto da nosa innegable condición de persoas de nación galego ou deberemos agardar a ver se a razón se impón ó sentimento e a convivencia é posible como o foi ata a chegada dos Borbóns e a derrota padecida polos austracistas, polos partidarios da casa de Austria, polos defensores de Carlos de Hasburgo que concibiron a unidade de España respectuosa coas distintas realidades culturais que a integran e fixeron grande a mesma España que comezou a devecer coa chegada do centralismo borbónico? As conviccións baseadas nos sentimentos son tan irrebatibles, unha vez transmutados estes nunha fe chea de relixiosidade, que é moi de temer que non haxa razoamento que valga fronte as psicoses colectivas alentadas pola firmeza e intelixencia dos seres que as alentan.

Te puede interesar