Opinión

O curso do Amazonas é o que é

Dous lectores e un amigo fixéronme diversas consideracións a cerca do escrito eiquí antonte. Os lectores non sei como deron comigo, ou se o sei non penso contarllo a vostedes, e o amigo hai anos, moitos anos, que sabe xa sabe onde me ten. Máis ou menos vinlles facer ós tres a mesma reflexión.

Unha cousa é o que eu penso e sinto, o ámbito de pensamento no que estou instalado dende ben cedo, e outra e ben distinta é a paisaxe electoral que me ofrece a realidade ou, cando menos, o que eu creo ver nela; dito doutro xeito, o feito de que eu prefira a Obama que a Trump non implica que pense que este segundo vaia repetir mandato presidencial. A imaxe de Hitler ou a de Stalin tampouco non me atraen nada e xa ven as que montaron. O exemplo é algo desproporcionado coa nosa realidade actual, pero os aplaudidores españois de Trump ocupan hoxe medio cento de escanos no Congreso dos Deputados e, malia que este feito non poidamos parangonalo de momento coa nosa realidade galega as urnas, ás veces, cárgaas o demo. 

SAN CRISTÓBAL, RIBADAVIA (OURENSE) 19/11/2017.  Partido de fútbol disputado en San Cistóbal entre el Ribeiro y el Beluso. José PazO caso é que o gran triunfador das vindeiras eleccións galegas vai ser Núñez Feijoo, agás que o Amazonas volva alterar o seu curso como seica xa pasou outrora. A uns gustaralles moito e a outros non lles gustará nada. Pero ata Tezanos ven dicindo o mesmo. Vai ser Feijoo o gran gañador; se gaña, porque gaña. Se perde porque, coa xestión do corona virus, amosou un talante e un quefacer destacable e acorde coa actitude e o pensamento maioritarios da poboación, non só galega, senón tamén do resto deste noso hoxe atribulado Reino de España. E a maiores soubo vendelo moi ben.
Do mesmo xeito que o Partido Popular de Galicia concorda como o fai co sentir e comportarse da maioría da nosa cidadanía -por dicilo doutro xeito, é o máis "idiosincrático"... ou o máis enxebre, da nosa paisaxe política- o Partido Popular liderado por Pablo Casado exemplifica, en exceso, a facilidade de ventriloquía de JM Aznar cada vez que o actual líder da nosa nada leal oposición abre a boca... e cada vez que o fai, cada vez que abre a boca, non fai falla que o faga o neto da abueliña de xeito que a confusión xa é máxima e o desbaraxuste electoral esperable. O que, no improbable caso de non gañar o PPG como se espera, converte a Núñez Feijoo na gran esperanza branca da dereita española pra levar ó PP a un porto que non sexa de arribada forzosa. A pregunta é, entón, a de quen lideraría o Partido Popular de Galicia, por dicilo cunha expresión da que moito gustaba o recordado Cuíña e tanto sustentaba e tamén personalizaba Xosé Luís Baltar e hoxe é continuada polo actual presidente da Deputación de Ourense. 

Lamentablemente descartado un PSdeG-PSOE que segue vexetando a conta de parasitar os éxitos e padecer os fracasos do PSOE dirixido desde Madrid, ás veces non tanto pola presión exercida por este senón a causa da obsecuencia ofrecida dende eiquí (e eu algo sei de iso) queda por contar cun BNG que non logra escachar ese seu teito duns trescentos de miles de votos acaso por estar máis instalado nunha ideoloxía e máis nunha linguaxe máis propiad de profesores que a que corresponde -¿déixanme dicilo novamente?- á idiosincrásia que nos distingue. Pra ben, pero neste caso tamén pra mal, o BNG non é un partido populista e permanece aínda ancorado nunha certa e algo obsoleta dogmática que o lastra unha vez chegada a hora dos votos. Algo así é o que tamén lle pasa o PSOE galego. Ou non?

O resto dos votos que serían necesarios pra outro "goberno de progreso" compóñeno a zaragallada propia da empanada mental coa que adoita agasallarnos ese feixe de partidos e partidiños, conxuntados mal que ben, que teño pra min que é debida en grande parte ás mareas e máis ás resacas que o líder carismático residente n'A Reboraina, estoume referindo a Beiras Torrado, deixou instaladas co seu metódico e persistente traballo de anos e anos gastados nun exercicio, espectacular e teimudo, de tecido dunha arañeira ideolóxica da que non se da saído.

E isto élles o que hai e lles dixen a eses tres amigos, se é que eses dous lectores me permiten que os trate tamén así, porque isto o que eu creo ver, sabendo que non ter por que ser como eu o vexo. Onde a min me gustaría, onde a min me gusta crer instalado o meu pensamento, iso élles outra cousa. Sigo sabéndome galego de nación, español pola historia e europeo por vocación, partidario que son da quenda alternativa e o moito que me gustaría ser considerado coma un demócrata amante das liberdades, respectuoso coas opcións alleas e exixente debelador, con argumentos, das individuais e propias. Así que marchemos todos francamente polo sendeiro electoral a ver que pasa e que nos reserva o futuro... se é que non aboia de novo, como se espera, o corona virus e nolo estraga todo unha vez máis. 

Eiquí chegado confeso abertamente que aínda non sei moi ben a quen votar e que espero, sequera sexa por unha vez, á campaña electoral pra ver que nos din os candidatos e que confianza me merecen os seus dicires. Non o teño tan claro como o tería de ser estas vindeiras unhas eleccións xerais. Así que estou inmerso nun mar de dúbidas e de insatisfaccións que, a verdade, nin lle importan a ninguén, nin tería eu porque estar confesándollas a vostedes. A quen votar? Hai por aí algún partido que ofreza un proxecto grazas ó que de xeito paulatino vaian desaparecendo os eucaliptais? E que a maiores se recupere nese proxecto a nosa flota pesqueira abandeirando os barcos sen que sexa no estranxeiro? Algún que descontamine os ríos e mailas rías? Algún que se tome a cultura en serio nas súas máis diversas manifestacións, sen pensar que Galicia se vai vertebrar industrialmente grazas ó Camiño de Santiago pouco menos que convertendo a consellería nunha especie de axencia de viaxes cando non nunha comisión de festas municipal? E a ciencia? E a sanidade pública? Que me din do ensino? E da industria naval? E da láctea? Que me din da riqueza en augas termais? Somente va seguir sendo tomada en serio na provincia de Ourense? Volveremos ter agricultura de nós e saberemos se a concentración parcelaria se fixo pra se abandonase o cultivo da terra? Pois por aí nos vemos.

Te puede interesar