Opinión

O dono das palabras é quen manda

Xa sei que me poden dicir que o que lles vou comentar sucedeu o pasado día 15 do mes que andamos ou, como se dicía antes, o día quince próximo pasado. Xa o sei. Tamén sei que estas nosas páxinas -e máis estas nosas horas- as miñas e tamén as de vostedes, meus lectores, sáenme ás veces algo atravesadas. Tampouco ignoro que, como estes non veñen sendo artigos senón máis ben conversas que mantemos xuntos, se admite que o que en Compostela chaman zaragallada e en Allariz lle dicimos amoado -xa saben, o recheo da empanada- me saia ás veces algo espeso en demasía. Pero que lle imos facer. Aí lles vai o amoado de hoxe.

O caso é que se Sarah Palin, recórdena, a que foi gobernadora de Alaska, de non moito máis alá de setecentos mil habitantes, a piques estivo de ser vicepresidenta os Estados Unidos de América , esa nación de estados que conta con trescentos e pico millóns de seres no seu censo; se Sarah Palin tal cousa fixo, non se ve razón ningunha como pra que a señora Ayuso, que preside unha autonomía que conta cuns sete millóns de cidadás, non acabe presidindo o goberno de España que so conta con corenta e cinco millóns deles. O problema estriba en que se a señora Palin foi o antecedente de Mr. Trump, a señora Ayuso poder ser o de ti vai saber quen e medo algún sí que o da. A maior abondamento e cita de coincidencias, a ex Miss Alaska licenciouse en xornalismo pola universidade de Idaho e foi Miss Simpatía no concurso de Miss Wasilla. Foino por tocar a frauta, instrumento que, tamén por casualidade, moito lle leva soado á dama tan simpática e que tanto nos fai sorrir como é a señora Ayuso.

No programa de Ana Rosa Quintana -xa saben, a que lle encargou a un seu ex cuñado que lle escribira o libro que logo ela publicou co seu nome- interveu a presidenta da Comunidade de Madrid, que xa manda en moita máis xente da que nunca mandou a que estivo nun tris de ser vicepresidenta con John McCain, co que xa leva moito adiantado.

Tornando agora ó rego, comezado aí un pouco máis enriba e aínda que sexa con retraso, permítanme recordarlles, primeiro, o dialogo mantido entre a documentada presentadora das mañás de Tele5 e logo outro, máis antigo, que recordei nada máis ter sabido deste; cousa que sucedeu, hai xusto once días, cando me puxen a escribir isto que están lendo vostedes hoxe sen que dende entón cambiara nada.

Pois ben, resulta que a señora Ayuso dixo moi convencida que "se te chaman fascista será que estás no lado bo da Historia" ó que a señora Quintana respondeu con silencio e cunha cabeza baixa. Circunstancia esta que foi o que debeu provocar a convicción de que, como quen cala otorga, a señora presidenta preguntase: "Chamároncho a ti algunha vez?" motivando a moi esperable resposta de que: "A min tódolos días!" de xeito que a señora Ayuso puido concluír: "Entón é que estás no lado bo da historia".

O dialogo que me veu á mente de contado está contido nun parágrafo que sei case que de memoria, tal e como llo transcribo. "Cando eu uso a palabra -dixo Humpty Dumpty, nun ton algo burlón- significa precisamente o que eu decido que signifique; nin máis, nin menos. O problema é, respondeulle Alicia, se vostede pode facer que as palabras signifiquen cousas diferentes. O problema é -dixo Humpty Dumpty- saber quen é o que manda, iso é todo". Poden buscalo en "Alicia a través do espello" de Lewis Carroll.

O problema, penso eu, se me permiten que o diga, é que a señora Ayuso manda moito, que pode mandar moito máis e que, aínda mandado menos, xa é quen de decidir que ser fascista é estar do lado bo da Historia. Hai tempo que ven ocupando o campo semántico que nunca lles foi propio ós seus, restándolle espazo non só a aqueles que constitúen a súa oposición senón, o que é moito máis grave, á verdade histórica. "Socialismo ou liberdade", que é outra das súas afirmacións máis recentes, induce a esquecer o que a social democracia europea, en conxunción coa democracia cristiá, significou pra Europa enteira logo da derrota do fascismo, acadada ó superar o transo da terrible Segunda Guerra Mundial. Todo elo induce á confusión a toda unha sociedade que ou ignora, ou non recorda, ou prefire esquecer unha realidade con tal de poder aceptar afirmacións simplistas que fagan crer que con elas se han solventar problemas complicados. Non hai que esquecer que tanto Hitler como Mussolini chegaron ó poder por vía democrática e facendo alardes de amor e respecto á liberdade. Alardes dos que se esqueceron segundo ía medrando o seu poder, xusto a partires da súa exaltación democrática á gobernación dos seus países.

Fascista é un término bidireccional dende hai tanto tempo como fai que comezou a ser utilizado como insulto en troques de como unha definición. Un fascista é, por definición, un ser ideoloxicamente totalitario, un ser supremacista que pon o estado por enriba do individuo e que, pra conseguilo, pon lindes á liberdade en todos cantos sentidos esta poida ser entendida con independencia de que ese estado poida ser a expresión dun pensamento do que coñecemos como dereitas ou do que entendemos por esquerdas. A Alemaña nazi de Hitler, ata esteticamente, non se diferenza moito da Rusia soviética de Stalin, por quedarmonos nesas dúas lindes xeográficas e andar escarabellando en máis e susceptibles pelexos que os así afectados.

Xa vimos o que a palabra fascista, a palabra nazi, con elas tamén a palabra comunista, significaron durante os períodos históricos nos que propalalas, aceptalas ou asumilas, implicaba a túa posición de conivencia cun sistema de ideas que só trouxo destrución e barbarie á civilización humana. Entón todo o mundo soubo que quen mandaba era o dono das palabras, como Humpty Dumpty, e que estas significaban o que el decidise que significasen. Non debemos esquecelo. Tampouco que pese a todos os pesares, que non son poucos, vivir en Europa segue a constituír un privilexio. Millor ha ser que o conservemos.

Te puede interesar