Opinión

Discrepancia, disidencia, ostracismo

Se é certo que a fe ven sendo un don gratuíto que Deus, graciosamente, lle concede a certas almas, debo recoñecer que a min, cando menos de momento, non mo concedeu no que atinxe á aceptación cega dos dogmas. Confesalo así, tan espontánea coma inxenuamente, non debe ter moito sentido. Se o fago é en resposta a un descoñecido correspondente que, vía correo-e, deu en me reprochar que me confesase moito máis cristián que católico. Cantos son os crentes católicos que coñecen a batería de dogmas de obrigada aceptación na súa calidade de fieis crentes da Santa Igrexa Católica, Apostólica e Romana, que con tanta seguridade afirman ser? Confeso que non o sei.

Sei, iso si, que vai ser complicado o feito de que a cada persoa se lle vaia permitir que crea, tan só, na súa propia razón e, iso si, que mesmo o faga con dúbidas. Según a definición de fe que, dun xeito ou doutro queda citado unhas liñas máis enriba, así debera ser sempre e cando as conclusións ás que chegue o individuo -do individuo de quen non depende crer ou non crer, pois según acabamos de aceptar tal feito depende dun don gratuíto que Deus concede a determinadas almas- depende da divina e allea vontade o conceder o don ou non facelo. O que sucede, coido eu, é que se o feito de crer ou de non crer non depende do home, senón de Deus, do home si que depende o respectar os usos e costumes da colectividade á que pertence.

É de supoñer que esta concepción derivada da relixiosidade afectará a todos os ordes da nosa vida e que abranguerá dende o ámbito familiar ó público e político como estou convencido de que si, de que afecta a tódolos ordes da nosa vida, cando menos na sociedade da que formamos parte.

Non é prudente contrariar os usos e costumes da colectividade á que pertencemos, tan impregnada como está toda ela de valores derivados da relixiosidade na que fomos educados. Como se entende, se non é así, a discrepancia dos valores políticos desta ou daquela formación -sequera sexa mínima a tal discrepancia- cada vez que esta discrepancia conleve a máis mínima crítica ó sanedrín de xerarcas empoleirados nos altos cumios de cada formación?

Posiblemente moi mal formulado, o escrito ata eiquí, explique porque a máis mínima reticencia ante os mandados dos líderes políticos actuantes en cada momento condena ó ostracismo a quen ouse optar pola máis mínima disidencia ou a igualmente mínima discrepancia dos preceptos promulgados polos líderes políticos que o foron en anteriores circunstancias. Pero así élles a condición humana. O problema xurde cando esa condición se exacerba co paso dos anos e a decrepitude dos vellos líderes. Véxase senón o acontecido ultimamente con Felipe e Guerra e considérese se pagará ou non a pena manter a relixiosidade coa que entendemos a política. Non todo ten que ser razón de fe.

Te puede interesar