Opinión

DA CREACIÓN DE MUNDOS ÁS SENTENCIAS DE MORTE

Xa estamos de novo nela. É abondo con que uns digan arre pra que os de enfronte -que máis ben deberían estar ó lado na gobernación de todos- digan xo; “quieto parao” que eiquí estamos nós. 

Que as Torres de Meirás, porque estas teñen de pazo o que eu de archipámpano das Indias, deberían ser un lugar no que perpetuar a memoria da ditadura non está nada mal pensado; ben que podería ser así; mesmo sin ter en conta que o que abondan son lugares onde esa memoria, guste ou non a todos, xa está perpetuada.

Que, en troques do anterior, as Torres de Meiras deberían ser inescusable referencia da vida e da obra de Emilia Pardo Bazán; tamén do tempo no que lle tocou vivir e de como o fixo -axudando así ó espallamento internacional dunha figura, como a dela, que aínda non ten a resonancia ca súa vida e maila obra ben reclaman- tampouco non está nada mal pensado.

Quizás non estaría de máis ir pensando que dado o tempo que Pardo Bazán -aquela muller extraordinaria á quen o seu pai lle dixo: "Mira, miña filla, os homes sómosche moi egoístas, e se algunha vez che din que hai cousas que poden facer os homes e as mulleres non, di que é mentira, porque non pode haber dúas morais pra dous sexos" e ela fíxolle todo canto caso cumpría facerlle, aplicando o conto ata as súas últimas consecuencias tanto como persoa como na súa condición de escritora-, quizás non estaría de máis considerar seriamente que dado o tempo que ela disfrutou da súa propiedade e dado o que o ditador a ocupou, o que conviría facer sería establecer un parangón entre as dúas realidades existenciais.

Eu que sei, por exemplo: nesta estancia dona Emilia se pechaba a escribir tódalas tardes do verao e nela o ditador acordou tal e tal cousa que afectou á vida de mortal deste ou daquel; está é a biblioteca de Dona Emilia, agás os libros que dela expurgou a muller do ditador, e estes cadros que a adornan foron pintados polo ditador e eiquí quedan pra que se comparen. Cousas así, sinxeliñas e moi pedagóxicas que ilustraran ós visitantes sobre a diferenza existente entre a creación de mundos pra que os habiten os lectores e outra ben distinta a lectura de condenas a morte pra decidir si se confirman que sexan executadas por fusilamento ou por garrote vil, que de todo houbo. O que non obsta, conste, pra que noutros lugares do país se ilustre á cidadanía sobre as checas madrileñas, por exemplo e a existencia do chamado "El Ángel Rojo", Melchor Rodríguez García, breve alcalde de Madrid en días asañados que el axudou a mitigar na medida na que lle foi posible, pois sabido é que en todas partes cocen fabas. Eiquí tamén.

Te puede interesar