Opinión

Centralismo, federacións e unha España fracturada

Hai un libriño pequeno, tan pequeno que as súas dimensións son as de 9x8 ctms. e que o seu grosor non excede ós 6 mms. Trátase dun libriño que gardo como ouro en pano entre outros, de idénticas dimensións, que foron editados por Galaxia, na colección non venal "Os minilibros de Galaxia", cando a editrorial disfrutou da dirección de Carlos Casares.

Este ó que me refiro titulase "Biografía de Don Juan de la Coba" e trata nel da vida e milagres do inventor do Pirandargallo e máis do TrampitÁn; deste Don Juan propietario, director, redactor xefe, ilustrador, linotipista, impresor, único subscritor e polo tanto único lector do xornal que elaboraba pacientemente todo ó longo das súas longas noites de algo atrabiliario e insomne cidadán ourensano.

Posiblemente de teren sido outros os tempos e as actitudes, tamén os comportamentos de tan significado cidadán d'As Burgas, amén de distintas as súas ideas e imaxinacións, o seu periódico tería acadado outra difusión, maior número de lectores, infinidade de subscritores e, xa que logo, tería estado necesitado dun director xeral, dun director, de tres directores adxuntos, dun par de adxuntos á dirección. un xefe de redacción, varios de sección, etcétera, e por descontado que de cinco delegacións, unhas nas tres capitais de provincia restantes, dúas máis nas outras dúas capitais importantes, unha delas na capital galega... daquela inexistente de non ser considerada no plano espiritual e aínda así veriamos, pois a Atenas galaica xa sabemos onde estaba e tamén atinxía ó espírito colectivo.

Os países, mesmo as nacións, organizan as unidades territoriais que as definen e cualifican de moi distintos xeitos. Os Estados Unidos de América do Norte, por exemplo, compoñen unha nación de estados; algúns deles, Montana, Delaware, con menos dun millón de habitantes; outros, Dakota do Sur, Vermont ou Wyoming, rondando os seiscentos mil, sen que lles vaia nada mal, segundo noticias, ata chegar ós trescentos e pico millóns de seres que compoñen o gran imperio actual. 

Certo que hai outros dun centralismo exacerbado e contumaz. Pero é evidente que as grandes federacións, as que median entre inventos coma o da Commonwealth concibida polos británicos ou realidades como o da República Federal Alemá, ofrécennos, ós observadores medianamente atentos, realidades de desexable confrontación coa propia; non vaia ser que acabemos por ir á corte e matalas todas, dito sexa sen ningún ánimo pexorativo e respectando o refraneiro popular; ateigado que está sempre dunha sabedoría ancestral que non deberamos rexeitar... cando menos na maior parte dos casos. Por iso sorprende tanto ler nalgún xornal, exemplo do que se podería chamar supremacismo madrileño, comparable en moitas oportunidades ó supremacismo catalán, desexos de establecer unha gran vila familiar na que a distribución ocupacional se asemellase en demasía á que desexou unha España “grande e libre” e apenas acadou a conseguir unha España fracturada que aínda latexa en moitas das conciencias; daquelas que non soubemos tan atadas e ben atadas, ata agora mesmo, cando outro virus é o que nos afecta.

Te puede interesar