Opinión

Combater os desvíos humanos

Hoxe apetéceme ser imprudente. Antonte trouxemos eiquí as palabras de Voltaire, sempre ou case que sempre consideradas sabias, escritas que foron a propósito da tan louvada beleza das mulleres circasianas e, coma sempre e como tamén sempre é de esperar, houbo a quen non lles gustou a "frivolidade" coa que o francés tratou o tema.

Como xa foi advertido, servidor tira moito á francofilia, unha doenza tan digna de respecto coma outra calquera, conste, moito máis se non couta ningunha outra das admiracións debidas a un pobo ou a unha cultura das de por aí fóra, como é o caso. Pero ó que íamos: vista a reacción déronme gañar de enredar aínda un pouco máis e recorrín de novo a Flaubert.

Monsieur Gustave despachouse así a propósito do recente pasamento de George Sand: "Había que coñecela tan ben como eu a coñecín pra se decatar de todo canto había de feminino neste gran home, a inmensa tenrura que se aloxaba neste xenio. Pasará á Historia como unha das persoas máis ilustres de Francia e unha gloria sen par". Póñanse a cismar, todo o malevolamente necesario, a cerca das posibles críticas (e louvanzas, que de todo hai sempre na viña de El Señor) porque de seguido hai lles vai outra; xa saben, tan só por enredar.

Estando en Kaltbad-Righi, alá enriba na Suiza, Flaubert teima nun asunto que tamén atinxe ás mulleres pero, nesta ocasión, non á súa tenrura, nin á súa xenialidade (se é que ambas son unicamente cousa propia delas, claro) así que vai e escríbelle ó seu corresponsal: "Non se imaxina vostede o feas que son as mulleres que me rodean. Que vestidos! Que peiteados! Todas elas alemás! Danme gañas de trousar! Nin unha ollada intelixente, nin un cabo de cinta un pouco limpo, nin unha botina ou un nariz ben debuxado, nin un ombreiro tentador... e así deica o pasmo! Vaia!, que viva Francia! E sobre todo vivan as francesas!" Xa me dirán que lles parece.

Como non todo ha ser francofilia, imos ver que dí un alemán-alemán: o Schopenhauer, que seica afirmou que a muller é un ser de cabelo longo e ideas curtas e que afirma que "non dixen aínda a miña derradeira palabra encol das mulleres. Creo que cando unha muller logra subtraerse á masa, é dicir, sobresaír por riba dela, é quen de se engrandecer ilimitadamente e aínda máis ca os propios homes".

O pasado dia cinco do mes que andamos, o xornal da capital de Galicia dedicou dúas páxinas a catro asasinatos, levados a ramo un par deles, e ó parecer fracasados os dous restantes. O primeiro foi o dun vigués, ó parecer morto a tiros nun garaxe, a instancias, según sospeitou sempre a policía, da súa propia ex muller.

O segundo foi o dun barcelonés, membro dos mossos d'escuadra, morto a golpes por un colega inducido que foi a elo pola esposa do primeiro quen, xa antes disque inducira a este a se levar por diante a un outro amante dela, condición esta que tamén desfrutaba o colega asasino. Entre os frustrados, dinos a reportaxe, está ó dun coñecido humorista catalán, casado cunha muller moito máis nova ca el, estudante de medicina, que por ben pouco o leva por diante grazas a varias inxeccións de insulina sabiamente administradas. O segundo dos asasinatos frustrados, que seica foi unha chapuza, protagonizouno a terceira muller dun coñecido avogado da capital de España tamén por un amante interposto que seica non debeu ser moi hábil chegada "a hora da verdade", da mesma maneira que a esposa do anterior, alemá de orixe, se quedou curta na administración de insulina.

Definitivamente do que estamos a falar é da condición humana e non de homes e mulleres e de tantas subdivisións destes coma os tempos que vivimos nos ofrecen. Non soamente matan e maltratan os homes sexan estes hetero, homo, trans... etcétera sexuais; tamén o fan as mulleres o fagan por persoa interposta debidamente inducida ou administrando tóxicos persoalmente.

Entre a santificación dunhas condutas e a demonización doutras, media un abismo que sería hixiénico ir salvando e, nese sentido, as páxinas do xornal que se atreveu a sinalar o que queda comentado constitúe un exemplo. Debera haber máis. Hai unhas semanas, na veciñanza de onde eu vivo, un rapaz novo colgouse dun arbore. Ninguén dixo nada. Sóuboo o dono da finca escollida polo suicida, os doridos pais do rapaz e pouca xente máis convocada arredor do caso. Galicia sempre foi pródiga neste tipo de mortes, hoxe silenciadas. Deberan ser coñecidas as razóns de decisións tamañas. Hoxe ven no xornal a noticia dunha rapaza de 17 anos e bisexual que se suicidou farta do acoso escolar que levaba padecido. Grazas a elo recordamos o problema e decidímonos unha vez máis a combatelo. Pois o mesmo co resto dos suicidios, dos envelenamentos e de toda canta manifestacións dos desvíos humanos nos aflixen porque nada do humano nos debe ser alleo.

Te puede interesar