Opinión

Cousas de proporción homérica

Hai anos, moitos, tantos que foi en Cambio16, aquela revista que tanto empuxou á hoxe tan denodada Transición na que os que foran fusilados polo franquismo pactaron cos que os fusilaran, e viceversa, aquel tempo de Jauja, no que a xente falaba e se sentaba a comer ou a falar cos seus adversarios, mesmo cos seus inimigos irreconciliables, hai anos, en Cambio16, lin unha reportaxe que moito me fixera pensar.

Nela, nesa reportaxe diríase que homérica, relatábanse as heroicidades sexuais dos xogadores de baloncesto que o eran na NBA. Era a época dourada de Earbin Magic Johnson e de xente así. Non digo que il fose un dos atletas sexuais porque non recordo os nomes, pero si as cifras de coitos que se lles atribuían: catro, cinco e seis mil coitos, en todo caso mil ou miles de coitos en homes que non chegaran aínda a ser de obra de trinta anos.

O caso é que me deu por comparar; por comparar cifras, idades e datos, non por comparar con nada do que eu puidera coñecer. Conste. O meu foi un estudo aséptico. E desilusionante. Considerei que deberían durmir unha media de oito horas ó día, gastar outras oito en desprazamentos e entrenos, sen ter en conta viaxes e concentracións de antes e despois de cada encontro, pero si que as oito horas restantes, as ocupasen en comer e fornicar...seguindo un sabio consello mexicano que afirma o que segue: cuate, comer mucho, fornicar fuerte... esperar la muerte.

Nun me pareceu nin probable, nin tampouco non me pareceu posible, que ninguén de 23 anos, puidera levar sumados dous mil coitos, por dar unha cifra baixa e máis asumible cas outras reseñadas. Pra sumar mil anuais hai que se empregar tan a fondo como a unha media de tres diarios. Xa me dirán quen aguanta iso e, sobre todo, a que horas o fai e por moito que tódolos días encontre, chamémoslle así, partenaires.

Agora acabo de ler que Jose Luis Corral, catedrático de historia na universidade, escritor de novelas históricas -historicamente non moi rigorosas; lean por exemplo a que lle dedicou a El Cid- afirma ler, e o afirma advertindo que o fai sen exaxeración ningunha, catrocentos libros anuais. Voume abster de facer comentario malévolo ningún -can non morde can- pero se algún de vostedes bota contas, por favor, fágamo saber: hai anos que non dou tratado a ninguén que pase dos cen. Abstéñome de facilitar datos comparativos cos das cifras acadadas polos da NBA.

Te puede interesar