Opinión

Coidado cos sentimentos

É posible que eu estea a botar mal as contas, porén como non é idea miña senón que o lin nalgures e me quedou gravado, voume atrever a comentarlles que cando se mestura a sinceridade cunha mentira o que ha perdurar ha ser esta e non aquela; do mesmo xeito, se alguén goza de forza e de debilidade, alternativa e irremediablemente, postos a ser cenizos, malo ha ser ca debilidade non acabe por nós envolver a uns e a outros. Xa decididos case que de todo a un amargo día, conveñamos en que sempre sobrevive a maldade unha vez enfrontada á bondade. Como diría aquel holandés que foi entrenador do Barcelona F.C., “sempre negativo, nunca positivo”.

Eiquí chegado creo recordar que foi a Schnitzler, o mesmo autor citado hai uns dez ou quince días, a quen lle debo o paragrafo anterior. Dígoo porque, de súpeto e con toda claridade, acaba de virme a esta deteriorada vella caixa das memorias que presumo ter, a afirmación, a modo de colofón, de que “a diferenza entre a álxebra e a psicoloxía consiste en que nesta dous signos negativos nunca dan un resultado positivo”. Veume isto á cabeza, pero non me veu como inxerilo, como relacionalo co que non me atrevo a poñer entre comiñas o parágrafo inicial non vaia ser o demo.

Temo que as miñas lecturas me estean levando a frecuentar un círculo vicioso do que ignoro se saberei saír pois padezo unha tendencia, recorrente coma unhas febres tercianas, que me leva a desconfiar do predominio dos sentimentos. O propio Schnitzler recorda que as virtudes máis ensalzadas son sempre as que non requiren un esforzo mental, senón tan só unha disposición do animo, sen maior consumo de enerxía, sen case que ningún esforzo nin afán ningún de superación, considerados a partires da aceptación primeira.

Para o científico e escritor vienés as virtudes máis ensalzadas son o patriotismo e maila devoción relixiosa. Pero non as considera virtudes senón actitudes así etiquetadas por aqueles que obteñen un maior e máis evidente proveito delas, a saber o Estado e a confesión relixiosa maioritaria. Da medo, a min dámo, pensar en que Schnitzler non estea equivocado pois andan a reverdecer os vellos fantasmas dos que prefiren un Estado coa súa unidade conformada dun xeito e os que o prefiren coa mesma unidade pero entendida doutra forma. Tan só nos falta que reverdezan tamén os que opten por unha igrexa, por exemplo a vaticana ou por outra e laica, pero tamén dogmática e excitadora dos sentimentos, que tivo a súa sede na lonxana Moscova. Oxalá eu estea esaxerando, pero levamos xa demasiado tempo sabendo o que imos escoitar de boca de uns e doutros tertulianos, o que imos ler deste e daquel columnista e xa comezan a facer os seus efectos uns e outros: os sentimentos comezan xa a ser exaltados. Imponse algo que non me atrevo a definir.

Te puede interesar