Opinión

Conta corrente

Aqueles éranche tempos! Con tal de que abrises neles unha conta corrente, os bancos pagábanche intereses! Entrabas pola porta, accedías ó patio de operacións e dalgunha mesa levantábase alguén que, enarborando un sorriso, se achegaba ó mostrador,  ó trinque, e dicíache: Bos días Don Fulano en que podo servirlle? 

Eran tempos. O trinque, mostraba impresos desto e daquelo, espallados por riba do seu mármore, que ofrecían  distintos tipos de intereses segundo o tipo de conta que escolleses. Tódalas mañás, viña un propio e recollía as letras que habería distribuír polos diversos negocios ou vivendas particulares, recordándoche que, como eran "con gastos", poderían ir ó notario se non as pagabas no día do seu vencemento. Os cargos en conta, os recibos cobrados ou pagados cos teus diñeiros, eran comunicados de xeito cotiá e, a conta corrente dun emigrante, podía devengar ata un sete por cento de interese sen maior complicación nin requilorio. Escusado está advertir o que tal devengaría unha conta ben nutrida. A domiciliación de facturas e recibos estaba propiciada e o cliente dun banco era sempre alguén a respectar. Con recordar que por levar as nóminas a este ou a aquil banco obtiñas vantaxes e regalías xa está recordado todo.

Non hai tanto tempo deses tempos se quen isto escribe pode recordalos. Logo empezaron a aparecer as tarxetas de plástico. Os máis vellos da tribo aínda recordamos os cheques 4B que axiña derivaron nelas. Segundo foron agromando as tarxetas empezaron a mirrar as sucursais bancarias. Daquelas sedes suntuosas, ornadas con pedra de grao cor rosa Porriño, fornecidas con mesas deseño e cheas dunha diáfana luminosidade, as sucursais bancarias comezaron a encollerse dun xeito que, co paso do tempo, derivaría en notorio pero que, por preciso e lento, foi pasando desapercibido.

Pouco e pouco todo foi mudando. Hoxe as sedes das sucursais, as que quedan, xa non son catedralicias, luxosas coma templos barrocos, luminosas e resplandecentes, foron tornando en sobrias, austeras como vivendas xaponesas, esa estética minimalista e fría, desanxelada, sen nin sequera ofrecerlle onde se sentar ós vellos de xeito que os antano clientes e hoxe empregados entran nelas medio atordoados, introducen a súa libretiña de aforros nunha máquina pra poñela ó día e, se acaso, retirar algún diñeiro da pensión mensual que a administración porque ou ten aberta unha conta nun banco ou non cobra a fin de mes. Nela ten que ter cartos pra que lle cobren o recibo da luz, e máis o da auga, e máis calquera outro que teña que pagar de xeito que, o feito de ter cartos na casa, pode converter a calqueira en sospeitoso de telo obtido por métodos non santos. E os bancos cóbranche por atenderte ti a ti mesmo e calquera, armado con potencia abonda de hakeador curioso e impenitente, pode seguir os teus pasos e vivencias sen máis que enredar un pouco e entrar na túa conta a fisgar canto lle pete.

Ouh, que tempos istes! Abrir unha conta nun banco xa non é un dereito senón que se converteu nunha obriga. Así foi derivando a cousa ata que, hai uns anos, o maior beneficio obtido pola banca española, era o devengado polo cobro de comisións que poderíamos dicir inapropiadas, cando non ilícitas. Sucedeu hai aínda pouco e non sei se sucederá aínda, pero si reclamabas unha comisión inxustificada, devolvíancha decontado, sen esperar a máis. Pero a maior parte da xente non reclamaba nada, tan mansiños nos volveron.

Agora seica van cobrar trinta e seis euros semestrais por cota de mantemento, setenta e dous euros anuais, por manter unha conta aberta nun banco e, a maiores, as comisións e gastos considerados pertinentes, amén dun intereses que, no tempo dos Reis Católicos, podían levar ós prestamistas directamente á fogueira. Naquela idade considerábase que o tempo era un don divino e que non se podía cobrar poñéndoo como referencia e, tras moito dialogar, admitiuse que ata un cinco por cento podía ser admisible pero ai de quen sobordase a cifra que iría directamente ó lume purificador da súa avaricia.

Pouco a pouco fomos chegando así ate estes nosos días nos que xa está empezado a estar máis claro ca nunca e pra non pouca xente que unha cousa é ter o goberno e outra moi distinta e moito más clara detentar o poder. Que o poder executivo, o xudicial e mailo lexislativo se teñen que controlar ós uns e ós outros está  claro. O que non o está tanto é a necesidade controlar ó poder económico, financeiro e empresarial e, máis ca nada, cómo poder facelo, cómo controlalo sen que monte por riba dos outros tres e mesmo do mediático. Un imperio coma o de Carlos I (e V da Alemaña) sometido coma estivo ó poder da banca Fugger, pasou as que pasou e deixoulle o Estado ó seu fillo Felipe II de xeito que iste viuse na obriga, tamén na necesidade, de declarar a bancarrota oficial do Estado nada menos que en catro ocasións ó longo do seu reinado sobre un imperio no que nunca se puña o sol por poñernos patrióticos e dicilo así...ó antigo xeito. Arrepía pensar que pasará, indo por onde imos e á volta duns anos, co país que lle deixarán os nosos fillos ós nosos netos. Nada que ver co que nós lles deixamos a eles pra que agora nos vexamos nas rúas reclamando pensións e dignidade.

Te puede interesar