Opinión

Desfruten dos goles de Maradona

De Wilhem Reich, galego de Dobrzanica, da Galicia austrohúngara, hoxe falase pouco; ben que o sinto. Confeso que eu lino moito, alá polo 68 e anos circundantes. Foi discípulo de Freud, xudeu coma el, e foino na súa condición de médico e psiquiatra, coma o propio Freud (de quen tampouco non se fala hoxe moito) ata que a súa consideración do factor social como responsable da neurose individual o arredou da escola freudiana, da psicanálise e da parte alícuota da gloria, sempre efémera, que orlou ós psicanalistas. El tiña outros empeños, se ben recordo

Hai quen di del que era un tipo delirante e din outros que foi un xenio dono dunha mente lúcida e revolucionaria, a máis importante e lúcida de todo o século XX. Escribiu "A función do orgasmo" e tentou casar o marxismo coa psicanálise co resultado final de que mallaran nel a eito psicanalistas e marxistas. Fuxiu prós Estados Unidos, como tantos outros, logo de que empezase a falar do orgón, síntese segundo el de organismo e orgasmo. Non recordo se foi xa nos EEUU ou antes, o caso é que conseguiu que, os seus detractores, queimasen unha tonelada e media dos seus manuscritos nos que se contiñan as súas teorías, o que pode da unha idea do extremadas que eran as posicións dos seus adversarios e máis tamén a del mesmo.

Nos EEUU foi condenado por causa de ter inventado un acumulador de orgón, desa síntese de orgasmo e organismo ó parecer tan beneficioso nos dous sentidos pois coido que, o tal acumulador, milloraba a condición de ambos. Acusárono de estafador e metérono no trullo. Ata non sei se morreu na prisión, vítima dun ataque cardíaco.

O caso é que eu o lin moito, malia que non fose moito o que eu entendese de todo canto lin. Pero houbo unha afirmación súa que moito me deu que pensar... e aínda mo da. Escribiu que "o cancro sobrevén cando se perde o acceso á esperanza". Eu son da crenza de que o cancro é un resultado máis da vida, da eterna loita pola vida, que obriga a todo organismo vivo a continuar séndoo a conta doutros organismos vivos, descúlpeseme a reiteración. Non encontro millor maneira de dicilo.

O que sucede é que, nacendo todos coa posibilidade de desenvolvelo, o cancro actívaselle a uns por fumar moito, a outros por beber en exceso e a moitos outros por causas atribuíbles ó sentimento, se me deixan que o diga así. Na nosa conciencia popular, así latexa tan convicción. Cantas veces non escoitamos dicir nas nosas aldeas que a alguén, logo de que o deixara a muller, se lle morrera un fillo e se lle viñera a ruína económica enriba, logo de desastres, desgrazas e miserias comparables, farto xa da propia existencia e perdida xa a esperanza non acordara coller "o bicho" e despedirse da vida? 

Acordeime de Reich e das miñas e esquecidas lecturas mentres me aplicaba na do libro de aforismo de Lichtenberg e topei con un máis dos centos deles que veñen recollidos no seu libro así titulado. Lichtenberg tamén debeu ser un tipo peculiar, profesor de física na Alemaña do século XVIII, descubridor das "figuras de Lichtenberg" que tanto influíron nos estudios da electricidade do seu tempo e aínda nos posteriores e autor dunhas cantas pezas satíricas que nunca lin e por tanto non podo dar conta delas.

Cal ven sendo o aforismo que suscitou en min a reseña de todo canto hoxe deixo escrito. Foilles este: "Non deixa de ser estraño que coñezamos tantos medios pra fomentar unha enfermidade e de tan poucos pra curala".

O inmediato, logo de lelo, é cismar en si é certo; dispomos do tabaco pra espertar o cancro de pulmón, de licores alcohólicos pra excitar o de fígado, mentres que a patria economía e a deteriorada convivencia dannos o abondo número de desilusións como pra que non sexa pouca a xente que perda a ilusión de vivir e acorde espertar ese bicho que todos transportamos nos nosos organismos ó longo de todas as nosas vidas.

E cando a enfermidade atinxe non ó individuo senón á colectividade que sucede? Cando dispomos de polución, de contaminación tanta como pra ver afectados os océanos e maila atmosfera que respiramos, os fumes que envelenan as cidades e os vertidos que poluen as augas continentais, xunto con este deteriorado medio ambiente convivencial que padecemos, non deixa de ser sorprendente a ausencia de coñecementos que nos leven a conxurala antes de que unha pandemia coma a que padecemos destrúa, xa que non a toda, Deu-lo fixera millor, si a unha parte importante da poboación humana. E como remate unha recomendación acorde cos tempos que vivimos: déixense de lerias e lecturas como as miñas e deléitense cos goles de Maradona: constitúen un fermoso xeito de seguir vivindo na inopia; ollos que non ven, xa saben: toupetazo que te pegas.

Te puede interesar