Opinión

Conversas intelectuais cos políticos

Hai xa tantos días que non me acordo onde lin unha conversa mantida entre Claudio Magris, o grande escritor italiano, e o presidente Giuseppe Conte, debeu ser nun xornal madrileño que ten a ben ter en conta que hai xente abondo como pra ler a súa revista cotiá que, se non o recordo mal, se intitula "Papel" o que nestes días atravesados pode ser tomado como un acto de consciencia e/ou de rebeldía, de afirmación ou desafío, en fin que por aí lles debe andar a cousa.

Mentres a ía lendo, mentres ía debullando o que o un e mailo outro, o que o político e mailo escritor conversaban, non fun quen de subtraer a unha pregunta que me rondou a cabeza todo o tempo: Sería posible unha conversa así entre o inquilino da Moncloa e un dos escritores actuais, actuais e que non figurasen en plantilla; ou mesmo e sen necesidade de saír fóra da casa entre o inquilino de Monte Pío e por exemplo e por poñer un caso, sen ánimo de molestar, eu que sei, Alonso Montero que viaxaría en tren dende Vigo a Compostela e non Méndez Ferrín ó que o mesmo habería que lle mandar un Audi 8 pra que fixera o mesmo. Fóra ironías, sería posible a celebración dun un encontro así tanto n'A Moncloa como en Monte Pío? 

Felipe González, actual deseñador de xoias, mesmo de índole mediática, posiblemente debido a unha iniciativa de Carmen Romero, a súa inefable esposa -aquela profesora de Literatura que teño pra min que foi a iniciadora da linguaxe inclusiva con aquilo dos "jovenos" e as "jovenas"-, don Felipe de Sevilla convocaba, convidándoos a cear na "bodeguilla" da residencia presidencial, a escritores e artistas en cifra que acaba os cen coñecidos, no seu tempo, como os cen de Carmen Romero.

Descoñezo de que falarían, nunca fun dos convidados, pero unha vez si que comín con Felipe e outros escritores; foi nun hotel madrileño, en época electoral, e só recordo os apuros nos que o finado, e chorado, Juan Benet o foi deixando en apuros. Pero non foron de índole literaria senón máis ben política. Benet era máis ben un señorito anarquista e foi o abondo corrosivo e demoledor como pra que, cando Felipe pediu o apoio da concorrencia, esta permanecese, permanecésemos, calados coma petos. E as poucas veces que falei con el, non o fixemos nunca acerca da literatura.

Mesmo Aznar contou con escritores e intelectuais afíns os que seica convocaba de vez en cando. Algúns deles e non necesariamente de dereitas, mesmo o asesoraban con frecuencia máis ou menos secuenciada. Pero como tampouco fun deles non podo dicir que tipo de conversas eran nas que se instalaban.

Con Rajoy a cousa coido eu que iría de ciclismo mas que de calquera outra variedade existencial e con Zapatero, co que nunca falei, millor que llo pregunten a Suso de Toro que si o fixo segundo el mesmo contou. Por "parte central" quédannos Suárez, o que pediu un resume de "Cen anos de soidade", exactamente da extensión dun folio, antes de se ver con García Márquez, e xa e por fin Leopoldo Calvo Sotelo, que si coido eu que era quen de manter unha conversa dese tipo, da mantida entre Magris e Conte, pero tampouco non falei nunca con el. Coincidir coincidimos na librería lisboeta Bertrand, pero eu miraba pra el, sentindo curiosidade polos libros que ía mercando, e il ollaba pra, coido que sentindo desconfianza polo meu seguimento, de xeito que os dous debiamos ser bastante túzaros e non cruzamos nin palabra. Ben que o sinto.

Xa na casa, sei que con Laxe si sería posible falar dun xeito parello ó de Conte e Magris, ó tempo que de jazz ou da Marilyn Monroe que pra el era unha icona, ou un fetiche, non o sei moi ben, que o diga el, e descoñezo se sería posible con Touriño. Quédannos Fraga e Feijoo. Co primeiro asegúrolles que si era posible. Seino ben. Falei moito con el. Tanto que acabo de rematar un libro que posiblemente se titule "A propósito de Fraga", que xa se titula así, que o meu editor quería sacar xa pero millor darlle algún repaso antes de facelo.

Con Feijoo, hábil político, teño falado bastante pero non nos términos nos que o fixeron Magris e Conte, tampouco non teño noticia de que o fixera con ninguén, ó millor con Caneiro, non o sei, pero dende logo que esa conversa, de terse producido, non lle foi ofrecida á cidadanía nas páxinas dun xornal galego. Ser é unha magoa. Ó millor dicáin cousas interesantes entre Caneiro e el.

Sospéitoo así porque sei do recente interés do presidente galego pola obra de Antonio Ibáñez o que foi marqués de Sargadelos e conde Orbaiceta, pero as últimas noticias sinalan que pode que tal interés fose un dano, ou un ben, colateral. A vida dáche sorpresas, sorpresas dáche a vida que dicía aquela canción xa non me acorda de quen. Pero dicir dicíao.

Te puede interesar