Opinión

Cidadanía con fartura

Xa se foi o tempo de mazar o liño, xa se foi o tempo do liño mazar e, como diría Antón Reixa, seguimos en guerra, convén reflexionar. Todo ó longo do longo estado de alarma, o labor da oposición, foi nefasta. Cando menos se a consideramos baixo a necesidade, cando non baixo a obriga moral de contribuír (xa se sabe que os valores morais e mailos valores políticos non teñen nada que ver... pero deberán) a facilitar a maior cohesión social posible, a unha cidadanía sedenta dun proxecto de país, coherente e unificador de vontades, naqueles aspectos da convivencia que lle dean estabilidade abonda como pra unificar esforzos en tempos críticos. Estes nos que andamos aínda o son. A ver se agora, cando semella que PSOE e PP se puideran entender, a cousa cambia algo.

O labor da oposición foi nefasto en canto que contribuíu, de maneira significada e determinante, a fracturar unha sociedade, a que temos hoxe, que debería ter permanecido unida en meses tan duros coma os pasados e mailos que han vir pola proa. 

O labor do goberno foi, é, cuestionable. Foino (aínda o é) en non poucos aspectos mentres a oposición se entretiña e mesmo se divertía en cuestionalo de xeito que calquera diría que o estaba pasando ben. Longuísimas intervencións televisivas dos membros do goberno, longuísimas intervencións de mandos policiais e militares, eternas homilías sabatinas do presidente do goberno, contribuíron non pouco a que a xente deixara de lle prestar atención farta de repeticións e consideracións que as máis das veces xa non aportaban nada.

Uns e outros, goberno e oposición, oposición e goberno, conseguiron que os máis dos cidadáns e das cidadáns, millor dito, que a maior parte da cidadanía acabara por padecer unha farta, unha intoxicación que sen dúbida se ha notar nas vindeiras convocatorias ás urnas que, pra nós, xa asoman no horizonte. 

Traballo lle vai custar a moitos galegos de dereitas votar á xente se Casado ou Álvarez de Toledo se asoman moito por eiquí, dar un apoio innecesario, cando son eles os que o precisan pra non ser engulidos polo bo facer do alcalde Almeida e doutros militantes do PP donos dunha sensatez maior ca deles; Núñez Feijoo entre eles, claro. 

Traballo lle vai dar a non poucos galegos de esquerdas votar unha equipa de políticos que ou son obsecuentes co goberno de Madrid ou se mostran incapaces de se enfrontar en condicións á política do actual presidente do Goberno galego. Queda a opción do BNG, debilitada polo feito de que o posible e pra moitos máis dos que se pensa desexable goberno dunha coalición de esquerdas, estaría encabezada por ese PSOE, o BNG e maila zaragallada de siglas que seguen a estas polo que comporían unha empanada político-mental da que xa se levan dado mostras abondo no pasado. Pero imaxinense que Ana Pontón montase por riba de Gonzalo Caballero, con perdón.

Te puede interesar