Opinión

Defender a Ben-Cho-Shey

Montaigne fala do "pedantismo" no capítulo XXV do seu monumental libro de "Ensaios". Confeso que son lector, bastante asiduo, de Michel de Eyquem, fillo de Pierre, preboste de Burdeos, e máis de Antonia Lópes, herdeira de ricos xudeus españois que, como os de Spinoza, moito me gustaría a min que pasaran antes por Galicia, segundo parece ser que fixeron. Non os de Montaigne, pero si os de Spinoza. Confesalo así, tan paladinamente, mesmo pode resultar pedante, pero non doutra cousa é da que estamos a falar.

Afirma Montaigne nese capítulo que, cando quere armarse contra o temor á morte, o fai a conta de Séneca; e que, necesitado de consolo, recorre a Cicerón; pero que detesta esta intelixencia subsidiaria e mendigada, este a xeito de esmolerismo intelectual, esta capacidade relativa e mendigada. Pois estes mestres, como afirma Platón dos sofistas, irmáns deles, son, entre todos os homes, os que prometen serlles máis útiles e sen embargo son os únicos que non só non milloran aquilo que se lles confía senón que mesmo o empeoran e cobran por telo feito. Máis adiante fala Montaigne da súa lingua perigordina, a desa parte de Francia, subdividida en rexións denominadas con cores; así, o Perigord Branco, o Verde, o Negro e mailo Púrpura, según a vexetación, o chan e o viño que amosen e produzan e fala tamén de que nela, nesa súa lingua de orixe, se lles chamaba “lettroferits” a eses mesmos que el á súa vez denominou sabihondos e desprezou canto puido. E miren vostedes de ónde procede a palabriña da que aínda hoxe adoitamos botar man. Non gaña un pra sorpresas.

Relendo a Montaigne recordei o lido hai uns días nun libro do que xa lles falei. Nel, un destes nosos personaxes que todo o entenden, saben e explican afirma que "os de Galaxia" endexamais consideraron a Ben-Cho-Shey coma un dos seus. É certo que "os galaxios" formaron un fato de seres algo pechados en si mesmos e que non foron xenerosos chegada a hora de editar algúns dos libros escritos por Ramón Fernández-Oxea, home que según el foi "demasiado apaixoado, demasiado intransixente, demasiado carne de corazón" pra ser considerado por eles, pero lida a correspondencia que mantivo Ben-Cho-Shey con xentes como Piñeiro ou Paco del Riego, produce a impresión de non ter sido esa, precisamente, a causa da non edición da súa obra; dito sexa con todos os respectos debidos á entrega de Ben-Cho-Shey á causa da lingua e máis da cultura de nós.

Sen embargo non é iso o máis ferinte das precisións feitas por este noso "lettroferit" cando engade ó anterior comentario que todas esas apaixoadas e apaixoantes circunstancias eran demasiado pra que o noso autor fose aceptado "polo clan de trepadores sociais que hoxe controlan a Presidencia da Xunta, a Presidencia do Parlamentiño, a Presidencia da Academia, a Presidencia do Consello da Cultura Galega e outras presidencias menores de patronatos e de cousas".

Non se vai discutir que, entre eles, entre os de Galaxia, non houbese algún "trepador" ca outro pero é dunha enorme inxustiza, constitúe unha infamia o feito de falar así incluíndo na nómina a xentes como Sixto Seco ou Xaime Isla, como Álvaro Gil ou Fermín Penzol ós que o galeguismo custoulles cartos e desgustos e, por suposto, ningunha presidencia de nada. Ou como Paco del Riego, traballador infatigable; ou como Ramón Piñeiro que, logo dunha vida entregada ó galeguismo deixou na súa conta corrente unicamente o importe do premio "Fernández Latorre" que había pouco lle fora concedido. E coma eles outros.

Quen con posterioridade si foi presidente da Real Academia Galega pra non deixar un gran recordo dun exercicio ético e moral do cargo, logo de ter exercido durante décadas como paradigma de tales exercicios éticos e morais e de acrisolada cidadanía galega, acaso debera ser máis xeneroso coa memoria daqueles que, no seu momento, cando editar en galego non era o mesmo que facelo hoxe, o acolleron con alborozo no seu catálogo editorial. 

Pra enxalzar unha figura como a de Ben-Cho-Shey non é preciso rebaixar outras. A Ramón Fernández-Oxea deféndeno a súa traxectoria vital, a súa entrega e o seu amor á nosa cultura e, noutro orde de preferencias a súa obra literaria, circunstancia esta que explicaría, mal que ben, algunhas cousas. 

Noutra orde de cousas, o "Parlamentiño" non é un apelativo cariñoso, senón despectivo que cualifica, moito máis ca ó Parlamento de Galicia e ós parlamentarios que nel levan ocupado escano a quen así o considerou e definiu dende un principio... por non recordar os apelativos cariñosos dedicados á nosa Real Academia Galega ou ó exercicio literario dos seus propios compañeiros de letras. 

O problema quizás consista en que os profetas, mesmo tamén os savonarolas, sempre teñen as súas profecías e as súas afirmacións por se cumprir, aquelas, e por se demostrar estas. Sucede que adoito quen fala por nós non son as nosas palabras, senón os nosos feitos e o resultado deles. Este noso minifundismo político e cultural, esta constante fragmentación e crítica, máis ca ningunha outra cousa, son ás que nos trouxeron directamente á situación actual. Pero, en derradeira instancia, vai acabar resultando que o "culturalismo" dos de Galaxia leva sido políticamente moito máis efectivo e duradeiro, axudou máis e máis decididamente á consolidación das nosas institucións propias ca ningunha das outras políticas seguidas, mesmo as da loita armada. 

Te puede interesar