Opinión

Cousas nas que creímos

No ano 1955, ónde vai a data, os internos no Colexio Menor, sito naquel silencio alto da praza das Mercedes, escoitabamos radios galena utilizando de antena os xergóns das nosas camas. Quen non saiba o que era unha radio galena que consulte en Goo-gle, a ver se así. No colexio os colchóns eran de muelles e constituían unha novidade interesante. Daquela, nas “casas ben” soían ser de la, ou mesmo de quina de cabalo, e, noutras de non tanto ringo-rango de virutas de sobreira. No máis baixo escalafón social mesmo de follata de millo... se é que tiñan colchóns que en moitas casas non llos había. Entón, a nosa provincia, producía ela soa máis electricidade que todo o resto de España xunta... e era a provincia con máis pobos sen luz eléctrica de toda España. E nós tan tranquilos.

No Colexio Menor tiñamos unha emisora, quede claro que de uso interno e, xunto con algún máis, a levabamos Xerardo Rodríguez e máis eu. Xerardo habería ser un dos máis importantes responsables da RTVG e creador do mítico “Desde Galicia para el Mundo”. Unha vez gravamos un partido de fútbol dos campionatos escolares pra emitilo en diferido no colexio. Empecei eu. Aquilo transcorría demasiado rápido pra min. A maiores non sabía os nomes dos xogadores do outro equipo así que comecei a dicir que o sete pasa ó nove, o nove envía a pelota ó tres que lle arrea un fungueirazo que a bota fóra... e así. Quedou claro que Deus non me chamara por ese camiño. Continuou Xerardo e non quero dicir que foi a voz máis importante da nosa radio e da nosa televisión porque esas son sempre, cando menos, media ducia. Pero poucos levan tido as responsabilidades que el asumiu. Eu pasei a facer o periódico (mural) tamén de consumo interno.

Hoxe o Facebook tróuxome unha foto que colgou nel Xerardo Rodríguez. É do ano 1982. Daquela aínda criamos en cousas, en moitas máis cousas das que cremos agora, polo menos eu, se son sincero. Corresponde a foto a cando, a bordo do “Pleamar” navegamos ata a Foxa Atlántica pra protestar polos vertidos nucleares. Nela vésenos a uns cantos, no ponte do barco, posando prá foto. Vina unha vez e xa non fun quen de volver vela por moito que o intentei; un, que é moi limitado de entenderes e saberes nesto das redes sociais e os seus misterios. O que tal vai daquel país, do de 1955, do de 1982, a este de agora mesmo! Vai un mundo. Tanto é así que este é xa outro e moi distinto. Según gustos, pode que sexa moito millor, e tamén algo peor do que era aquel; pero, en cada caso, que cadaquén pense o que queira. Eu penso en Xerardo Rodríguez e no moito que se están a desaproveitar a súa vellez e maila súa experiencia. 

Te puede interesar