Opinión

Deste e doutro lado

Neste extremado e tamén algo estremecido paisiño noso hailles demasiada xente disposta a crer en todo o que quere crer e, por mor desa súa disposición, non nos debe caber dúbida algunha de que son xentiña satisfeita de si mesma e feliz en grado sumo. Abonda con que se axiten sentimentos pra a crenza pra que o desexo de tela aboien. En "Breixo", posiblemente a novela que me fixo como escritor, creo recordar que existe a descrición dun avó que lle vai amosando ós seus netos como tomaron o cima dun outeiro, alá na xa lonxana e sen embargo tan próxima Guerra Civil de entre o 1936 e o 1939.

Na mesma novela e sen solución de continuidade, de seguido e pola outra aba do outeiro, outro avó vaille contando ós seus netos como tomaron a mesma posición, que antes tomaron os outros, xa que esta foi alternativamente ocupada por uns e por outros. Os discursos dun e doutro avó son exactamente iguais. Un era "nacional" e outro era "republicano" e os sentimentos que sementaron no ánimo dos seus netos exactamente iguais e iguais malia que opostas as crenzas que xermolaron nos seus corazóns de nenos.

Hoxe, corenta anos despois da descrición que queda recordada, caberá preguntarse, digo eu, cal ha ser a reacción duns e doutros netos posto que na novela non se aclara quen era dun bando e quen era doutro. As fes e os sentimentos seguro que han ser os mesmos malia que encontrados. Eternamente encontrados? Sería de desexar que non o fosen. Pero pra que deixen de selo hai que propoñerse desexalo abandonando dunha bendita vez ese enfrontamento co que a Historia nos ten agasallado.

Noutra novela, posterior a aquela e titulada "Historia dun soldado" cada un dos bandos enfrontados nunha guerra civil establecen dous campos de prisioneiros de guerra no cima de dous montes separados por un río. Os dun e mailos do outro campo axéxanse mutua e constantemente. Mentres os dun campo e os doutro van recibindo prisioneiros a cousa vai funcionando con certa coherencia benévola. Que os de un campo poñen os seus presos a sachar patacas, os do outro fan o mesmo cos seus; que fan coros e cantan cancións, pois coros e cantos enchen o outro campo.

Así vai transcorrendo o tempo nos dous campos, dun xeito apacible e plácido, ata que chega un día nos que os dun lado poñen a facer instrución militar ós seus presos. Son inmediata e mimeticamente seguidos polos seus adversarios e seguros observadores do seu acontecer cotiá. A vida nos dous campos de castigo é unha bendición posta a carón das calamidades da guerra das que permanecen a salvo.

Ata que chega un día no que arriba a un dos campos unha nova remesa de presos, tantos que non dan abasto pra aloxalos e mantelos nas mesmas condicións disfrutadas ata ese momento. Entón o comandante do campo decide ir executando a uns cantos ata devolver o número de presos as cifras consideradas idóneas. No outro campo non reciben máis presos e, se antes emulaban ós seus adversarios sachando patacas, agora os emulan levando os seus presos ó paredón de fusilamento. Así ata que se quedan sen presos que executar, momento no que deciden seguir emulando e competindo cos do outro campo simulando fusilamentos prós que escollen ós propios soldados ós que lle han disparar con balas de fogueo pra que se tiren ó chan finxindo estar mortos.

Trátase dunha representación macabra porque os soldados fusiladores van apropiándose do seu papel, van deixándose invadir por el -tal e como Gabriel Marcel, o existencialista francés indica que van facendo os personaxes sartreanos: o profesor que se encontra a gusto rifándolle ós alumnos e acaba por se converter no que antes finxeu ser, etc- que o casos é que os executores, posuídos da súa nova identidade, acaban asumíndoa e fusilando ós seus propios compañeiros. Non recordo agora os nomes de cada bando. Si que uns eran os de ODL, por exemplo, Os Deste Lado, e os contrarios os de OOL, os do O Outro Lado de feito que cada lector poida escoller bando e saber quen é quen o fai millor, cal máis asasino dos dous.

Os dous son asasinos porque cada un dos bandos acaba por se conducir de tan asañado modo. Pero é indubidable que os dous son contendentes que pertencen á mesma terra, ó mesmo territorio e á mesma cultura e dun lado e outro hai xentes de todo tipo, condición, fe e ideoloxía, membros da mesma familia, irmáns con distintas e enfrontadas adscricións e por aí seguido tal e como sucede na realidade; mesmo hai xente que pode subscribir moi ben as palabras que Salvador de Madariaga utilizou pra describir a súa propia postura: "Son liberal porque creo que o primeiro é a liberdade. Son socialista porque creo que hai que velar sempre porque as liberdades individuais non se exerzan en contra do ben común. Son conservador porque estimo que sen un mínimo de orden non pode haber nin liberdade nin xustiza".

Daquela, cando escribín esta segunda novela que comento, non lera estas palabras de Madariaga que se me antollan tan tristes, tan desexables e tan sabias como pra escribir tan desesperanzadamente como o estou facendo. Como cre o lector atento que remataría entón a miña novela? Posiblemente tal e como o fai. Hailles outras palabras de Madariaga que empuxan de novo á reflexión evitando de contado esa nosa tendencia a crer en todo o que queremos, satisfeitos que estamos de ser como somos, tanto que estamos convencidos de que por razón ou por forza os demais han ser como nós somos. Hai lles quedan as outras palabras de Don Salvador de Madariaga: "Loitar polo pan pra un é material, pero loitar polo pan pra outros é espiritual. Por iso pra min son máis liberal que socialista; pró próximo máis socialista que liberal". Que farían ou que lles pasaría a xente como el neses dous campos de exterminio. Pensen e crean o que queiran, pero é de temer que a cousa non teña ningún remedio. 

Hailles outras palabras de Madariaga que empuxan de novo á reflexión evitando de contado esa nosa tendencia a crer en todo o que queremos.

Te puede interesar